![]() |
|
![]() O 24 de xaneiro reuniuse o club das lectoras de 3ºESO, nesta ocasión para falar dun clásico de literatura galega, Memorias dun nenos labrego, de Xosé Neira Vilas. A puntiño de cumprir 50 anos é o libro máis reeditado e traducido da nosa literatura. E agardamos que siga tendo tantos lectores.
Houbo ideas nas que coincidimos todas, o personaxe de Balbino emociona polas desgrazas que sofre, por como se rebela ante o pai, como namora de Eladia, a profesora. Rocío resumiuno nunha frase de ouro: “parece que como é un neno, aínda que sufra, non pasa nada”. E se en algo estivemos de acordo é en que estamos con Balbino, collémoslle cariño, é como se existise de verdade, como se fose a historia dunha persoa real. E que neste libro limos historias de antes, que tiñamos escoitado dos maiores da casa. Carme lembraba a impresión que lle causara darse conta que seus avós na infancia o pasaran seguramente tan mal como Balbino, e que entendera a frase que repetían ata a saciedade de hoxe tedes moito vicio.
Maricarme, a profesora de diversificación destacou da primeira vez que o lera “ o que me gustar máis daquela era que identificaba labores, maneiras de facer da aldea similares ás que eu coñezo”
Teresa insistiu na idea de que é un libro actual, que o que conta ocorre hoxe, e ao mellor non tan lonxe como pensamos. E tamén nos lembraba que o propio autor llo dedicou aos nenos que falan galego, para que eses nenos tivesen un libro para poder ler en galego. |
Opinións das lectoras de 3º ESO O libro gustoume moito, pero dábame moita pena Balbino, porque... Este libro non me gustou moito... O libro gustoume moito e o feito de que fose o primeiro do club, fixo que me gustase aínda máis... O libro gustoume moito. A maioría da xente de hoxe... O libro gustoume porque non se parecía aos que lin ata o de agora, e non sabía... Dábame moita pena cada vez que lía... Gustoume o libro porque explica como era a vida ... O mellor que puido facer Balbino foi... A min gustoume porque conta como vivían os nosos avós...
Lectoras doutros anos: Penso que este libro ten un carácter bastante didáctico, xa que nos mostra a maneira de vivir da época dos ... Este libro pareceume moi interesante e entretido, a pesar de ... Ensínalle ás novas xeracións como...
|
Por que escollimos Memorias dun neno labrego ?
|
|
|
Tenme pasado en máis dunha ocasión que ao chegar a un instituto, compañeiros que sabían que era a nova profesora de galego saudábanme dicíndome: Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis un ninguén. E pobre…
Facíano como se me recitasen un poema de Rosalía, ou como se me
cantasen o himno, unha especie de consigna secreta par os que amamos o
galego. Claro que recoñecía as palabras, eran as primeiras palabras de Memorias dun neno labrego. Claro que entendía que me estaban dicindo que amaban o galego e a literatura galega. Pero tamén me estaban dicindo algo máis… que aquel primeiro best seller da lietarura galega fora unha especie de bálsamo co que curaran a vergoña de ser da aldea, de ser pobres… un bálsamo co que aprenderan que era posible mellorar na vida Acercábanse para dicirme que aínda hoxe de maiores, profesionais traballadores do ensino seguían agradecendo que Xosé Neira vilas crease o Balbino. Cando xa tiñan máis confianza comigo insistíanme a mínima oportunidade en que llo tiña que dar a ler aos meus alumnos e alumnas. E a mínima oportunidade estou disposta a cumprir esta obriga. Agardo os vosos comentarios, moi distintos seguramente aos dos meus compañeiros, 50 anos despois de terse escrito este libro que fala de nós, os galegos e galegas, e de toda a humanidade. Agardo que vos conmova e que quede un pouso de Balbino na vosa memoria para sempre. Carme Gasamáns
|
|