O CASTIÑEIRO

   O castiñeiro é orixinario do sureste de Europa. Debe o seu nome á cidade turca de Kastania. Foi introducido en Galicia polos romanos. Pode alcanza-los 30 metros de altura. O seu tronco é groso e a copa ancha. Nos primeiros anos o seu crecemento é lento. Ten unha vida longa. A madeira é moi apreciada na fabricación de mobles. Emprégase ademais para facer bocois, xugos, trades,...

A FOLLA E A FLOR

   As follas do castiñeiro son caducas (cáenlle no outono). Son estreitas e miden de 10 a 25 cm de longo e ata 6 cm de ancho. Teñen forma lanceolada e os seus bordos son dentados. As follas van colocadas de xeito alterno.

   As flores nacen entre os meses de maio e xuño. Son espidas e non teñen nin sépalos nin pétalos. Das flores femininas nacerán os froitos. A flor recibe o nome de candea.
 

O FROITO

   O froito é a castaña. Está recuberta por unha coraza espiñenta chamada ourizo. Dentro do ourizo pode haber de dúas a catro castañas. Ó madurar, o ourizo parte en dúas ou catro valvas, deixando cae-las castañas. É un alimento moi calórico, rico en almidón, graxas e proteínas. Sóese comer crúa, asada ou cocida.