CEIP GRAXAL

PRINCIPAL
O NOSO COLEXIO
OFERTA EDUCATIVA
SECRETARÍA
ORIENTACIÓN
ACTIVIDADES
SERVIZOS
ANPA
ALBUM FOTOS

Programa europeo COMENIUS

 

 

 

 Este curso, por primeira vez na historia deste centro dende que é considerado como tal, o profesorado de educación infantil está inmerso nun programa europeo Comenius, de título: “As linguaxes de aprendizaxe do alumnado de educación infantil”. Os países implicados son Suecia, Irlanda do Norte e España, figurando como país coordinador Irlanda do Norte.

As bases filosóficas e pedagóxicas deste proxecto son:

Aportacións feitas á EI por parte das escolas Reggio Emilia, as cales se sustentan en teorías como as de Bruner, Vigotsky, Dewey Piaget e sobre todo MALAGUZZI, a través das cales sostense que os nenos teñen diferentes tipos de intelixencia e por tanto diferentes modos de expresar as súas aprendizaxes. (Reggio Emilia  é unha cidade que acadou recoñecemento mundial polas súas innovacións educativas que foron adoptadas por numerosas escolas de todo o mundo, con  repetidas publicacións en prensa especializada.

         O noso obxectivo pretende profundizar en como aprende o alumnado de educación infantil, e nós, como mestres, podemos apoiar as súas aprendizaxes.

A idea será analizar e poñer en común as diferentes impresións sobre o tema que serán revisadas ó final do proxecto, exploraremos e desenvolveremos diversos métodos de observación dos procesos de aprendizaxe infantil. Ó mesmo tempo buscaremos a mellor maneira de recoller eses momentos de aprendizaxe para facelos visibles ante os nenos, as  súas familias e outros membros da comunidade educativa.

Para conseguir entrar neste proxecto, presentamos o programa no pasado curso escolar 2.006-07, no que pertencían ó claustro de mestres unhas profesoras de infantil moi implicadas neste xeito de aprender, dándose a casualidade  que cando o proxecto veu aprobado no mes de outubro,  gran parte dese claustro  de infantil tiña cambiado, e as mestras que están presentes neste curso atopáronse cun proxecto do que non tiñan coñecemento, pero ó cal se sumaron moi gustosas, e nesa liña seguimos, de xeito que  formamos parte dun grupo de traballo, xunto coas mestras de educación infantil  do ceip Brexo-Lema, unha mestra do ceip Paiosaco, e as mestras do curso anterior que a pesares de estar xa noutros centros fan un gran esforzo por continuar traballando connosco, e mantemos unha reunión quincenal con todas elas no noso centro,  para intentar profundizar nas ensinanzas de Reggio Emilia.

Entre outras ideas, o que queremos é implicar moi directamente ás familias no ensino-aprendizaxe dos seus fillos, de ahí que pretendemos ó longo do curso facer dúas reunións invitando ás familias, outros mestres, autoridades educativas e á universidade da Coruña. A primeira delas terá lugar o 17 de xaneiro, e nela pretendemos facer unha posta en común do que é  Reggo Emilia, o que estamos a facer e a onde pretendemos chegar.

I FORO DE DEBATE

"AS CEN LINGUAXES DA INFANCIA" (17/01/2008)

CONCLUSIÓNS XERAIS

 1.-DAS MESTRAS

a)     Moi interesante para tódolos estamentos educativos.

b)    Deberían ter asistido máis pais en relación á matrícula do centro (40-45 pais/nais)

c)     Pais/ nais moi receptivos.

d)    De cara a futuras reunións ter presente avisar coa suficiente antelación  tanto á facultade coma ó  Concello, recoñecemos que foi insuficiente o tempo.

e)     Moi pouca participación do claustro do colexio, de primaria só estaba un mestre e a dirección, ademáis da orientadora, feito que tamén lles chamou á atención ós pais.

f)      Espacio non axeitado, moi apretados e pouco apropiado para manter unha conversa xeral.

g)     Dinámica moi activa con alta participación dos pais, moito máis que dos mestres.

h)     Reflexións moi acertadas das familias sobre a educación de hoxe.

 2.- DOS PAIS

a)     QUE É UN NENO?

Ø     Unha persoa en construcción, que se pode reconducir e cunhas características especiais: fráxil, dependente, impredecible, moi inteligente, coma unha esponxa, unha fonte de ensinanza para o adulto.

Ø     Un proxecto de futuro.

Ø     Necesita límites.

Ø     Necesita aprender.

 

b)    QUE É A INFANCIA?

Ø     Unha etapa fundamental para a vida do adulto.

Ø     Pilar da personalidade.

Ø     Debería ser a máis feliz, pero que cada vez reducimos máis e na cal deberíamos marcar uns límites claros.

 

c)     COMO APRENDEMOS?

Escoltando, imitando, cometendo erros, por afán de superación, por experiencia, relacionándonos, lendo,  experimentando, investigando…

 

d)    COMO APRENDEN OS NENOS?

Igual que os maiores: por imitación, preguntando, xogando, relacionándose cos outros, experimentando, investigando, equivocándose…

 

e)     QUE SIGNIFICA EDUCAR?

Ø     Dar confianza, autonomía, saber decir “non”, preparar para o futuro, predicar co ejemplo.

Ø     Algo moi difícil.

Ø     A familia é fundamental, o mesmo que o colexio e o ambiente.

 

f)      ESTAMOS EDUCANDO A FAVOR OU EN CONTRA?

En xeral en contra: non lles deixamos experimentar, dámoslles todo feito. Parece que en infantil estamos intentando cambiar un pouco e adaptarnos máis ós nenos.

g)     CAL É O PAPEL DA ESCOLA NA SOCIEDADE?

Un lugar de socialización, primordial pola elevada responsabilidade que temos os mestres, dado que hoxe en día os nenos pasan máis tempo na escola que na casa, máis horas cos mestres que cos pais.

 

h) CAL É A RELACIÓN ENTRE ESCOLA E EDUCACIÓN?

    Van xunguidas: non só se imparten coñecementos, tamén valores 

 

VISITA DOS MEMBROS DO PROGRAMA COMENIUS Ó CEIP GRAXALII

          O día 19 de febreiro de 2.008, acudiron ó noso colexio os membros do programa Comenius no que estamos integrados. Visitáronnos 4 profesoras irlandesas do colexio Pond Park Nursery, 4 profesoras tamén irlandesas do centro Brefne Nursery School, 2 profesoras  suecas de Föräldrakooperativet Solägget de Örebro, 1 mestra do Colexio San Juan Bosco- Salesianos, 1 mestra da EEI Vilariño, e o coordinador do proxecto no Cefore.

 Dende as 9 da mañá, estiveron visitando o centro, foron primeiro polas 5 aulas de educación infantil, comprobando in situ os métodos de educación que seguimos no noso colexio, vendo que non hai tanta diferencia entre o que se fai aquí e o que traballan elas nas súas escolas. Chamoulles moito a atención a alta ratio  de alumnos por aula que temos neste centro.

Quixeron visitar tamén as aulas de primaria ó que colaboraron gustosamente todos os mestres implicados. A continuación tivemos unha pequena convivencia na hora do recreo na que houbo unha charla informal con todo o claustro, comentando brevemente as características máis salientables do seu sistema educativo en contraposición co noso.

Sobre a unha da tarde acudimos ó concello de Cambre onde fomos recibidos polo señor alcalde D. Antonio Varela Saavedra e o señor concelleiro de educación D. Jaime López Lisnier. Tivemos unha pequena recepción con entrega de presentes a todas as escolas implicadas e a continuación visitamos, coa axuda do historiador do concello, o Museo Arqueolóxico e a Igrexa Románica. Despois marchamos xantar todos xuntos a un restaurante da zona cun menú típico da nosa terra: laconada, onde a compenetración foi total entre todos, e que causou unha boísima impresión entre as mestras extranxeiras coas que acadamos unha sintonía moi forte que ata o momento  se nos resistía un pouco sobre todo a causa do idioma.

Pola tarde fixemos a segunda reunión (meeting) conxunta na que decidimos os pasos a seguir para o que queda de curso: sobre todo a páxina web e o que cada quen tiña que colgar nela.

Rematada a reunión, despedímonos todos e quedamos ata o día seguinte que fomos visitar o Ceip Brexo-Lema, que é un centro que aínda que non participa no proxecto, conta cun profesorado de infantil moi implicado no tema e que traballa moi conxuntamente a través dun grupo de traballo, co profesorado de Ceip Graxal II. A visita foi tamén moi proveitosa xa que quedaron impresionadas tanto polo traballo realizado polos alumnos e profes, coma polos presentes ofrecidos e o inmellorable trato recibido pola dirección do centro e de todo o claustro de mestres que nos recibiu á hora do recreo.

         Ó rematar a visita, voltamos A Coruña e quedamos para a reunión da tarde, que resultou sumamente  interesante para todo o profesorado participante en grupos de traballo, que invitados polo asesor do Cefore acudiron para escoitar de viva voz o sistema educativo sueco e irlandés.

Pola noite tivemos unha cea conxunta nun local da Coruña, que resultou moi divertida, cunha sintonía total entre todos os membros e na que con mágoa despedimos ás representantes de Brefne, que marchaban  xa ó día seguinte, mentras que coas outras mestras quedamos para o día seguinte visitar a eei de Vilariño.

 

II FORO DE DEBATE

"AS INTELIXENCIAS MÚLTIPLES DE GARDNER" (11-06-08)

CONCLUSIÓNS XERAIS

O II foro de debate que tivo lugar no noso centro o día 11 de xuño non acadou os resultados desexados. Non sabemos se puido influir o cansanzo que todos temos a finais de curso, ou o feito de que despois de moitos días de mal tempo, por fin chegou o sol e a xente acudiu ás praias, o feito é que moitos pais non acudiron . Por todo isto concluimos que o mes de xuño non é o máis axeitado para facer este tipo de asambleas e que o máis lóxico e facer unha en outubro, outra en febreiro e a última en maio.

As conclusións que sacamos desta xuntanza foron as seguintes:

  • Pouca participación dos pais, aínda que os que acudiron marcharon moi contentos.

  • Escasa participación dos mestres de primaria, quizás debido ós agobios de final de curso,

  • En caso de máis participación precisamos un lugar máis axeitado.

  • Os pais entenderon perfectamente o tema das intelixencias múltiples e souberon obter o seu perfil a través delas.

  • Hai que potenciar a tódolos nenos para mellorar a súa aprendizaxe, e iso é moito máis doado se o facemos a través da súa intelixencia dominante, para así reforzar aquelas que teñen máis frouxas.

  • A escola de hoxe en día non ten nada que ver afortunadamente coa que vivimos noutros tempos, é moito máis aberta, con máis participación dos pais, na que o neno é o centro de atención.

  • O ensino significativo a partires da experimentación, a investigación e o xogo , é moito máis produtivo que o feito de usar o libro de texto sen máis para aprender.

    Con estes ingredientes, temos que aprender a adaptarnos ós nosos alumnos, escoitándoos e favorecendo a súa aprendizaxe a partires de proxectos que integren a experimentación, a investigación, o estudo e a implicación directa das familias nas aulas.

    FOTOS DO COMENIUS