Ceip Plurilingüe Condesa de Fenosa
Para comezar o noso traballo realizamos unha enquisa na que os nenos e as nenas elixiron os seus intereses.
Na enquisa tamén se preguntaba sobre o estilo de traballo, as aptitudes...
Grazas a todo este traballo previo puidemos determinar que tema era o preferido do alumnado, e en que tipo de tarefas se podía desenvolver mellor para participar no proxecto.
Unha vez que puidemos determinar o proxecto comezamos a nosa actividade.
O primeiro que fixemos foron actividades de motivación, e para iso contactamos cun astrónomo local que acudiu ao centro e nos deu unha charla sobre astronomía.
Aprendimos moitas cousas, e sobre todo abriunos o apetito de descubrir novas cousas sobre o Universo, o noso sistema Solar e os astrónomos que investigaron no pasado sobre a estrutura do espazo.
Seguimos tentando buscar xente que nos puidese orientar no noso traballo, así que contactamos coa ESA, e ao través dela con Pedro Duque.
Remitíronos unha conferencia de Pedro Duque e unha carta do mesmo na que nos aconsellaba estudar moito e manter unha boa forma física.
E con estes ánimos do noso astronauta xa nos sentimos con azos para comezar a traballar duro procurando información sobre o Universo.
A parte das investigacións que fomos realizando na biblioteca, na casa, en informática... na clase traballamos moito sobre o tema.
Fixemos fichas, e en todas as materias se trataba o tema do Universo.
Matemáticas, inglés, galego, castelán, plástica... todo vale para aprender máis cousas do ceo.
Ocorréusenos que como se vería o noso colexio dende o espazo se embarcásemos nun foguete espacial.
Así que montamos un globo sonda con Helio, e colgámoslle un teléfono móbil cun programa de timelapse, que saca fotos cada certo tempo.
Soltámolo o Día da Paz, e a gravación colgámola na Web do colexio.
Dende logo, subir a un foguete ten que marear a un.
Para entender por que a Lúa ten a súa forma cambiante, fixemos en clase de plástica un modelo da súa evolución ao longo do mes luar.
Dende logo nunca máis nos terán que explicar como funciona, quedounos moi ben aprendido.
Animádevos a facer un modelo destes, é doado e así tamén o comprenderedes coma nós.
No Barco, no paseo do Malecón temos un reloxo solar, que se fixo para lembrar o centenario da observación do eclipse solar de 1905 ao que acudiu o astrónomo Comas Solá.
Aprendimos como nos temos que colocar para saber a hora... coidado a hora solar, non a oficial.
Así que xa sabedes, se esquecestes o reloxo e queredes saber a hora, pasade polo Malecón... se é de día e hai sol, claro!.
Tanto investigar e aprender sobre o Universo levounos a querer explicar as nosas investigacións a todo o mundo.
Puxémonos en contacto co xornal dixital Somos Comarca e fixéronos unha reportaxe do noso traballo.
Aí anunciamos que iamos facer unha exposición na Casa da Cultura para que todos puidesen aprender de nós algo do noso Universo.
Unha vez que tiñamos todo listo fomos ao resto dos colexios do noso Concello e invitámolos a que acudiran á exposición que artellamos na Casa da Cultura.
Establecemos quendas para atender os distintos postos e explicar aos visitantes as partes de que constaba a nosa exposición
Tamén había encargados de atender aos xogos interactivos: o pasapalabra, o escornabot e para ofrecer as nosas deliciosas galletas
Embarcámonos cos nosos pais cara a Santiago, á Cidade da Cultura, para presentar o noso proxecto na Feira de Piteas
Nos acompañaban os nosos compañeiros do colexio, cada clase co seu proxecto: Os investigalumes de segundo, os de Pelo, Pico, Escama de 4º e 5º...
Outros proxectos quedaron no colexio, os dous proxectos de infantil, as mascotas de primeiro e os animais mitolóxicos de 3ºA... pero é que non había sitio para todos nos autobuses!