Chega o mes de maio e canda el renace unha fonda tradición, a dos Maios, que se remonta a épocas prerromanas e busca a protección dos fogares e as súas xentes.
Xusto saímos a tempo para facer o noso Maio.
Maio tamén é un mes que serve de inspiración a poetas coma Curros co seu "Aí vén o maio", ou a Rosalía, co seu "Maio longo", que compartimos con vós:


Manuel María traballou intensamente co obxectivo de que as nenas e nenos descubrisen moi pronto o pracer de ler.
El quería que lendo o mundo ao que pertencían se abrise ante a súa ollada e que amasen o cachiño de planeta que era o seu berce.
Coa Terra Chá como escenario, fíxonos descubrir o gato Mimí. Coa súa historia aprendemos que hai que conservar a esencia do que somos para ter un lugar no mundo.
Neste Día do Libro 2020 o noso agradecemento é para o poeta que soubo que das gaiolas tiñan que saír os paxaros e no seu lugar debiamos gardar os soños.


Estimadas familias,
Aquí vos deixamos un pequeno vídeo que esperamos que vos guste e que vos anime. Raiola parou, pero todo o equipo educativo vos ten moi presente e desexamos voltar o antes posible á escola.
Apertas de todas.
EN DÍAS DIFÍCILES MANTEMOS O ÁNIMO ALTO.
Ás familias que formades Raiola queremos mandarvos Raiola queremos mandarvos unha mensaxe de ánimo e esperanza e tamén o noso desexo de que a vida volva pronto á normalidade.
A situación que estamos a afrontar era inimaxinable hai un mes, e por esta razón temos unha sensación de desacougo difícil de mitigar ao encontrarnos ante un escenario de saúde pública do que non coñecemos precedente.
Neste momento temos que poñer toda a nosa fortaleza e tranquilidade de ánimo en favor das nenas e nenos que pola súa idade teñen menos capacidade que os adultos para comprender os acontecementos que están a suceder ao seu arredor.
Raiola espéravos ao final desta emerxencia, sendo sabios e sabias, máis xenerosos e xenerosas e, coa disposición de no futuro, aproveitar todo aquilo que temos ao noso favor e que ás veces non valoramos na xusta medida.
Confiamos en que sexa pouco o tempo que estamos separados e ao regreso poder recuperar este días de impás que estamos a vivir.
Moito ánimo!!!
Esta mañá as nenas e nenos das clases de 5º e 6º asistimos a un obradoiro de primeiros auxilios impartidos por Liliana.
Foi moi interesante aprender a facer manobras de reanimación aos nosos bonecos favoritos que viñeron da casa para axudarnos.
Tamén aprendemos os dous números de emerxencia nos que teríamos que pedir axuda de atoparnos nunha situación comprometida: 061 e 112.
Cun estetoscopio escoitamos como late o corazón e vimos outros instrumentos que se usan para coidar ás persoas que están enfermas.
Hoxe nas clases dos e das maiores naceron vocacións a porrillo para dedicarnos ao traballo sanitario.
VIVA O SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE QUE NOS CURA!


Foi preciosa a historia que a compañía Baobab Teatro representou hoxe para nós. Tivemos a oportunidade de rir, de emocionarnos, de cantar... e quedamos con moitas ganas de repetir.
Foi unha maneira xenial de rematar esta intensa semana de escola.
Onte asistimos a unha función musical no Auditorio de Galicia que foi do noso agrado.
As nenas e nenos de Raiola tiveron a oportunidade de participar nunha experiencia narrativa e musical coa que viaxar polo mundo, descubrindo fermosas músicas e danzas.
Saídas como a de onte fan que pague a pena mobilizar ao noso alumnado fóra da escola, compensando sobradamente o esforzo que require.
Moitas foron as mulleres anónimas e silenciadas que deron os primeiros pasos para ir mellorando este mundo imperfecto, no que aínda hoxe vivimos. Co seu labor nas aldeas, nos pobos e nas cidades de todo o mundo deixaron a semente para que as mulleres de hoxe podamos traballar no ámbito público, (porque no ámbito privado as mulleres traballaron a reo dende a prehistoria), votemos, teñamos acceso á formación educativa, poidamos decidir sobre a nosa vida persoal, poidamos tamén ter igualdade xurídica... e tantas outras cousas.
Ás artífices do labor realizado en tempos e circunstancias moito máis difíciles que as actuais, debémoslles a obriga de seguir loitando pola igualdade total para todas as mulleres do planeta. Dámoslles as grazas ás pioneiras que sabemos pagaron un alto prezo por non conformarse, abrindo cos seus logros, os camiños polos que andamos hoxe.