
Con moita pena confinámonos no mes de marzo, o que fixo que o remate do curso 19-20 fose diferente, e con moita alegría dicímoslle ola ao novo curso neste mes de setembro.
En cada período escolar escribimos un libro que enche as súas páxinas de emocións, aprendizaxes, risos, bicos, aloumiños... O libro deste curso será especial e nel haberá máis dun capítulo adicado ás medidas de prevención da pandemia, pero tamén en moitas páxinas escribiremos a historia do tempo de medrar que imos compartir.
Raiola vai reabrir as súas portas coa bandeira da responsabilidade ao vento, buscando a normalidade, que paradoxicamente na escola é sempre a suma de moitos pequenos momentos extraordinarios.
Esperámosvos para que xuntas e xuntos formemos unha vez máis a gran familia de Raiola, que vai cara ao medio século de funcionamento.
Vémonos axiña.