
por Cesáreo García Rivas

Durante vintenove anos, entre 1955 e 1984 fun mestre
de Ensino Primario en Corcubión, unha vila sita ao fondo da ría do mesmo nome.
Ao principio tiven ao meu cargo unha escola unitaria de nenos, á que asistían
alumnos entre os seis e os doce anos de idade que , para facilitar o ensino,
estaban divididos en tres grupos ou seccións. A escola encontrábase ubicada na
primeira planta dunha casa da veciñanza; a fachada principal constituía a
aula, e a parte posterior do piso era a vivenda do mestre. A parte dedicada á
escola era moi reducida: consecuencia do derribo dun tabique entre dúas
habitacións.
Na Vila existían ademáis, outras dúas escolas : unha de Orientación Marítima, e outra de nenas. Había tamén un Padroado, criado e sostido polos fondos dun ilustre corcubionés, D. José Carrera, que xestionaba o desenvolvemento das escolas de nenos e nenas, pero que sucumbiu ante as dificultades económicas.
Como antes dixera, o local da escola era pequeno, e frío
en inverno, pois ninguén por aquel entón ousaría pensar en calefacción
algunha; e a miúdo, nos peores días de inverno, os dedos xeados dos nenos eran
incapaces de manexar a pluma, pois daquela aínda se usaban plumiñas de aceiro,
e tardarían aínda moitos anos en popularizarse os bolígrafos. Era frecuente
oír aos nenos dicir que non podían escribir por ter o plumín esgallado . O
inconveniente de escribir con pluma era o uso dos tinteiros, que caían a
miúdo, enchendo o chan de tinta.
Os materiais educativos que empregábamos reducíanse en grande parte ás pizarras ou encerados, fixados á parede, que eran usados principalmente polo mestre; as enciclopedias que resumían tódolos coñecementos básicos da cultura, libros con poucas fotos, e de escasa calidade; exemplares do catecismo para memorizar; as pizarras dos alumnos, utensilio sucio, pero de probada eficacia e moi económico; tamén adornaban as paredes o Mapa Mundi e os correspondentes a España e ás partes do mundo. No caderno reproducíanse os exercicios xa corrixidos, pois apenas se empregaban as cuartillas. Os alumnos sentábanse nos pupitres.
O feito de que a miña escola estivese situada nunha rúa, provocaba a carencia de patio de recreo, e o descanso dos nenos facíase na mesma rúa, aínda que, afortunadamente, apenas existía tráfico daquela.
Entre as festas e conmemoracións que lembro, téñolle especial simpatía á "Festa da Árbore". Cando alborexaba a primavera, dedicabamos una tarde a plantar árbores que testemuñasen o noso agarimo á árbore, e a cantar a pleno pulmón o himno na súa honra. Éncheme de satisfacción contemplar agora o desenvolvemento acadado por varias destas árbores así plantadas, que embelecen o "Relleno" da vila.

Antigos profesores e alumnos do Xosé Carrera posando nas escaleiras do Centro
Na década dos sesenta, o ensino medio estaba reducido ás cidades e localidades de maior importancia. Entendendo as autoridades educativas a necesidade de ampliar o campo da mesma ás vilas mais pequenas, pero tratando de evitar a creación de grandes centros que supuxesen elevados custos, xurdiron uns centros denominados C.L.A. ( Centros Libres Adoptados ) onde se impartian estudios de bacharelato elemental. O Ministerio facilitaba dous licenciados, un en Ciencias e outro en Letras. O Municipio debía habilitar o local, e os colaboradores indispensables da tarefa educativa, que foron sempre os mestres das vilas. Aquí funcionou un C.L.A. durante máis de dez anos; os mestres participábamos co noso gran de area, e a experiencia significou a promoción cultural da Comarca, acadando moitos alumnos, e con notable éxito algúns, os estudios universitarios.

Algúns profesores do C.L.A. daquela época
Posteriormente foron creadas novas unidades escolares na vila, e a totalidade das mesmas pasamos, tempo adiante, a constituír un "Colexio Nacional", denominación que entonces recibían os colexios públicos, nun único edificio, asignándose un curso a cada mestre, e alcanzando melloras que poucos anos atrás poideran parecernos inalcanzables: calefacción, transporte escolar, comedor escolar no seu caso, e a existencia dun material escolar máis abondoso que axudaron a formar clases máis amenas e mellores.
Cesáreo García Rivas
NOTA: Don Cesáreo finou o 23 de marzo do 2000 tras unha curta pero fatal enfermidade. A comunidade educativa de Corcubión lamenta esta perda, e quérelle rendir o seu agradecemento pola súa labor de mestre nesta vila ao longo destes 30 anos.
|
|