Táboa de contidos
Imprimir libro completoImprimir este capítulo AnteriorSeguinte

7 GRANDES INTÉRPRETES

Na década dos 60, aparecen algúns grupos galegos (Os Tamara, co seu cantante Pucho Boedo, Os Players, Os Españoles…) que comezan a gravar cancións en galego.

Os Tamara levaban a cabo moitas actuacións alén das nosas fronteiras que enchían de lembranza e saudade os nosos emigrantes, con letras como: “Galicia terra nosa, que trete estou lonxe de ti…”

Na primavera de 1968, preséntase na Universidade de Santiago de Compostela, un colectivo integrado por: Xerardo Moscoso, Xavier, Vicente Araguas, Benedicto, Bibiano, Guillermo e Miro Casabella, que se deu a coñecer co nome de “Voces Ceibes” .

Musicaron poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro, entre outros, tratando de achega-la nosa cultura ó pobo, a través da música, ó tempo que contribuían a revaloriza-la nosa lingua e a transmitirlle á mocidade unha inquedanza. A maior parte dos textos das súas cancións (algúns compostos po eles mesmos ou baseados en cancións populares), levaban unha profunda carga de denuncia social e foron coñecidos como “canción protesta” que deixaron unha fonda pegada nos grupos e cantantes solistas posteriores.

Nesta mesma década, e xa nunha liña moito máis comercial, cómpre salienta-lo éxito acadado por Andrés do Barro , que apoiado por Juan Pardo, interpretou cancións que a Televisión Española fixo tan populares como O tren ou Corpiño xeitoso, coa que conseguiría o 1º posto na lista de éxitos do verán de 1970.

Posteriormente xurdirán outros cantautores galegos como Juan Pardo, Ana Kiro, Xil Ríos, Luís Emilio Batallan (co seu éxito Aí ven o maio), Jei Noguerol e o leonés Amancio Prada , entre outros.

Ademais aparecen na escena musical galega grupos como Xocaloma, Saraibas e Fuxan os Ventos…

As tendencias diversificaranse a partir da década dos 70 na que atoparemos música de autor, folk tradicional e folk progresivo con influencias de diversos estilos: música celta, jazz, pop-rock, música clásica, etc., mesturadas coa música de raíz galega.

AnteriorSeguinte