O CPI Ramón Piñeiro é un centro que aglutina diferentes ideas, sensibilidades e perspectivas sobre o feito educativo, derivadas da convivencia de alumnos dende tres anos ata outros de máis de dezaseis anos. Os alumnos de cada etapa educativa que conviven no noso centro teñen características e necesidades moi diferentes, que precisan de respostas moi diferentes, pero todas elas han de convivir nun mesmo espazo e ser aceptadas e valoradas de forma respectuosa por todos.
Dende o equipo directivo entendemos que o noso labor debe apoiarse no traballo en equipo, un equipo formado por todos os que temos un labor e unha responsabilidade neste centro, sexa cal sexa; todos somos partes dunha mesma cadea, a fortaleza da cal determinará o grao de éxito dos obxectivos formulados como centro educativo. Neste senso pretendemos dar continuidade e consolidar o traballo dos últimos anos, esforzándonos na mellora dos aspectos mais frouxos do centro, e ampliando as miras cara ás diferentes necesidades derivadas da evolución da nosa sociedade.
Para rematar permítome repetir as palabras da miña predecesora no cargo, dándolles valor de filosofía de centro: "Todos temos un sitio aquí que nos corresponde por dereito, e ninguén pode ser discriminado por razóns de idade, sexo, raza, cultura ou relixión. Todos temos dereito a recibir unha educación baseada no respecto, a tolerancia e a liberdade".
Un saúdo .
|