COMPOSICIÓN DUN TEXTO HISTÓRICO
A renuncia de Alfonso XIII ao trono e a proclamación da II República (Doc. 1) implicaron a posta en marcha de un proxecto de modernización da sociedade e das estructuras políticas españolas (Doc. 2). Dito proceso estivo suxeito ás condicións que marcaba a extrema polarización política deses anos e aos vaivéns das contendas electorais (Docs. 3 e 4). A partir dos documentos, debes facer un repaso á evolución da II República, centrándote, sobre todo, nos contidos do seu proxecto reformista e a dialéctica entre esquerdas e dereitas en torno a ese proxecto.
Doc. 1.- Alfonso XIII renuncia ao trono:
"As eleccións celebradas o domingo revélanme claramente que
non teño hoxe o amor do meu pobo. A miña conciencia dime que ese
desvío non será definitivo, porque procurei sempre servir a España
e puxen o único afán no interese público ata nas máis
críticas coxunturas. (...)
Acharía medios sobrados para manter as miñas rexias prerrogativas
(...). Pero, resoltamente, quero afastarme de canto sexa lanzar a un compatriota
contra outro en fratricida guerra civil (...) e mentres fala a nación
suspendo deliberadamente o exercicio do Poder Real e alónxome de España,
recoñecéndoa deste xeito como a única dona dos seus destinos.
(...)"
(ALFONSO XIII, Manifesto, Abril de 1931)
Doc. 2.- Pascual Carrión, vocal do Instituto para a Reforma
Agraria, xustifica a reforma agraria emprendida durante o Bienio de Esquerdas:
"(...) o problema dos latifundios en España non é unha entelequia
inventada por uns cantos descontentos ou idealistas (...). Non se trata só
do feito de que uns 7.000 propietarios posúan máis de seis millóns
de hectáreas nas rexións manchega, extremeña e andaluza,
senón tamén de que disfrutan da maior parte da riqueza que nelas
se produce, deixando ao resto dos seus habitantes nunha situación precaria
e, sobre todo, impedindo que se intensifique a producción e poidan progresar
esas provincias (...). Ante estes feitos é suicida e criminal pechar
os ollos para non velos e deixar que pasen os anos e os séculos, como
ata o de agora ocorreu, sen lles poñer remedio. Hai, pois, que afrontar
a situación con serenidade pero con enercía (...)."
(P. CARRIÓN, Los latifundios en España, 1932)
Doc. 3.- Manifesto electoral da CEDA:
"Os candidatos da coalición anti-marxista defenderán resoltamente
e a todo trance a necesidade dunha inmediata derogación, pola vía
que en cada caso proceda, dos preceitos, tanto constitucionais como legais,
inspirados en designios laicos e socializantes, en realidade encamiñados
a destruír, así o inmenso patrimonio moral como a xa exhausta
riqueza material da sociedade española; traballarán arreo para
lograr a cancelación de todas as disposicións consficadoras da
propiedade e persecutorias das persoas, das Asociacións e das crenzas
relixiosas. (...)"
(CEDA: Manifesto, 31 de Outubro de 1933)
Doc. 4.- Chamada ao voto da Fronte Popular:
"A Fronte Popular de esquerdas. Aos Traballadores, aos Pequenos Industriais
e Comerciantes, aos Intelectuais, á Opinión pública en
xeral. O engano e o soborno, a calumnia e o matonismo, son as armas innobres
que empregan as dereitas na loita electoral. (...)
Din que eles son España e levaron mouros a Asturias para "razziar"
os fogares de honrados españois e saciar os máis suxos e obscenos
apetitos. Din que eles son España e lanzaron á fame e á
desesperación a Cen mil familias de campesiños expulsándoos
das súas terras. Din que eles son España e convertérona
en vergoña do mundo a forza de inmoralidades. España somos nós.
Os traballadores. Os pequenos industriais e comerciantes. As capas modestas
do país. Ceda, Agrarios, Radicais e Monárquicos son os seus vampiros:
os vividores do patriotismo, o SEU DIÑEIRO: ESA É A SÚA
PATRIA."
(FRONTE POPULAR, Propaganda electoral, Xaneiro de 1936).