Ciencia e filosofía

Técnica, tecnoloxía, tecnociencia

Ciencia e financiamento

Posicións fronte a tecnociencia

Suxestións

Enlaces sobre o tema

 

Ciencia e filosofía

Non hai unha fronteira ben definida entre a ciencia e a filosofía, nin son saberes contrapostos, pola contra ambos teñen en común seren saberes racionais e neste senso intentan superar a superstición, o mito e a ignorancia.

Un dos máis importantes pensadores do noso pais, Jesús Mosterín, catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade de Barcelona, afirma que ciencia e filosofía se caracterizan por unha curiosidade universal, o rigor , a claridade conceptual e a contrastación empírica das nosas representacións. E engade "na medida en que estos ideais se realizan parcial e localmente, falamos de ciencia. Na medida en que só se dan como aspiración aínda non realizada, falamos de filosofía. Pero só na súa conxunción alcanza a aventura intelectual humana o cerne da súa plenitude".

Reflexionando sobre ciencia e técnica:

¿Quen pensas que inflúe máis na formación de novos modos de vida e de valores na sociedade, os intelectuais, profesores, físicos, deseñadores de vivendas e aparellos, técnicos na elaboración e conservación de alimentos, ou mecánicos de automoción? Razoa a resposta.
¿Por que nunca aparece nos anuncios de desodorizantes, colonias e similares, un canteiro traballando (que posiblemente súe dabondo), ou calquera outro traballador manual e pola contra acostuman mostrar homes ou mulleres situados en contextos elegantes ou refinados, mesmo ociosos?
¿Un ciruxián é un técnico? ¿E un arquitecto?
¿Que fai nun hospital un técnico de raios? ¿E o radiólogo? ¿Entre as dúas profesións cal escollerías e por que?
¿Un enxeñeiro de camiños é un técnico?

Técnica, tecnoloxía, tecnociencia

Podemos definir técnica como a actividade que ten como fin producir obxectos útiles seguindo unhas determinadas regras que posibilitan a consecución do obxecto do mellor modo posible. Tales regras son froito da observación empírica, pero non necesariamente están baseadas no coñecemento científico. Así por exemplo o oleiro ten aprendido unha serie de pasos a seguir para a construcción dun xerro sen que as súas habilidades necesiten do concurso das ciencias que estudian os materiais e as súas reaccións químicas.
En sentido amplo utilízase o termo técnica para referirse a calquera acción ou procedemento orientado á consecución dun fin práctico.

A tecnoloxía viría a ser unha clase de técnica. Concretamente abrangue aquelas actividades humanas tendentes á producción de artefactos ou procedementos con fins prácticos – incluíndo a organización social- fundamentadas en teorías científicas.

A distinción entre ciencia teórica, básica ou pura e ciencia aplicada é cada vez máis difícil de soster. A primeira dise daquela investigación que obedece só ós desexos de saber, á satisfacción de coñecer coa única finalidade do desenvolvemento do coñecemento e da razón, neste senso as teorías científicas só pretenden comprender o mundo. Sen embargo, a ciencia aplicada refírese á ciencia que aspira a dominar e modificar o medio, en calquera dos seus aspectos. Se ben é certo que na práctica ambas intencións sempre se deron xuntas se podía discernir entre ciencia teórica e aplicada dependendo de cara a que lado se inclinaba a balanza. Hoxe en día, a complexidade da estructura social que sustenta a actividade científica fai máis complicado ca nunca manter tal distinción, de aí que se fale de tecnociencia, concepto co que queremos por de manifesto a profunda interrelación entre ciencia e tecnoloxía consolidada a partir do século XX

Posicións fronte a tecnociencia

O noso interese ó plantearnos este tema pode resumirse nas seguintes preguntas:
"¿Cál é a función da técnica na estructuración global da cultura humana?"
"¿Redúcese a técnica a liberarnos do mundo inferior da necesidade?"

Primeira opción:
O imperativo tecnolóxico
.
A daqueles que defenden que non existe a priori ningunha limitación, ben sexa ética, relixiosa, metafísica ou social para intentar facer todo o que desde a mesma Tecnociencia sexa posible. As únicas limitacións á experimentación tecnocientífica son as que veñen impostas polas leis da natureza. Á pregunta de se hai ou non que intentar tal experiencia ou promover tal experimentación, esta sería a resposta: Fronte a calquera consideración ética, imponse o imperativo tecnolóxico.

Segunda opción:
O imperativo conservacionista.

Viría definida pola renuncia á Tecnociencia e é unha especie de volta á natureza. O pensamento de J.J. Rousseau (1712-1778) é un importante antecedente desta posición. Na actualidade preséntase na forma de numerosas e frecuentes chamadas de advertencia sobre as ameazas que pesan, nomeadamente sobre o medio ambiente, e que porían en grave risco a calidade da vida das xeracións futuras e incluso a mesma supervivencia da humanidade como tal. Este enfoque atopa a súa plasmación na chamada Ecoética e en diversos fundamentalismos relixiosos. Xeralmente a moral conservacionista acolle no seu seo propostas sinxelamente anticientíficas (volta á natureza, comunidades rurais, etc.) ou favorables exclusivamente ás chamadas tecnoloxías brandas que non trastornen a sabia orde da natureza.
Unha moral da non intervención fundaméntase dende a perspectiva relixiosa no marco teolóxico que ve no home e na natureza a obra sagrada de Deus, que o ser humano non debe alterar. Baseándose en tales principios, algunhas confesións relixiosas piden a fin da investigación e desenvolvemento no campo da procreación e da xenética humana, coidando que cómpre respectar a orde e as vías da natureza que amosan a vontade divina.

Terceira opción:
O imperativo da salvagarda do humano.

O potencial de beneficios e desastres da moderna Tecnociencia é tan grande, din os partidarios desta postura, que é mester introducir a reflexión e a responsabilidade no labor dos técnicos e dos científicos. A enorme masa do saber cuantificable e tecnicamente utilizable non é máis que veleno se está desposuído da forza liberadora da reflexión, que non debe ser remitida á filosofía, senón que debe porvir do interior do propio mundo tecnocientífico.
Cómpre ante todo salvagardar os aspectos fundamentais do ser humano e para iso é mester fixar criterios de selección que axuden a determinar as condicións que fan realizables eticamente aquelas innovacións tecnicamente posibles. Entre estes criterios propón os seguintes:
Criterio da liberdade: unha posibilidade ou experiencia pode desenvolverse dende o momento en que todas as partes implicadas consentiron na mesma, despois dunha información verdadeira, completa e comprensible.
Criterio do "ben" do ser humano: non se debe intentar nada sempre que non sexa para o ben do home e da humanidade.
Criterio de salvagarda do humano: “Obra de tal modo que as consecuencias da acción tecnocientífica non sexan destructivas para as posibilidades presentes e futuras da vida".

Cuarta opción:
Articulación do instrumental e o simbólico
.
Veñen dicir que as contornas simbólicas tales como a cultura, a ideoloxía, as institucións, as tradicións, etc. das posibilidades tecnocientíficas deben exercer un papel importante na avaliación das mesmas.
Determinados valores simbólicos deben actuar tanto en sentido negativo para sinalar os lindeiros do que non se pode facer, como en sentido positivo, como orientación do que se debe facer e intentar. O simbólico, é dicir a parte do home que resiste á obxectivación e á mecanización e que nos outorga o que chamamos dignidade humana en tanto que persoas, será a barreira que impedirá que nos convertamos en puros medios ou instrumentos do imperativo tecnocientífico. Debemos, pois, analizar o conxunto de factores que interactúan arredor dos programas de investigación e desenvolvemento científico e non reducir un fenómeno tan complexo á simple utilidade instrumental.

Quinta opción:
Prudencia e apertura ante a imprevisibilidade do futuro.

Os defensores desta forma de analizar o problema insisten en que, ao contrario do que ocorre co pasado que está pechado, o futuro está aínda aberto ás influencias, non está completamente determinado. Non podemos, xa que logo, predicir o futuro, sobre todo aqueles aspectos que se atopan influídos nunha medida relevante polo aumento do noso coñecemento. Neste contexto unha Ética pragmática renuncia a prever e a resolver de antemán todos os problemas e a respostar a todas as preguntas. Entón, as eleccións que fagamos no campo da Tecnociencia, deben estar marcadas por esta imprevisibilidade e apertura. Unha Ética que é consciente da responsabilidade verbo do futuro, non pode excluír aprioristicamente, e sobre todo dunha vez por todas, ningunha posibilidade, ningún camiño. Sería abusiva unha preocupación polo futuro baseada nas nosas concepcións sobre o que hoxe consideramos desexable ou nas distincións que realizamos na actualidade entre o ben e o mal, entre o que é hoxe normal e o que consideramos monstruoso. A nosa previsión debe limitarse a non acoutar nin pechar definitivamente os camiños polos que hoxe optamos por razóns e sentimentos que só son nosos.
A mesma precariedade do home esixe que non excluamos nada. O ser humano pode ser varrido da superficie da Terra por un cataclismo cósmico, e son a Ciencia e a Técnica, utilizadas de forma responsable, as que nos poderían axudar contra este destino catastrófico. Pero isto tampouco é unha invitación a facer calquera cousa, senón unha chamada a unha prudente apertura e á cautela de non descartar ningunha posibilidade, aínda que se admitan, cando sexa mester moratorias, debates ou un camiñar máis lento e vagaroso.

(Tomado de F. Martinez Bouzas: “Ética e Tecnociencia” en A ética na que vives. Ed. Bahía)

Ciencia e financiamento

As fontes que alimentan economicamente á ciencia e que por tanto desempeñan un papel determinante á hora de decidir que programas de investigación van desenvolverse son basicamente tres:


Os estados, fundamentalmente os departamentos de defensa.


As industrias.
Xunto cos departamentos estatais son a principal fonte de financiamento da investigación científica. As industrias farmacéuticas, as de telecomunicacións, materiais e moitas outras dedican importantes sumas de diñeiro á investigación co fin de obter novos productos ou aplicacións que sexan ben recibidos no mercado co propósito de aumentar ós seus beneficios. Do anterior dedúcese que un programa de investigación que non sexa rendible a curto ou medio prazo non vai ter cabida nos plans investidores das empresas aínda que sexa de grande interese teórico ou social. Como exemplo disto último o caso das enfermidades minoritarias ou que se dan fundamentalmente en países nos que a situación económica non permite a compra de tales medicamentos .


As universidades e fundacións.
En principio se pode considerar esta fonte como a máis neutral, no senso de que a investigación promovida por universidades e fundacións atendería primordialmente ó azo de saber, á pura curiosidade científica e mesmo á necesidades da sociedade pero en ningún caso con fins lucrativos ou en beneficio do poder. Malia a realidade e outra, xa que cuestións como o prestixio dunha universidade e as veces dun investigador en concreto fan que se poñan atrancos á divulgación de achados importantes , duplicándose os traballos en distintos lugares, impoñendo o segredo para seren os primeiros en acadar resultados recoñecidos. Por outro lado, na medida en que tralas fundacións están empresas con intereses particulares tampouco cabe esperar a aplicación de criterios estrictamente obxectivos tanto para determinar que proxecto de investigación se vai levar a cabo como no relativo á difusión de resultados.

 

Suxestións

Enzensberger, Hans Magnus: Los elixires de la ciencia. Anagrama. Barcelona 2002 (281 páx. 15 euros)
[Guiado por su amor a las metáforas y su curiosa mezcla de fe en el progreso científico y desconfianza ante sus excesos contemporáneos. Enzensberger publica 60 poemas y media docena de ensayos sobre la ciencia y los científicos. ( Babelia)]

Copiando a idea de Enzensberger se podería facer un traballo interdisciplinar recopilando expresións metafóricas ou conceptos filosóficos que son usados nos libros de texto das distintas disciplinas. ¡E cousa de falar cos profesores!


¿O teu mundo é o chat? Aquí tes unha primicia:
Mayans, Joan: Género chat. O cómo la etnografía puso un pie en el ciberespacio. Gedisa .Barcelona 2002. (251 páx. 14,90 euros).
[El antropólogo J. Mayans analiza los chats en internet como espacios de sociabilidad. Aunque se basan en una tenología nueva, en estos fenómenos es posible encontrar elementos de consenso conocidos ya en las ciencias sociales. La naturaleza discontinua de los encuentros y el papel de la apariencia son dos de los objetos de estudio de este ensayo. (Babelia)]

 

 

Enlaces sobre o tema

O estudio da teoría de Kuhn sobre paradigma científico, ciencia normal e revolución científica:
http://www.cibernous.com/autores/kuhn/index.html

A XVIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA dedicouse ó estudio da tecnoloxía desde unha perspectiva filosófica reflexionando sobre os diversos problemas de índole bioético, político etc. que a tecnoloxía suscita na sociedade actual:
http://www.culturagalega.org/eventos/filosofia/comunicacions.htm

Baixo o título "¿Impórtalle a tecnoloxía ao feminismo?" se fan unhas interesantes reflxións en:
http://terra.es/personal5/revistaandaina/andaina29.html#art1