Os primeiros pasos... (pequena historia)

Manuel Barreiro Ulloa

Referente cultural e académico dende a súa creación no ano 1928, tanto para Noia como para os concellos veciños, aquel Instituto de Ensino Medio, máis tarde Instituto Nacional, veu truncada a súa brillante traxectoria de plena integración na nosa Vila coa brutal arremetida da Guerra Civil. Decretado o seu peche con carácter provisional, o certo é que os gobernantes da posguerra non permitiron repoñelo a pesares das constantes peticións feitas polas nosas autoridades locais, o que motivou a súa desaparición.

O feito de que a outras poboacións sí se lles permiteu continuar cos seus centros de Ensino Medio, fainos considerar a posibilidade de que o "castigo" a Noia debeuse ao seu pasado republicano, tanto no tocante ás autoridades civís como de boa parte do profesorado do Instituto, dos que destacan, entre outros activistas a prol da República Álvaro de las Casas ou Mariano Pérez Gómez.

Tiveron que pasar moitos anos dende aquel 14 de Setembro de 1937 no que se recibe a Orde de supresión ata que o tesón do Alcalde Sr. Blanco Ons logra a concesión dun novo modelo de Institutos, denominado Centro de Ensino Medio e Profesional, que máis tarde coñecimos como o noso Instituto Laboral.

Sirvan como mostras a "Memoria explicativa" que presenta a principios de 1950 ou a carta que o noso Alcalde envía ao Ministro de Educación, dando razóns moi contundentes da necesidade dese Centro de Ensino para Noia.

Exemplo desa contundencia é a Acta do Pleno do Concello de data 5 de Outubro de 1951 na que se comproba o grao de sacrificio que representa o feito de ofrecer o propio pazo municipal (actual Instituto ´Virxe do Mar´) e trasladalas oficinas municipais a un destartelado edificio que había na Alameda, Amén de enfrontarse ao 25% do costo das obras, e garantir casa-habitación para o profesorado, soldos para administrativos e subalternos, o campo municipal de San Alberto para facer deporte os alumnos, ou unha embarcación a motor para as prácticas naúticas, becas para estudiantes pobres, etc,etc.

Incluso tivo o Concello que vender o Edificio da 'Terraza' para sufragar gastos de aumento das obras do noso Centro.

Este tesón do noso Rexidor logra os seus froitos, e con data de 7 de Setembro de 1951 aparace publicado o Decreto que nos permite unirnos outra vez ao tren da cultura que unha vila como Noia merece. Non dá tempo de poñer a andar o Instituto ese mesmo ano, pero no seguinte curso, 1952-1953, iniciamos esa longa marcha que nos leva a celebrar este 2003 o CINCUENTENARIO, coa esperanza de que os próximos cincuenta sexan tan productivos para as nosas vidas, en definitiva, para a nosa pequena historia, como estes que agora cumprimos.