COMENTARIO DE TEXTOS E DOCUMENTOS:
ALGUNHAS ORIENTACIONS ( estas son algunhas das orientacións
indicadas polo Grupo
de Traballo da CIUG, podes atopar toda-la información na sua páxina.
O comentario de textos e outros documentos de carácter histórico
(mapas, gráficas, taboas estatísticas...) segue sendo un procedemento
fundamental, que o Grupo de Traballo recomenda utilizar na aula na maior medida
posible. A razón non consiste unicamente no feito de que as Probas de
Acceso á Universidade teñan ó comentario como algo esencial
na avaliación dos alumnos (o 50 por cento da cualificación), senón
tamén na utilidade que o traballo directo nas aulas con documentos históricos
ten no proceso de formación. En efecto, moitos dos obxectivos que como
docentes nos marcamos na formación dos alumnos, en canto a coñecementos,
capacidades e actitudes, poden ser acadados con maior efectividade na medida
en que os situemos en contacto directo coas propias testemuñas que o
pasado nos lega. Dito doutro xeito, o comentario non debe servir unicamente
para avaliar, senón tamén para transmitir coñecementos,
fomentar capacidades e promover actitudes; é dicir, para ensinar.
A PRACTICA DO COMENTARIO DE TEXTO.
1.-O primeiro paso debe consistir na atenta lectura do documento. Unha lectura
realizada coa suficiente profundidade, que debe permitir non só a percepción
do asunto xeral que se trata, senón tamén a ordenación
e xerarquización das ideas que contén. Neste traballo inicial
de percepción e ordenación, o alumno debe reflexionar a partir
dos seus coñecementos sobre a materia, de xeito que poida ir máis
aló da simple repetición ou resume de contidos á hora de
organiza-lo seu comentario. Esta reflexión feita dende a Historia debe
permitir distinguir o esencial do secundario e, no seu caso, identificar persoas,
institucións ou acontecementos que poidan ser obxecto de posterior comentario.
Nestas fases iniciais, ó alumno pode resultarlle útil suliñar
palabras, ideas, e mesmo facer anotacións que faciliten o traballo posterior.
2.-Realizado este labor, debe procederse á contextualización histórica
do documento. Unha contextualización que non debe limitarse ó
simple ámbito cronolóxico (a data figura no documento), senón
que debe ter en conta outras dimensións (política, social, económica...,
segundo os casos) na medida en que nos sirvan para integrar e comprende-lo documento
en cuestión nun determinado momento ou proceso histórico. É
este un aspecto que non pode faltar nunha boa análise, posto que é
o que permite medi-la importancia ou trascendencia dun documento dentro do proceso
no que se sitúa: os seus antecedentes ou causas, a súa influencia
ou consecuencias na evolución do proceso, os intereses ou tendencias
que defende, os obxectivos que pretende... Obviamente, esta contextualización
debe realizarse partindo dos contidos do propio documento, e non á marxe
dos mesmos ou tendo simplemente en conta o "asunto xeral".
3.-A realización escrita dun comentario debe ser considerada ante todo
como un exercicio de redacción no que, basicamente, os coñecementos
da materia que cada un posúa se poñan ó servicio do documento
a comentar. Nesa redacción deben estar integrados de xeito coherente
tódolos elementos mencionados nos puntos anteriores. O comentario debe
demostrar non só os coñecementos do alumno, senón esencialmente
a súa madurez, isto é, a súa capacidade para utilizar os
seus coñecementos na comprensión e explicación intelixente
dun documento, aportándolle un valor engadido. Contexto histórico,
ideas principais e secundarias, explicación de conceptos, antecedentes,
relevancia histórica do documento, etc., son asuntos que deben estar
presentes no comentario, pero non necesariamente a partir da aplicación
dunha receta uniforme e esquemática, senón articulados de maneira
persoal e libre por cada un.
4.-É perfectamente lexítimo que o alumno pretenda incorporar ó
seu comentario apreciacións, críticas ou conclusións persoais;
agora ben, esas valoracións ou posturas deben sustentarse esencialmente
no coñecemento histórico, e non simplemente na ética individual
fronte ós máis diversos fenómenos: o fascismo, o imperialismo,
unha dictadura militar...
5.-Un comentario escrito esixe, en último termo, respecta-las pautas
básicas que rexen a expresión escrita: a precisión léxica,
a corrección da sintaxe, a claridade na expresión e na exposición
de ideas, a corrección xeral da presentación formal... son aspectos
a ter tamén en conta.
ALGUNS PROBLEMAS FRECUENTES.
A)Tódolos documentos que se propoñan para comentar estarán
debidamente identificados (autor, data, obra); ademais, irán precedidos
dalgunhas aclaracións que axuden a centralos nun asunto ou proceso concreto.
Neste nivel, non se trata de realizar ningún tipo de crítica documental,
polo que as observacións sobre o carácter ou tipoloxía
do documento resultan cando menos superfluas, e en moitas ocasións son
confusas, erradas e empobrecedoras.
B)Un defecto frecuente, que pon de manifesto o escaso dominio da técnica
do comentario, así como a falta de madurez, é a paráfrase;
consiste nunha repetición, case textual, dos contidos do texto, sen análise
nin comentario. Obviamente, o que se pretende é o contrario: que o alumno
aporte valor engadido, da maneira que comentabamos liñas arriba.
C)O defecto contrario á paráfrase é o escapismo; consiste
en utiliza-lo documento como mero pretexto ou excusa para desenvolver un "tema"
máis ou menos relacionado con el. Isto supón a conversión
dun comentario na resposta a unha pregunta, que no mellor dos casos trataría
o "asunto xeral" no que se pode integrar o documento, pero que non
pode ser validada como un auténtico comentario, por máis coñecementos
que demostre.
D)O comentario non ten por que ser moi extenso. Saber centrarse nos aspectos
principais, sintetizar o que se quere dicir, son tamén virtudes dun bo
comentario e demostran claridade de ideas.
O COMENTARIO DE MAPAS, TABOAS ESTATISTICAS E GRAFICAS.
Todo o dito anteriormente é válido tamén para comentar
estes tipos de documentos históricos, posto que nos suministran ideas
que deben ser "leídas" e interpretadas, e tamén conteñen
informacións relevantes ("ideas principais") e outras secundarias
que obrigan a súa xerarquización. Non obstante, e dado que a presentación
destas informacións é distinta á dun texto escrito, convén
facer algunhas observacións.
Os mapas históricos son representacións do espacio nas que se
informa dun determinado momento ou proceso. Debe partirse, pois, dunha clara
delimitación das circunstancias históricas reflectidas no mapa.
Como recomendación xenérica neste caso, é conveniente que
o alumno se fixe na relación con momentos anteriores e posteriores: semellanzas
e diferencias, causas e consecuencias...
As táboas de datos estatísticos esixen centra-lo esforzo inicial
na propia interpretación dos datos que suministran; sen esa interpretación,
as táboas non ofrecen información histórica relevante.
Segundo os casos, é importante fixarse nos datos absolutos e relativos
(por exemplo, porcentaxes), así como na evolución cronolóxica
dos mesmos: cambios e continuidades, avances, crises, retrocesos..., en relación
co proceso ou asunto histórico de que se trate.
As gráficas son case sempre representacións de datos estatísticos.
Por tanto, aínda que a súa lectura inicial pode resultar máis
"visual", a súa interpretación e comentario son procesos
moi similares ós que deben seguirse coas táboas estatísticas.