

Ao sentarme á máquina para escribir unhas impresións
acerca da miña traxectoria no Maxisterio,
póñome a meditar lembrando
innumerables anécdotas que, ao longo de máis de corenta anos eu teño vivido.
Dixen Maxisterio por aceptar esa designación como a máis idónea, posto que ,
na miña longa e dilatada vida, coñecín os nomeamentos de: Mestre de escola,
Mestre Nacional, Profesor de E.X.B. e agora ¡ ENSINANTE ! ¿ con cal me quedo ?
sen lugar a dúbidas, con MESTRE, e pertencente a honroso corpo do Maxisterio.
Procurei en todo momento adaptarme ás necesidades dos alumnos e ás zonas onde
exercín; en Asturias, zona mineira, e logo zona agrícola, e xa en Corcubión,
con todas as peculiaridades que a "nosa" vila encerra, e sempre
buscando o enriquecemento da comunidade escolar.
En toda a miña etapa profesional, dende principios dos
anos corenta ata mediados da década dos oitenta, compréndese que pasei por
épocas e situacións sumamente diversas, tanto na mentalidade das xentes - os
asturianos da postguerra moi distintos dos galegos - como en diferentes
métodos, sistemas ou aplicacións que as circunstancias políticas do momento
ou lugar trataban de impoñer. Tense dito que "cando a política entra pola
porta da escola, a educación sae pola xanela ". Tal vez teña moito de
verdade tal aserto, pero, por ilo, procurei sempre e en todo momento fuxir do
mesmo, sobretodo cando, en Corcubión, o traballo facíase en conxunto, en
colaboura con tódolos compañeiros que na vila exercíamos. Primeiro nas
distintas e ruinosas escolas esparcidas pola vila e, xa ampliado e modernizado o
edificio da Fundación, creado polo filántropo Dn. José
Carrera Fábregas, o quefacer diario o era de xeito constante e continuado.
Corrrespondeume a dirección durante vinte anos, e en todos eles a harmonía foi
o norte e guía do traballo de todos, pero, como sempre hai a excepción que
confirma a regla, citarei o ocorrido con certo mestre: sendo párroco Luis
Cardoso, faloume de que o Arcebispo de Santiago, monseñor Rouco Varela - hoxe
cardeal na diócese de Madrid - tiña programada unha visita e desexaba reunirse
no colexio con tódolos mestres. Pareceume acertada a idea, e así
manifestéillelo a Luis, e ao comentalo cos compañeiros, todos aceptaron con
sumo agrado, pero un que chegara naquel curso contestóume : "Eu nada teño
que ver con ese home, nen teño por que estar nesa xuntanza, e espero que se
algún día traio eu a un comunista, ti, e os demais mestres, lle prestedes a
mesma atención que a ese cura". Afortunadamente aquel mestre só
permaneceu no colexio un curso, e evitouse, posiblemente, que xurdiran problemas
que, nen antes nen despois, xurdiron cos demais compañeiros.
Dicía ao principio que os meus primeiros
pasos coa profisión foran en Asturias,
primeiro en Turón, do concello de Mieres, en plena cunca mineira coas vilas de
Sama de Langreo, Felguera, Caborana.... localidades todas elas negras polo
carbón, pero habitadas por homes traballadores, sinceros, nobles que sempre
falan coa verdade por diante e onde encontrei bos amigos que me contaban,
desilusionados dunhas ideoloxías que profesaran; contábanme, repito, as
barbaridades e crueldades que por alí se cometeran durante a guerra nun e
noutro campo. Había, sen dúbida, combatente que loitaran por un ideal, por
unha idea hacia un camiño dunha España que uns e outros querían mellor; pero
igualmente había individuos indeseables que, sendo os menos, nun e noutro
bando, lobos da misma camada dedicábanse ás maiores atrocidades. Aquelas boas
xentes contábanme sucesos acaecidos, sinalábanme a familiares das víctimas o
dos asesinos, pero todos tiñan que convivir para gañarse o pan, o sustento
diario traballando nas entrañas da terra picando cos medios anticuados de
entón, e sempre temerosos do grisú, cuxas explosións, por desgracia bastante
frecuentes, solían deixar viúvas, orfos e familiares
desamparados, verdadeiras traxedias, algunhas das cales tocoume vivir. Téñase
en conta que estou a falar de principios dos anos corenta, e despois duns cursos
exercidos naquelas zonas industriais, optei por trasladarme a outras zonas
agrícolas. Concellos de Candamo, Grado, Pravia ... campos bañados polas augas
do Nalón; os traballos no
campo ocupaban as persoas de por alí que recollían as súas magníficas
colleitas, froita abondosa, mazás das máis variadas e excelentes especies e,
sobretodo, amorodos. Eles tiñan a gala decir que aquela eran os mellores
amorodos de España, moi superiores aos de Aranjuez ( precisamente estou
escribindo estas notas o día no que alí, en Grullos de Candamo, celébrase a
Grande Festa do Amorodo, o primeiro domingo de xuño, á que por moitos anos
asistín, disfrutei e coñecín á muller que despois de moitos anos, a Deus
gracias, segue a ser a miña dona ).
A miña escola estaba en Murias de Candamo, situada na marxe dereita do Nalón,
e ao darse a circunstancia de que este río durate a guerra separou ás dúas
zonas contendentes, e ao quedar a republicana na dereita xeográfica, a escola,
e todo o lugar e xentes quedaron na primeira liña de fogo, tendo que abandonar
as súas casas e pertenencias para irse a lugares máis seguros. Cando eu
cheguei estaban atendidos os nenos e nenas por una anciá mestra na que,
ademáis dos anos, pesaba enriba dela unha non moi boa saúde. Ao facerme cargo
dos "guajes" ( así chamaban aos nenos ) encontreime con un bo número
de rapaces pero nada máis; nen material nen mobilia, pois os bancos e mesas que
se habilitaron, forono polos paisanos, aprendices de traballar en madeira, quen
con máis vontade que coñecementos de carpintería dotaron ao local-escola do
indispensable para os nenos e o mestre poder sentar. Pola miña parte a
xuventude e ansias de traballar suplíu as carencias coas que me atopaba, e
resulta chocante o acaecido o primeiro día de clase, ao enfrontarme con aqueles
alumnos de ata 13 e 14 anos aos que perguntei onde estiveran durante a guerra,
recebindo distintas contestacións: uns foran evacuados a Francia e xa
regresaran, outros foranse cos seus familiares a lugares máis seguros, zona
oriental asturiana ou Santander e algúns dos que se quedaran alí, contestaron
: mire, señor mestre, naqueles montes... ( referíanse á Serra de Cabruñana,
sita na marxe esquerda do Nalón ) estaban os galegos, e desde alí nos
bombardeaban con cañones "¡ me cago en la madre que los parió ! " .
Non hai dúbida de que o rapaz que así se manifestaba, facía debido á pobre
formación, da que carecían como consecuencia das circunstancias e sofrementos
polos que tiveran que pasar, e sobretodo ignorando a miña calidade de galego.
Co tempo, resultaron uns alumnos estupendos e magníficas xentes e aínda hoxe,
cando me achego por aquelas terras ( dado que de alí e Mery, a míña dona )
algúns, pese ao tempo transcorrido, achéganse a saúdarme con tódo o afecto,
e me recordan detalles que eu tiña olvidados.
A primeiros do 1951, o Instituto Social da Mariña
convocou concurso para cobrir en propiedade a escola de Orientación Maritima, o
Pósito,
e
en resolución de tal concurso, foime adxudicada tal praza, tomando posesión o
1 de setembro do 51, exercendo desde entón en Corcubión até a miña
xubilación, no 1985. Durante todos eses anos asistín a numerosos cursos de
perfeccionamento, técnicas educativas, directivas, extensión cultural etc en,
Santiago, A Coruña, Madrid, O Escorial, Val dos Caidos, Universidade
hispanoamericana da Rábida - Huelva, Peñíscola... sempre designado pola
superioridade. De todo ilo teño moi bos recordos e algunhas anécdotas
verdadeiramente interesantes onde o nome de Corcubión e Galicia quedou a moi
boa altura, e que non citarei, por non facer este escrito interminable e
farragoso, pero si direi que, aínda cando as ensinanzas que se lograban non era
o todo útiles que deberan e acordes cos gastos que o montante e organización
requerían, si servían para coñecer xentes, opinións, costumes e pareceres de
compañeiros de tódolos lugares de España. De todos aqueles cursos quero
recordar un celebrado na Coruña, no colexio da Fundación Da Guarda, na Praza
de Pontevedra. Era inspector xefe Dn. Victor Sáez y Sáez e nunha conferencia
pronunciada sobre o estado do ensino, lamentouse de que se pasaba por un momento
no que non se criaban escolas de párvulos, que el consideraba básicas para ir
formando aos nenos/nenas para cando aos seis anos se incorporaran ao ensino
Primario. Ao terminar Dn. Victor, eu comentei que, pese ao manifestado por el,
eu coñecía unha vila onde se tiñan criado escolas infantis, ao que el
replicou : " claro, ti es de Corcubión, e alí puxestes unha pica en
Flandes..."
;
palabras que me encheron de orgullo, como orgulloso teño que estar por seres
entón Alcalde e Director, e que as dúas escolas criadas foran atendidas por
dúas magníficas mestras, quen, ao seu amor á infancia, unían amplos
coñecementos pedagóxicos e as cualidades de seres admirables compañeiras.
Se nun principio as distintas ecolas de Corcubión estaban diseminadas por vellas casas da vila, ao ampliarse o Colexio da Fundación "José Carrera", se instalaron alí tódalas unidades e a labor desenvolvida foi magnífica, digna de todo encomio e, como mostra debe recordarse cando os nosos alumnos, rematada a E.X.B. e ao ingresar no Ensino Medio ou no F.P. os resultados eran tan notables que a dirección e profesorado deses centros manifestaba publicamente a distinción e superioridade sobre os alumnos procedentes doutros colexios da Comarca.
Todos aqueles logros estou seguro se debían ao grupo de profesores de entón, un verdadeiro equipo de pedagogos, que se sentían felices vendo felices aos nenos que tiñan ao seu cargo, aos que lles mostraban un mundo sen razas, obstáculos ou fronteiras localistas, para que ao ser maiores poideran ser libres e voar como os paxaros, dispondo da súa vontade sen distincións políticas nen sociais que alguén pretendera impoñerlles. Aqueles profesores unidos polo amor á profisión, e entres eles por una entrañable amizade, hoxe todos xubilados, seguen unidos como o que son, verdadeiros amigos, e só lamentan a dorosa perda dun deles, Cesáreo, que nos deixou, pero seguro estou que, desde a Gloria que con os seus actos na vida ben gañou, veranos co afecto de sempre, desexando que a amizade, a nosa amizade, siga constante e perenne.
4 de Xuño de 2000

Ramón Pais Romero
D. Ramón Pais Romero foi Alcalde de Corcubión e director do Colexio "José Carrera" da mesma vila, así como o primeiro Conselleiro de Educación que tivo o Goberno da Xunta de Galicia. Finou o 7 de Marzo de 2001 en Corcubión.