Petróleo: É un composto químico complexo no que coexisten partes sólidas, líquidas e gasosas. Fórmano, por unha banda, uns compostos denominados hidrocarburos, formados por átomos de carbono e hidróxeno e, por outra, pequenas proporcións de nitróxeno, xofre, osíxeno e algúns metais. Preséntase de forma natural en depósitos de roca sedimentaria e só en lugares nos que houbo mar.
A súa cor é variable, entre o ámbar e o negro e o significado etimolóxico da palabra petróleo é aceite de pedra, por ter a textura dun aceite e atoparse en xacementos de roca sedimentaria.
Os restos de animais e plantas, cubertos por arxila e terra durante moitos millóns de anos (sometidos xa que logo a grandes presións e altas temperaturas), xunto coa acción de bacterias anaerobias (é dicir, que viven en ausencia de aire) provocan a formación do petróleo.