Iniciar sesión: Acceso

Adeus sentido a Antón Gómez Vilasó

Adeus sentido a Antón Gómez Vilasó

Nas vacacións do Nadal chegounos a triste nova da morte de Don Antón Gómez Vilasó.
Antón foi o cura da parroquia do Castiñeiriño na década dos sesenta e parte dos anos setenta, e durante ese tempo participou na posta en marcha de valiosos proxectos para a parroquia.
Un deles foi a creación dunha escola infantil para que as nenas e nenos do barrio do Castiñeiriño tiveran acceso ás aulas dende a primeira infancia.
Esta iniciativa foi adiante coa colaboración de moita xente, sendo Antón un dos piares deste esforzo colectivo.
A escola bautizouse co nome de Xardín da Infancia Raiola e para ela deseñouse un ideario educativo que tiña o uso do galego como lingua vehicular do ensino, un feito pioneiro que segue a ser un dos nosos sinais de identidade.
Con Antón Gómez Vilasó foise fisicamente unha figura fundacional desta casa na que seguimos facendo escola, pero no espírito do noso traballo a boa e xenerosa persoa que el foi seguirá vivindo.
A Antón debémoslle moito e as persoas que o coñecemos sabemos que foi un home de paz que merece o noso emocionado recordo.