A música tradicional en Galicia

Neste libro poderás encontrar algunhas xeneralidades sobre a música tradicional da nosa terra, incluíndo algúns grupos representativos.

Non obstante, do que leas aquí, debería xurdir algo novo feito por ti...

Sitio: Aula virtual do IES Sofía Casanova
Curso: Música 1º BACH
Libro: A música tradicional en Galicia
Impreso por: Usuario convidado
Data: Martes, 28 de Abril de 2026, 06:27

Táboa de contidos

1 XENERALIDADES

A MÚSICA TRADICIONAL

As tres formas de expresión do folclore galego son o canto, o baile e a instrumentación.

A música folclórica apréndese no núcleo familiar ou local e transmítese oralmente de pais a fillos narrando as historias que lles acontecen nese momento. Se se introducen novos ritmos importados de fóra falamos entón de música popular ou tradicional.

O CANTO

Existen cantos típicamente galegos como os alalás ou as muiñeiras. Outros proceden do exterior, pero están totalmente asimilados como as xotas, valses ou pasodobres.

A INSTRUMENTACIÓN

A instrumentación é a maioría das veces acompañante da voz e dos bailes ou funciona como solista. Os intrumentos máis utilizados son a gaita e a percusión como pandeiretas, tarrañolas, pandeiros, pitos…

O BAILE

Antigamente o baile era moi importante na vida galega, os veciños ou amigos reuníanse e finalizaban bailando.

Os bailes son moitos e variados con acompañamento vocal ou instrumental. Existen, como no canto, bailes propios da rexión como a muiñeira ou importados como o valse.

Na actualidade moitos costumes acestrais perdéronse, por iso xorden asociacións culturais que loitan por recuperar e transmiti-lo legado da nosa cultura. A asociación O Fiadeiro de Vigo é unha agrupación que aposta por iso.

2 XÉNEROS

 

ALALÁ PANDEIRADA MUIÑEIRA XOTA FOLIADA

- Ritmo libre

- Canción estrófica

- Estructura habitualmente ternaria

- Ornamentado

- A solo, sen acompañamento

- Canto de subdivisión binaria

- Acompañamento de pandeireta en binaria o atresillado con sucesións de compases de 2/4 e 3/4, según texto.

- Muiñeira vella .

- Canto de subdivisión ternaria

- En 6/8

- Ritmo trocaico, e a veces dactílico (L B B )

- Acompañamento de pandereta en subdivisión ternaria.

- Muiñeira nova

- En 3/8 a un tempo

- Hemiolias

- Canción estrófica

- Tempo de xota menos vivo

- Forma de canción con estribillo

- Temática festiva

 

 

 

 

 

3 INSTRUMENTOS

  • Paíños
  • Tarrañolas
  • Canaveira
  • Culleres
  • Castañolas
  • Botellas
  • Carraca
  • Cunchas
  • Tamboril
  • Axóuxeres
  • Tixolas
  • Fouces
  • Bombo
  • Caixa
  • Pandeira
  • Pandeiro
  • Pandeireta
  • Ferriños
  • Campás
  • Ferreñas
  • Chocas
  • Cazolas
  • Tapadeiras
  • Morteiros
  • Latas
  • Harmonio
  • Harmónica
  • Acordeón
  • Chifre
  • Pito
  • Requinta
  • Ocarina
  • Clarinete
  • Saxofón
  • Gaita
  • Chirimía
  • Zanfona
  • Violín
  •  

     

    4 O FOLK

    Dentro do folk pódense englobar distintos estilos:

    - O folk tradicional

    - O folk de autor

    - O folk progresivo

    4.1 Folk tradicional

    Baséase en instrumentos tradicionais como a gaita, a zanfona, a pandeireta, o bombo…As melodías tamén son tradicionais e recóllense a través do “traballo de campo” e nos principais cancioneiros como o de Castro Sampedro e Folgar, Torner e Bal e Gay, Dorothé Schubart e Antón Santamarina…

    Destacan os gaiteiros de marcada tradición , como os de Soutelo de Montes e Ricardo Portela, e pandeireteiras como as de Cantigas e Agarimos ou as de Mens.

    Compre sinalar neste senso a importancia do traballo do grupo Fuxan os Ventos que se convertería no primeiro en realizar unha revisión do folklore galego.

    Así, é especialmente importante o labor de recollida de cancións, xa que xeralmente se perden ao ser transmitidas oralmente de pais a fillos. Na actualidade unha das asociacións que se dedica a este labor de recollida é O Fiadeiro de Vigo.

    4.2 Folk de autor

    Voces Ceibes, integrado por Xerardo moscoso, Vicente Araguas, Benedicto, Bibiano, Guillermo e Miro Casavella. Canción protesta cunha forte denuncia social. Seguindo esta liña destaca a figura posterior de Amancio Prada, que inda que leonés do Bierzo, ten sempre a Galicia e Rosalía no seu repertorio.

    4.3 Novo folk ou folk progresivo

    Utilízase música de raíz galega e mesmo instrumentos, pero engádense instrumentos non folklóricos como o violín, baixo eléctrico, batería…ademáis doutros instrumentos populares provenientes doutros países, como a arpa céltica, o bohdrán, o bouzouki e outras rarezas como o duduk, ademáis de melodías. Na actualidade chéganse a facer fusións inimaxinables.

    Dentro deste grupo sinalamos tamén a herdanza da corrente celta en varios grupos dos cales Milladoiro será o pioneiro. Tamén é clave a figura de Emilio Cao, por ser o introductor da arpa celta na música galega.

    Outros grupos importantes son Doa, os Cempés, Chouteira, A Quenlla con algúns compoñentes de Fuxan os Ventos, e máis actualmente Luar na lubre, Fía na roca, Berrogüeto, Brath, os gaiteiros Budiño, Susana Seivane e Cristina Pato.

    Cómpre destacar ademáis o labor realizado polas mulleres iniciadas polas pandereteiras de outrora ata os nosos días, co labor de recompilación a cargo de Leilía, Anubía, Mercedes Peón, Uxía Senlle, Uxía Pedreira, e a presencia de voces femininas nos grupos folk do momento, como Guadi Galego e Sonia Lebedinsky.

     

    5 O GALROCK

    En Galicia hai grupos que fan rock en galego , pero tamén hai outros como Siniestro Total , que aínda que só teñen na súa discografía algún título en galego, contribúen ó enriquecemento musical do noso país. Ocorre o mesmo con Los Suaves , que aínda que cante en castelán, sempre traballaron en Galicia, onde realizan as súas composicións e nas súas actuacións adoitan usar algún símbolo relacionado coa nosa terra.

    Na década dos setenta comezan a aparecer en Galicia algúns grupos, que se inspiran no fenómeno o do rock externo ( Los Zuecos, en Vigo ; Los Spreinters , en Ferrol ). Con todo, nesta época aínda existían prexuízos cara ás linguas vernáculas e era difícil facer rock en galego.

    Co festival <<Extrume Rock>> que se celebraba en Ferrol, avanzouse un paso máis no percorrido do rock galego.

    No ano 1979, Los goma 2… de Portonovo, editan o primeiro disco de rock en galego O Galiñeiro 2 e no ano 1980 xorden en Vigo os grupos Siniestro Total e Golpes Bajos.

    No ano 1982 nacen Os Resentidos que se converterán nos auténticos representantes do rock galego e o seu líder, Antón Reixa, erixíase no voceiro deste estilo de música.

    Segundo Xurxo Souto dos Diplomáticos de Monte Alto , o seu nacemento non foi premeditado, xa que o que Antón Reixa pretendía era proxectar dunha maneira natural as experiencias poéticas que levaba a cabo cos seus compañeiros do grupo Rompente.

    (Galicia caníbal, Fai un sol de carallo).

    Considérase que están dentro deste grupo todos os grupos galegos que utilicen na súa música instrumentos básicos do rock, canten ou non en galego.

    O rock galego ten uns 25 anos de dura traxectoria, desde Los Zuecos en Vigo (anos 70) e os Sprinters en Ferrol, ata a actualidade con grupos como Drinkin Tinto, Psicofónica de Conxo ou Embrace me ocean.

    5.1 O bravú

    Este termo xurdiu nunha reunión de grupos de rock galegos que tivo lugar en Chantada (Lugo), no ano 1984. O vocábulo <<bravú>> foi acuñado polos grupos asistentes (Diplomáticos de Monte Alto, Bochechiñas de Vigo, Skornabois de Lourenzá, Rastreros de Chantada, Papaqueixos da Coruña…) e con el quérese aglutinar a todos os grupos que proveñan dos distintos lugares de Galicia.

    O elemento esencial deste movemento é, segundo as palabras de Xurxo Souto, o choque bestial ou o encontro brutal entre a vida tradicional tranquila e apacible das pequenas localidades galegas e a loucura do mundo urbano actual.

    Los Túzaros , grupo santiagués, causou unha forte impresión nunha actuación durante unha festa en Muradelle.

    O grupo Ke Lanse, de Camariñas, débenlle o seu nome a un dito que pronunciaban as vellas do lugar, cando ocorría unha desgracia e alguén perdía a vida no mar <<Que lance, che>>.

    5.2 Anos 70

    Los Zuecos, Sprinters, e un dos primeiros festivais rock, “Estrume”, que se organizaba en Ferrol. No 79 os Goma 2 editan o primeiro disco en galego O galiñeiro 2.

    5.3 Anos 80

    Movida viguesa, termo importado da movida madrileña desta época e na que destacan grupos como Siniestro total, Golpes Bajos ou Los Resentidos, os únicos que cantan en galego. Los Suaves xorden de forma independente e realizan un rock con letras duras e agresivas, pero cunha gran mestría técnica.

    5.4 Anos 90

    Aparición do fenómeno bravú que, segundo Xurxo Souto, é o choque brutal entre a vida tradicional das aldeas e a tolemia do mundo urbano actual. Grupos que pertencen a esta movida son Os Diplomáticos de Monte Alto, Skornabois, Yellow Pixoliñas, ou os creadores do junjre galego Herdeiros da Crus.

    Outros grupos que cantan en galego a destacar son Los Túzaros en Santiago, Ruxe, ruxe, Drinkin Tinto, Embrace me ocean (grupo de metal con son cru, potente e temas con gran forza), Psicofónica de Conxo (que segue a liña rock, pero cun aire de hip hop presente en moitos temas, e que eles mesmos definen como rock experimental).

    Destacan tamén grupos como Los Piratas que desde Vigo teñen a sorte de gravar cun dos selos discográficos máis prestixiosos, Warner.

    5.5 Los Suaves

    Los Suaves

    É un dos principais conxuntos do rock galego. No ano 1981 un grupo de amigos de Ourense deciden montar un conxunto de rock, que axiña se converterán en acompañantes de Los Ramones.

    As súas cancións tratan de temas cotiáns e os seus gustos musicais son variados e van desde o rock ao blues e á música clásica. Entre os seus cantantes preferidos, podemos citar a Los Ramones, Thin Lizzy, Jimi Hendrix, Pearl Jam, Rosendo, etc.

    Los Suaves decidiron adoptar como mascota a un gato, porque este é un animal agresivo, independente, nocturno e sobre todo suave, no taco e no carácter. De aí ven a orixe do nome do grupo.

    Ao longo destes anos, Los Suaves viviron numerosas anécdotas nas súas actuacións en público, das que imos salientar un par delas:

    -          Nos concertos que deron na sala Zeleste, de Barcelona e no Coliseum, da Coruña, superaron as marcas de asistencia de Paul McCartney e de Elton John, respectivamente.

    -          Nos seus inicios, nun pub de Ourense, as copas caían das mesas debido á intensidade e ao volumen das súas actuacións.

    -          Entre os seus seguidores, hai un que ten un coche bautizado como “Suave móvil”, que leva esta inscrición “vete suave”.

    Na actualidade, Los Suaves, é un dos mellores grupos de rock de España, con moitos seguidores incondicionais.

    5.6 Os Diplomáticos de Monte Alto

    Os Diplomáticos de Monte alto son un grupo de “rock bravo”, ou como eles prefiren, “rock bravú”. Un grupo de mesturas, que combina o rock máis salvaxe coa música tabernaria das aldeas da súa terra.

    A música de Os Diplomáticos, chamada na súa terra arroutada, expresa todas as mesturas que petan no peito dos mozos galegos. Rapaces de barrio, país de aldea. Como son de Monte-Alto, barrio coruñés, son heavies; porque son de aldea, cantan muiñeiras e foliadas. Son de Los Chicos, porque son de barrio; porque veñen da aldea réndenlle acatamento a México e ao acordeón (Cando os galegos volveron de Campeche (México) só trouxeron estilográficas e cintas de rancheiras).

    Galicia, afastada nun recuncho, envolta en brétemas e mitos celtas, terra de vacas, gaiteiros e emigrantes, está lonxe de todo, pero os seus quince mil grupos de rapaces concentran suficiente bravura como para partir o universo.

    Dende a híper-periferia o rock bravú expándese como un novo poder musical para este novo milenio.

    Sorpresa e conmoción pangalaica. Tabernas e disco-tascas corean as melodías bravas. Identidade solidaria de vellos bebedores de tazas e xeracións de bourbon. Alegría de gaiteiro xubilado en verbenas.

    5.7 Herdeiros da Cruz

    Este grupo rock naceu no ano 1992, en Ribeira. No ano 1993 gravan o seu primeiro LP A cuadrilla de Pepa a Loba e posteriormente fan una serie de temas para o programa Xabarín Club da TVG. O segundo disco Está que te cajas gravárono en Madrid no ano 1996. En 1997 Criatura e Des minutos. O seu último traballo foi Erecsiones municipais. Durante a súa traxectoria como grupo tiveron algúns conflictos con diversos colectivos sociais. Na actualidade é un grupo consolidado na península do Barbanza.

    5.8 Psicofónica de Conxo

    A Psicofónica de Conxo é o nome dun grupo que sorprende pola súa creatividade e os seus diversos proxectos relacionados coa música escénica, performance, e producción multimedia.

    Os componentes da Psicofónica estiveron ligados durante varios anos ao grupo de teatro Chévere, co que crearon a Sala Nasa (nave de servicios artísticos) en Santiago de Compostela, centro pioneiro na promoción de arte independente.

    O seu traballo móvese en varios frontes, popular, rock e pop. Deste xeito une a súa música, a poesía de vangarda, o teatro, a performance ou o cine, demostrando que, ademáis da calidade musical, os seus concertos se converten nun grande entretemento.

    6 JAZZ EN GALICIA

    Desde a década dos 80 vénse facendo jazz en Galicia de moi diversas formas. En directo e en vivo con formacións pioneiras como Outeiro, A travesas big-band, Clunia Jazz, Alberto Conde Grupo, Dina 4, Baldo Martínez grupo, Abuña…encabezados cos nomes propios de Alberto Conde (piano), Baldo (contrabaixo), Fernando Llorca (batería).

    Todos eles darán paso a unha segunda xeración con magníficos músicos como os contrabaixistas Kin García e Quique Alvarado, o pianista Manolo Gutiérrez e o batería Andrés Rivas.

    Na actualidade destacan os saxofonistas Roberto Somoza e Pablo Castaño, a formación Abe Rábade Trío, os baterías Luís Rodríguez e Max Gómez, o guitarrista marcelino Galán e os contrabaixistas Xacobe Martínez e Alfonso Morán entre outros moitos.

    Hoxe en día, dende os conservatorios inténtase levar a cabo un maior coñecemento do jazz, existen seminarios e escolas como a Escola Estudio que transmiten esta música, e os locais de jazz ( Dado-Dadá de Santiago, Filloa de Coruña, ou Latino de Ourense) e diversos festivais, intentan elevar este estilo ao máis alto.

    7 GRANDES INTÉRPRETES

    Na década dos 60, aparecen algúns grupos galegos (Os Tamara, co seu cantante Pucho Boedo, Os Players, Os Españoles…) que comezan a gravar cancións en galego.

    Os Tamara levaban a cabo moitas actuacións alén das nosas fronteiras que enchían de lembranza e saudade os nosos emigrantes, con letras como: “Galicia terra nosa, que trete estou lonxe de ti…”

    Na primavera de 1968, preséntase na Universidade de Santiago de Compostela, un colectivo integrado por: Xerardo Moscoso, Xavier, Vicente Araguas, Benedicto, Bibiano, Guillermo e Miro Casabella, que se deu a coñecer co nome de “Voces Ceibes” .

    Musicaron poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro, entre outros, tratando de achega-la nosa cultura ó pobo, a través da música, ó tempo que contribuían a revaloriza-la nosa lingua e a transmitirlle á mocidade unha inquedanza. A maior parte dos textos das súas cancións (algúns compostos po eles mesmos ou baseados en cancións populares), levaban unha profunda carga de denuncia social e foron coñecidos como “canción protesta” que deixaron unha fonda pegada nos grupos e cantantes solistas posteriores.

    Nesta mesma década, e xa nunha liña moito máis comercial, cómpre salienta-lo éxito acadado por Andrés do Barro , que apoiado por Juan Pardo, interpretou cancións que a Televisión Española fixo tan populares como O tren ou Corpiño xeitoso, coa que conseguiría o 1º posto na lista de éxitos do verán de 1970.

    Posteriormente xurdirán outros cantautores galegos como Juan Pardo, Ana Kiro, Xil Ríos, Luís Emilio Batallan (co seu éxito Aí ven o maio), Jei Noguerol e o leonés Amancio Prada , entre outros.

    Ademais aparecen na escena musical galega grupos como Xocaloma, Saraibas e Fuxan os Ventos…

    As tendencias diversificaranse a partir da década dos 70 na que atoparemos música de autor, folk tradicional e folk progresivo con influencias de diversos estilos: música celta, jazz, pop-rock, música clásica, etc., mesturadas coa música de raíz galega.

    7.1 Fuxan os ventos

    Alá polo ano 1972 un grupo de rapazas e rapaces, que cantan asiduamente no coro do Colexio Menor Santísimo Sacramento de Lugo, deciden formar un grupo de música folk sen máis intención que se divertiren. O grupo chámase Folk 72 e, como tal, participa no III Festival De As San Lucas de Mondoñedo (Lugo), en outubro do mesmo ano, un dos festivais-concurso máis importantes do momento. Gañan o primeiro premio cunha canción que levaba por título Fuxan os Ventos. A partir deste momento adoptan o título da canción como nome propio e comezan a realizar actuacións en colexios, festivais, aldeas e vilas, primeiro da provincia de Lugo, e logo no resto de Galicia e Madrid.

    O seu repertorio está integrado por música folk universal e música popular galega e de composición propia.

    As súas actuacións en lugares e aldeas permítenlle ó grupo “recoller” centos de cantigas que os vellos e vellas do lugar gardan na memoria e que irán incorporando ó seu repertorio. Tamén musican poemas doutros autores.

    7.2 Emilio Cao

    Cantautor galego, residente en Santiago de Compostela. É una figura clave na hisotira da “nova música” galega. A súa relevancia reside, ademáis de na súa calidade indiscutible, en dous aspectos principais:

    - É un dos iniciadores da chamada “corrente celta” en Galicia.

    - Foi o primeiro música que volveu incorporar a arpa como instrumento na nosa música tradicional. Na actualidade é un instrumento frecuente en diversas agrupacións como Milladoiro, Luar na Lubre, Berrogüeto.

    Comezou a súa incursión na música no eido do pop-rock, tocando en grupos xuvenís o baixo eléctrico e versionando aos clásicos que gozaban de certa difusión no momento. A poesía ten una grande importancia no seu traballo, no que se inclúen poetas galegos como Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Uxío Novoneira, etc.

    Representou a música galegas polos escenarios de toda España e na maior parte dos países europeos.

    A partir dos anos 80 compón música para cine e tamén innumerables bandas sonoras para teatro.

    Fixo incursións na música sinfónica ao seren interpretadas estas composicións pola Orquestra Clásica de Madrid.

    7.3 Carlos Núñez

    Se hai algo que cumpra salientar deste gaiteiro vigués é a destreza e a habelencia no manexo da gaita e das súas frautas. A súa música é coñecido en todo o mundo, pois ten colaborando en gravacións con moitos intérpretes e con moitas casas discográficas.

    Ten o mesmo punto de partida que outros artistas do seu tempo, Matto Congrio e a Universidade Popular de Vigo e con el a música popular transcende o seu espacio natural e universalízase.

    Carlos Núñez foi descuberto no Parque de Castrelos, de Vigo, polo célebre grupo irlandés The Chieftains, que o invitan a participar con eles no Festival Intercéltico de Morrazo (Moaña). A súa colaboración proseguirá e Paddy Moloney, o líder deste grupo pídelle que participe con eles na banda sonora da película Viaxe á illa do tesouro.

    Posteriormente realizará unha xira con eles polos Estado Unidos e chegará a compartir escenario con personaxes do mundo do rock, como Lou Reed. Con case unha ducia de discos en solitario ademais doutras colaboracións, Carlos Núñez conságrase como un dos mellores músicos folk domomento.

    En Maio de 2007 ven de presentar o disco Melodies from Gedo Senki, que recolle a música interpretada polo vigués para unha película de animación “Tales from Earthsea”; o director do filme requeriu o traballo de Núñez para conseguir unha música celta do futuro, inspirada en Irlanda, Escocia, Bretaña e Galicia, cun toque xaponés e incluso toques de flamenco e, ante a calidade da música, decidíronse a gravar e editar un disco cos temas da película que se gravou no estudo de Carlos Núñez en Galicia.

    É neste ano 2007 cando, despóis de gravar Mar Adentro con Amenábar para a película “Mar Adentro”, rexurde a súa paixón polas bandas sonoras, sacando o seu último disco polo de agora “Cinema do Mar” co que quedou finalista aos XII Premios de la Música na categoría de Mellor Álbum de Fusión.

    7.4 Luar na lubre

    O grupo Luar na lubre apareceu no ano 1986 na cidade da Coruña, e pouco a pouco foise convertendo nunha das bandas de folk máis destacadas do panorama galego. A súa música baséase no folclore galego, ó que lle dedican unha grande atención, estudiando os cancioneiros de música popular e traballando na recollida deste material. Como eles mesmos afirman: a idea era facer música folk baseada na tradición, e traballar sobre todo apostando pola nosa cultura, pola cultura do país.

    O grupo participou en festivais galegos e europeos acadando grandes éxitos, aínda que o salto definitivo chegou no ano 1992, cando Mike Oldfield incluíu no seu disco Voyager unha adaptación do éxito máis emblemático do grupo O son do ar. Como culminación desta amizade a súa cantante e cellista Rosa Cedrón foi invitada á presentación do Tubular Bells III en Londres, e todo o grupo á xira mundial de dito traballo. Co seu disco Plenilunio chegou o éxito e obtivo un disco de ouro. Polo de agora encaran o futuro cun contrato coa multinacional Warner Spain.

    Luar na Lubre dispón de case unha ducia de discos no mercado, dos que citamos o primeiro O son do ar de 1988 e o último Os camiños da fin da Terra 2007. Na actualidade tras a marcha da vocalista e chelista Rosa Cedrón a portuguesa Sara Louraço tomou o seu relevo.

    7.5 Budiño

    Gaiteiro de Moaña, comezou a súa andaina musical ó redor dos anos oitenta nunha típica escola de gaitas (Semente nova) da súa vila natal.

    No ano 1987 formará parte do <<Obradoiro de instrumentos populares>> da Universidade de Vigo, sementeiro que lle serviu de lanzadeira a moitos dos nosos músicos actuais: Berrogüetto, Carlos Núñez, etc.

    Budiño amosa a súa calidade musical como solista na banda de gaitas Xarabal, consolidándose como un dos grandes mestres solistas europeos nos festivais de Nantes e Lorient (Bretaña) e no de Ortigueira (Galicia).

    Posúe catro discos no mercado: “Paralaia” do 1997, “Arredor” do 2000, “Zume de Terra” do 2004 e “Falcatruada 07” 2007.

    Se hai algo que destacar neste gaiteiro é o seu estilo persoal que emana da fusión das raíces do pobo galego coa innovación da música actual e que o leva a cultivar a música tradicional galega mesturada co folk novo ou progresivo.

    7.6 Milladoiro

    Milladoiro xorde da unión do grupo de música tradicional de Catoira, “Faíscas do Xiabre” formado por Fernando Casal, Xosé V. Ferreirós e Ramón García Rey e o dúo Antón Seoane-Rodrigo Romaní, promotores da música e instrumentos do medievo.

    Toman o seu nome do das moreas de pedras (milladoiros) que deixaban os peregrinos no seu percorrido polo Camiño de Santiago.

    A inspiración e a creatividade dos músicos deste grupo, unido ó coñecemento das melodías populares (tan abondosas no noso país e que constitúen a verdadeira raigame da nosa cultura) configuran unha música case perfecta, cuns efectos sublimes. Ademais enriquécense con influencias de Irlanda, Escocia, Gales…

    A música clásica tamén ten acollida no seu repertorio, así o seu Iacobus Magnus, suite orquestral composta para a celebración do Xacobeo 93 é unha mostra clara desta mestura de estilos.

    Ten levado a saudade, a morriña e o ensoño do pobo galego a moitos lugares do mundo. E por riba de todos, á case totalidade das vilas e lugares galegos.

    Os instrumentos que empregan móvense en dúas frontes, combinan instrumentos tradicionais e relativamente novos: gaita, zanfona, acordeón, percusión, teclados, guitarra acústica, arpa, ocarina, guitarra, bouzouki, óboe, mandolina, tin wistle, uillean pipe, clarinete, cromorno, frautas, violín…

    Milladoiro resistirá o paso do tempo, porque a súa proposta é eficacísima, “música popular constantemente actual”.

    Posúen un disco titulado 25 que conmemora os seus vintecinco anos de traxectoria. Recentemente realizaron o que foi, ata o de agora, Unha estrela por guía.

    7.7 Susana Seivane

    Esta gaiteira logrou fundir o tradicional co contemporáneo, consolidándose como estrela folk internacional.

    Salienta a súa calidade musical o que non podía ser menos ó pertencer a unha liñaxe moi coñecida en Galicia, Os Seivane que desde Cambre (A Coruña) fabrican gaitas non só para o resto de España, senón que as exportan a outros países do estranxeiro.

    “Sintetiza o estilo enxebre dos vellos gaiteiros”

    Na actualidade ten tres discos no mercado: Susana Seivane do 1999, Alma de Buxo [1] do 2001 no que destaca especialmente a colaboración do seu avó Xosé Seivane e Mares do tempo do 2004 no que tamén canta. Este último traballo está cheo de colaboracións con excelntes músicos de Galicia.



    [1] Madeira de buxo. Coa que se fabrican os punteiros das gaitas; o proceso inícias co corte deste arbusto, en fases lunares concretas; pola súa dureza chega a perdurar moito tempo.

    7.8 Berrogüeto

    Se hai algo que distingue a Berrogüetto do resto dos grupos folk actuais é a súa madureza musical, a pesar de ser unha nova formación dentro da nova música ou se se quere dentro do folk progresivo. Berrogüetto igual que Carlos Núñez deriva do desaparecido Matto Congrio, creado coa axuda da Universidade Popular de Vigo, famoso fervedoiro de moitísimas formacións musicais.

    A súa característica é saber lograr unha aceptación entre públicos diferentes ó encaixar de maneira prodixiosa sons tradicionais con arranxos novos, de feito no disco Navicularia empregan pandereteiras e cantareiras pertencentes á Agrupación Cantigas e Agarimos. Por iso, os instrumento que aparecen nas súas composicións son variados.

    * Instrumentos do folk: gaita, percusión zanfona, acordeón.

    * Instrumentos da “nova música” galega: piano, teclados, violín, arpa celta, bouzouki, guitarra acústica, baixo eléctrico, batería, saxo soprano, frauta de pico.

    Berrogüetto xa desde o comezo transformouse nun grupo con matices internacionais. As diversas xiras por lugares europeos, a aparición nas listas das radios europeas, e os premios obtidos así o confirman.

    Tamén no noso país gaña forza con rapidez. Os seus temas están incluídos en importantes seleccións musicais (Celtas, Nacións Celtas, Tanz & Flokfest, Xabarín club…).

    No seu disco Hepta (número sete en grego) sorprenden con instrumentos pouco comúns: o duduk, instrumento armenio parecido a unha frauta e que semella a voz humana; nyckelarpa, instrumento sueco cun son entre a zanfona e o violín.

    Dispoñen de catro discos no mercado: Navicularia do 1996, viaxe por urticaria do 1999, Hepta do 2001 e 10.0 do 2006; tras dez anos de camiño e de evolución para este excelente grupo folk.

    7.9 Leilía

    Leilía leva recompilado innumerables melodías do cancioneiro popular galego, logo de percorrer a nosa terra cunha cámara de vídeo, desde o ano 1989 e de entrevistarse cos nosos vellos e coas nosas vellas para conseguir a recuperación de parte da nosa cultura.

    O seu traballo de campo reflíctese no seu disco Leilía que tivo unha grande acollida no mercado discográfico galego.

    No seu labor de investigación do noso folclore popular, á parte de centrarse na voz como elemento primordial das cancións tradicionais, recupera o uso de instrumentos populares galegos como latas, begóns, birimbaos, pandeiretas, etc. e tamén consegue integrar a maxia de grupos como as padereteiras de Mens e de Buxán, entre outras.

    7.10 Amancio Prada

    Este leonés do Bierzo, de adopción galega, distínguese por terse afastado do decorrer das modas musicais, preocupado sempre pola calidade do seu traballo.

    Nel apréciase dunha forma sinxela e harmoniosa a unión entre a poesía e a música. Por iso a literatura forma unha parte importante nas súas composicións. Os poemas da lírica galaico-portuguesa dos séculos XIIe XIII, San Juan de la Cruz, Juan del Encina, Rosalía de Castro, Antonio Machado, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro, etc. Están presentes na súa obra.

    Para el o respecto ás nosas raíces (que levan ao pobo a recuperar a súa identidade) e o apio á musica tradicional son dous factores fundamentais.

    Amancio sentiu a necesidade da terra galega, “a morriña” ao ler os versos de Rosalía de Castro, que comezoua saborear, a darlles forma e cantalos. Prolífico cantautor con case unha ducia de discos, destacando os seus tres últimos traballos: Hasta otro día, chico, Rosalía, siempre xuño do 2005 e Huellas de Salamanca de finais do 2005.

    7.11 Uxía Senlle

    Comezou a súa traxctoria musical no ano 1985 ao gañaro primeiro premio do “Festival de Bergantiños”, e axiña a invataron a gravar un disco, Foliada de Marzo (1986), que produciron os compoñentes do grupo Na Lúa. Pouco despois pasa a formar parte deste grupo. En 1991 deixa o grupo.

    Ademais de participar nunha morea de discos, entre os seus proxectos e colaboración sestán Mulleres a viva voz xunto con Amalia Rodrigues e María del Mar Bonet.

    Estivo presente nas mostras “Bailía das Frores” e “Os sons da fala”, así como no “IV Festival de Música Popular de Porriño”, co proxecto O cantar das Galegas, xunto co grupo Leilía, que obtivo un enorme éxito.

    Tamén participou no festival “PopKöln” da cidade alemana de Colonia, e pouco despois acada os primeiros postos da “European World Chart List”, lista europea de éxitos de música de raíz, que elaboran críticos de toda Europa. No ano 98 participa na “Expo” de Lisboa actuando como unha especie de embaixadora galega en Portugal.

    Ten cinco discos. Destaca tamén a súa longa traxectoria como periodista na radio e como crítica musical.

    7.12 Cristina Pato

    Dende Ourense esta gaiteira imprime aires novos á música tradicional evitando caer no tópico ou convencional. As súas orixes sitúanse na Real Banda de Gaitas de Ourense e na banda Mutenrohi, con que realiza xiras por países como Italia, Suíza, Portugal, EEUU… Convértese na primeira gaiteira en gravar un disco en solitario. Cada canción interpretada por Crisitna Pato é unha sorpresa para o oínte, converténdose os seus concertos en auténticas festas folk-rock. Cristina Pat está triunfando tanto no panorama musical do país, como internacionalmente, coas súas incesantes xiras.

    Ten dous discos no mercado. Tolemia de 1999 e Xilento do 2001; na actualidade tamén compaxina a gaita co piano tras rematar os seus estudos superiores de piano coa máxima cualificación no conservatorio do Liceo de Barcelona.

    En Xaneiro de 2007 a gaiteira ourensá edita o seu primeiro disco de música clásica, no que intervén como pianista, acompañada pola cantante Patrice Jegou, baixo o título Desde Rusia hasta Brasil. Nel reúnense cancións populares.

    7.13 Fía na roca

    Se hai algo que mereza a pena salientar deste grupo, formado por sete excelentes música é a calidade da súa música chea de riqueza e imaxinación , froito das súas experiencias e das achegas procedentes de estilos tan diferentes como o rock, o jazz e sobre todo a música folk.

    Apareceron nos anos noventa, procedentes de diferentes estilos musicais, que en ocasións os levan a rozar o espírito funk, no que sobresaen os excelntes resultados obtidos pola percusión. A súa música proxéctase axiña a nivel internacional. Así, a BBC elixiu a súa música como banda sonora do programa no que se amosaba a imaxe de Galicia a toda Europa con motivo da celebración do ano Xacobeo.

    Ao igual que outros grupos folk, a tradición chega a todas as partes grazas aos arranxos sorprendentes, e á variedade musical e instrumental.

    O directo de Fía na roca é magnífico, atrapando ao público que chega a emocionarse coas melodías intimistas e tamén coas máis alegres e divertidas. Fía conseguiu un público fiel incondicional. Os instrumentos que utilizan móvense en varios frontes: clásicos, modernos e populares.

    Teñen cinco discos no mercado destacando o penúltimo Dez anos ao vivo do 2004 e o seu último traballo, Vente vindo de Maio de 2007.