Iniciar sesión: Acceso

A nosa escola

Historia da nosa pequena escola

Raiola é unha escola infantil que escolariza a nenas e nenos dende o ano 1974. O seu alumnado abrangue, dende a súa fundación, a cativas e cativos de un a seis anos.

No inicio da década dos 70, as prazas escolares no tramo inicial e non obrigatorio da escolarización eran insuficientes para antender a demanda da poboación do barrio do Castiñeiriño. Desta necesidade nacerá Raiola.


A veciñanza, organizada nunha iniciativa social e solidaria, pon en pé unha escola que vai deixar pegada na vida da comunidade.

Cun gran esforzo económico e a suma dos traballos individuais de moitas persoas levantouse unha escola que traía un espírito educativo pioneiro, que aínda está vixente hoxe.

Raiola nace coa determinación de dar respostas educativas de calidade a sucesivas xeracións de nenas e nenos do barrio do Castiñeiriño, para mellorar as súas expectativas de futuro.

O contexto educativo no que Raiola vai desenvolver a súa actividade queda marcado dende a súa fundación con bases sólidas ao respecto de temas fundamentais, como son: o uso da lingua galega como lingua vehicular do ensino, a difusión da tradición e cultura galega nas súas facetas literarias, musicais e de tradición popular, a busca de igualdade de oportunidades para todo o alumnado sen diferenciar sexo ou procedencia, a participación das familias no acontecer educativo como elemento enriquecedor do proceso e o respecto ao medio natural como única forma posible de supervivencia.

Raiola leva xa cerca de cincuenta anos prestando servizos educativos a unha comunidade á que lle debe o impulso participativo que a sitúa no bo camiño dunha concepción plural do ensino. Para perdurar durante todo este tempo fóronse sucedendo as reformas e melloras necesarias nas instalacións. Tamén sufrimos dolorosas perdas como a tala do piñeiral que tanta ledicia lle aportou ao noso alumnado durante moitos anos.

Confiamos en que os esforzos da comunidade educativa de Raiola continúen a darlle longa vida a este centro e que a súa actividade estea chea de éxito en favor das nenas e nenos de hoxe e dos e das que están por nacer.


Distribuir contido