Iniciar sesión: Acceso

Rosalía reloce no firmamento

Rosalía reloce no firmamento

Dende o día dezasete de decembro de 2019 hai unha estrela co nome da poeta galega universal, Rosalía de Castro.

Curros díxonos de Rosalía que levava na fronte unha estrela. Con ela a musa dos pobos aluma ao mundo.

Rosalía xa ten no ceo unha estrela que envía o seu fulgor ata nós e aquí, agora e sempre, as palabras de Rosalía son luz.

Nadal 2019

Nadal 2019

Acaba o ano 2019 e con el remata o primeiro trimestre do curso.

En Raiola pasaron moitas cousas durante estes meses dun outono especialmente chuvioso nos que a escola foi un lugar cálido e resgardado onde medrar.

Nas nosas aulas houbo risos e choros, música e contos, amizade e amor. Tivemos a visita de nais e pais cos que desfrutar moitísimo. Tivemos festas como o Samaín e magosto, e participamos colectivamente en conmemoracións e reivindicacións.

Como remate, neste Nadal quédanos por vivir a actuación de Luís Prego que terá lugar na mañá do venres 20 e que terá como público ao noso pequeno alumnado.

Os maiores podedes participar nos ensaios das panxoliñas do luns e o  mércores.  E  na  tarde  do  día  20,  a  iso  das  16:00  horas estades convidados/as ao FESTIVAL DE NADAL.

O festival porá remate de ouro a un ano que encheu de experiencias educativas a vidas das nenas e nenos de Raiola e das profesoras.

Recordade que os días 24 e 31 de decembro pecharemos e que dende o día 23 de decembro ata o 3 de xaneiro, o horario será de 07:45 a 15:45 horas.

Parabéns Elena Ferro

Parabéns Elena Ferro

Queremos darlle os nosos parabéns máis sentidos e afectuosos á artesá galega Elena Ferro por ser a galardoada co PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA 2019.
No curso pasado Elena veu a Raiola e regalounos o seu tempo nunha actividade coa que nos acercou a unha forma tradicional e artesanal de fabricación do calzado que usaba a maioría da xente no noso país ata non hai moito tempo.
Tamén nos contou como a renovación no deseño dos ZOCOS que no seu obradoiro se levou adiante fixo que volvesen ter un sitio no armario de moitas persoas que descubriron as súas cualidades.
Raiola mándalle unha salva de palmas a Elena e a todas as persoas que con ela, teñen o mérito dun traballo que xunta tradición e modernidade.

Sempre é bo día para escoitar un conto

Sempre é bo día para escoitar un conto

Esta mañá o narrador Iago López contounos a viaxe que fixo Martiño cos seus pais un día calquera.
A historia foi sinxela, divertida e chea de valores, e Iago conseguiu que participáramos dende o primeiro momento ata o final.
Foi unha sesión de contacontos amable e divertida.
Grazas Iago.

Catro anos sen Xosé Neira Vilas

Catro anos sen Xosé Neira Vilas

O 27 de novembro de 2015 finou Xosé Neira Vilas.
Coa súa desaparición perdemos a un gran creador que se mantivo lúcido e activo ata o final dos seus días.
A noveliña Espantallo Amigo é unha das súas obras que máis nos toca o corazón e cada curso nestas datas traballamos intensamente os valores que esta historia nos transmite.
O Espantallo é xeneroso, amable, cariñoso e vive para facer a paz. Nós queremos ser como el.
Xosé Neira Vilas vive no noso corazón a carón do seu Espantallo Amigo do que tanto aprendemos.


Saída con actividade dobre

Saída con actividade dobre

O xoves 28 de novembro o alumnado de 4 e 5 anos acudirá no mesmo día a dúas actividades.

Unha delas terá lugar no Museo do Pobo Galego e a outra no Centro Galego de Arte Contemporánea.

No museo será Raquel Queizás a que na función de contacontos Raposadas contará contos para nenas e nenos, cos que nos acercará á figura de Antón Fraguas (fundador do Museo do Pobo Galego). Seguriño que nos van agradar moito.

No CGAC visitaremos algunha das exposicións temporais que enriquecen a vida cultural da nosa cidade. A visita será guiada e logo participaremos nun obradoiro relacionado coa exposición.

25N Día internacional contra a violencia de xénero

25N Día internacional contra a violencia de xénero

Eliminamos a violencia co amor, coa liberdade, coa igualdade, co respecto, coa autoestima, co compañerismo, coa amizade, coa formación, coa solidaridade, coa responsabilidade,...
25N Día Internacional contra a violencia de xénero.

Contacontos con Brais

Contacontos con Brais

Como  un precioso agasallo, este mes de novembro imos ter unha especialísima sesión de contacontos na voz de Brais, que unirá aos nosos queridos osos do Courel, Exeria e Manolo, e ao Espantallo Amigo. Viva a literatura en vivo!!

4º Aniversario Neira Vilas

4º Aniversario Neira Vilas

O 27N do 2015 finou Xosé Neira Vilas.

Hai xa 4 anos que o autor do “Espantallo Amigo”, “Memorias dun neno labrego”, “Cartas a Lelo”,... e moitas outras obras non está con nós, pero seguimos desfrutando da súa obra.  Coa obra “Espantallo Amigo” as nenas e nenos de Raiola aprenden o valor da AMIZADE. Este sentimento, o da AMIZADE, ocupa na infancia o corazón das nenas e nenos. Ter amigas e amigos enriquece a súa vida emocional e coa obra de Neira Vilas aprenden o xeneroso valor de PODER AMIGAR.

Día Internacional pola eliminación das violencias contra as mulleres

Día Internacional pola eliminación das violencias contra as mulleres

O 25N é o Día Internacional pola eliminación das violencias contra as mulleres.

Esta é unha data reivindicativa, na que traballamos procurando unha sociedade na que non teña sito a violencia contra as mulleres.  As actividades que imos desenvolver irán especialmente dirixidas a traballar en favor da IGUALDADE DE DEREITOS ENTRE SERES HUMANOS. A igualdade elimina a violencia e facilita fórmulas de convivencia nas que os conflitos se resolvan co uso da razón.

Distribuir contido