Presentámo-lo primeiro boletín da Biblioteca. Nel recollémo-los títulos máis significativos dos libros que tivemos expostos durante a conmemoración da Paz. É unha forma de recomendar lecturas de nova adquisición no centro, que consideramos de interese e que desde a Biblioteca pretendemos promocionar.
Nesta ocasión o eixe é "África"; noutras, cando o colexio programe algunha actividade colectiva ó redor de calquera outro tema, faremos algo semellante. Sempre co mesmo obxectivo: dar a coñecer unha selección de títulos que desde o noso punto de vista reúnen as condicións necesarias para seren recomendadas: unha boa historia, unha historia que transmita valores e calidade literaria e estética.
Non suxerimos para que idades consideramos adecuados os libros porque nos parece que é poñer límites a algo que debe ser moi aberto.
Vai unha pequena reseña da historia e iso dá unha pista suficiente para saber se nos interesa ou non. Pero ademais diso, hai moitos títulos que polo seu aspecto, irían recomendados ós máis pequenos, e que sen embargo conteñen historias que serven para todos, historias con múltiples lecturas que poden gustar a pequenos e grandes.