CEIP DE CEDEIRA 

(REDONDELA)

Principal

Datos do Colexio

Actividades

Experiencias

Investigación

Creacións

Comenius

O contorno

Novas

LINGUA ESTRANXEIRA

  

De todos é sabido o importante que é, na sociedade actual, o coñecemento de varias linguas estranxeiras, en especial da lingua inglesa. Tamén sabemos que o mellor é iniciar canto antes aos alumnos/as no coñecemento dun idioma estranxeiro xa que, segundo as actuais teorías lingüísticas a adquisición doutra lingua sigue procesos similares ao da adquisición da lingua materna.

Na nosa escola dispoñemos dunha aula específica para a ensinanza do inglés. Nela o alumnado ten á súa disposición diverso material que utiliza segundo as diferentes actividades que se desenvolvan.

A aula distribúese en distintos lugares de traballo. Ademais da zona convencional de mesas e cadeiras, temos un recuncho onde se expoñen os traballos dos nenos e nenas, outro onde realizan manualidades, un espazo adicado ao coñecemento dos aspectos culturais de Gran Bretaña (con mapas, fotos, libros, postais, etc).  

 

 

As tarxetas de vocabulario (flashcards), pósters, carteis (wall charts) están expostas na aula de forma fixa para facilitar a adquisición de vocabulario, reforzar as estructuras básicas do idioma e memorizar as expresións máis usuais.

Dispoñemos tamén de material audiovisual como son os casetes incluíndo cantigas, ritmos, poesías e vocabulario propio de cada unidade, e cintas de video que facilitan o coñecemento da cultura anglosaxona; ademais coa audición e repetición do vocabulario o alumnado mellora a pronuncia e a comprensión auditiva da lingua e potencia a súa expresión oral.

Un dos obxectivos principais que pretendemos na aula de inglés é que os alumnos/as poidan desenvolver a capacidade de comunicarse nesa lingua, tomando como base os seus coñecementos previos e ampliándoos.

Intentamos fomentar, ao mesmo tempo, o interese pola aprendizaxe do inglés e facer deste unha experiencia positiva.

Outro dos obxectivos que buscamos é facer que tomen conciencia de certos aspectos culturais e cotiás de Gran Bretaña, así coma doutras áreas da cultura xeral.

Á aula de inglés acuden todos os nenos e nenas da escola, dende Educación Infantil ata sexto de Primaria. Tendo en conta isto, o ritmo de traballo e o tipo de actividades que se realizan son moi diferentes, dependendo da idade e das necesidades de cada grupo e de cada alumno/a, intentando crear sempre un ambiente agradable e desinhibido.