A conspiración militar
A derrota das dereitas e o medo á revolución social estimulou a elaboración de proxectos golpistas de carácter militar coa intención de acabar co Goberno de esquerdas. Os grupos conservadores viron no exército o único medio que podía facer fronte ao que consideraban a ameaza do comunismo; para materializalo contaron co apoio de varios oficiais, moitos deles pertencentes á Unión Militar Española. Baixo a dirección do xeneral Emilio Mola, os militares conxurados foron concretando as accións e o papel de cada un deles. O plano xeral consistía en que o exército de África fose o primeiro en sublevarse, secundado logo por levantamentos graduados na Península nas vintecatro ou trinta e seis horas seguintes. Mola sublevaríase en Navarra; Queipo de Llano en Sevilla; Villegas e Fanjul en Madrid; González de Lara en Burgos; Cabanellas en Zaragoza; López Prieto e Varela en Cádiz; Patxot en Málaga; Cascajo en Córdoba; Goded nas Baleares, asumido tamén o mando en Barcelona; Franco en Canarias e o protectorado español de Marrocos, onde se contaba coa intervención de Yagüe. O xefe do golpe sería o xeneral Sanjurjo, exiliado en Lisboa.
Nesta fotografía pode verse o futuro xefe dos sublevados Franco, segundo pola dereita, xunto os dous presidentes da República, Casares no centro e Azaña a sua dereita. Feita na Coruña en 1936.