O día 20 de decembro foiche un día ben bonito.
Á mañá coa actuación en directo de Luís Prego desfrutamos intensamente compartindo a ledicia da música nacida dende o corazón para facer felices as nenas e nenos do noso país.
Á tarde, no FESTIVAL a música volveu soar. Ese foi un marabilloso momento no que alzamos as nosas voces para cumprir coa tradición de darlle un alegre recibimento ao neno Manuel.
Raiola ao cantar estas cantigas propias da tradición musical galega quere incluír nesta benvida a todas as nenas e nenos que veñen ao mundo cada día e teñen o dereito de ser recibidos amorosamente.
Ademais este Nadal, cantarlle a Rosalía e á súa estrela a nosa máis querida panxoliña, Buscando unha estrela, fixo aínda máis especial unha tarde que ha quedar no noso pensamento por moito tempo.
Co chocolate, os churros, o biscoito, as conversas, os risos e a troula démoslle feliz remate a un trimestre que acaba coas festas de Nadal esperándonos.
Raiola deséxavos Bo Nadal e Feliz Aninovo.