A Paisaxe

 
O ano pasado na xuntanza dos centros que estamos a desenvolver a Axenda 21 de Galicia, acordamos marcar como eixo de traballo o tema da Paisaxe.
Como no noso centro, o ceip Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras,  estabamos a traballar nun proxecto documental sobre os celtas e romanos, pensamos que un bo xeito de desenvolver este traballo sería o de enmarcar o estudo da Paisaxe, en concreto a da nosa comarca, dentro dun proxecto documental, xa que así poderíamos xuntar o noso interese pola investigación co estudo da natureza e da nosa cultura tradicional que son os celmes do traballo interdisciplinar no noso centro.
Nesta páxina tentaremos marcar, por unha banda, a estrutura do traballo de investigación que imos realizar, os pasos a seguir e as normas que debemos cumprir, e por outra banda presentar os recursos bibliográficos e aqueloutros que podemos atopar na rede sobre o tema da nosa investigación.
Queremos así evitar algúns dos problemas que detectamos na realización do proxecto do ano pasado, como son recoller informacións sen contrastar, non analizar os documentos, non nomear as fontes bibliográficas...
Tamén tentaremos que os temas a estudar vaian en consoancia coas idades d@s investigador@s, para permitir que tod@s participemos con garantías de éxito, dende primeiro de infantil deica sexto de primaria, sen repetir temas.
Por último, este ano imos construir o noso proxecto empregando unha wiki como ferramenta de traballo cooperativo. Os distintos cursos que traballen unha mesma temática irán poñendo os seus traballos na páxina da wiki que lles corresponda, construíndo cooperativamente o resultado final da investigación.