RECOMENDACIÓNS PARA O DELEGADO/A

1. Organización do traballo de delegado/a

1.1 Todo delegado/a debe ter un apartado na súa libreta no que anotar todo o referente á súa función: datas das xuntanzas ás que asista ou convoque, asuntos máis importantes tratados nelas, asuntos pendentes de resolver, e todos aqueles datos que poida necesitar nalgún momento.

1.2 Na primeira páxina do dito apartado debe conter as que deben ser as súas funcións, segundo o aprobado polo grupo.

1.3 Na segunda páxina, convén que teña anotado o nome e o horario de visita dos cargos directivos, o nome de tódolos membros do Consello Escolar e, no caso dos alumnos/as, o curso no que están.

1.4 É particularmente importante facer anotacións nas reunións: data, lugar, participantes, temas máis importantes tratados e acordos tomados.

1.5 Non debe esquecer que o taboleiro de anuncios da aula é un medio de comunicación cos seus compañeiros/as moi importante.

1.6 Non debe permitir que as críticas feitas por algún compañeiro ó seu labor o desmoralicen. Cando o vexa necesario debe convocar unha reunión do grupo para explicarse e pedir que se debatan entre todos ditas críticas.

1.7 Recoméndase a todo delegado/a que as xestións que faga, e sexan de interese para todo o grupo, así como os temas máis importantes tratados nas reunións as que asista, as redacte por escrito e pegue o informe no taboleiro da aula.

1.8 Recoméndase a todo delegado/a que se algún compañeiro lle esixe unha xestión coa que el non estea de acordo, convoque unha reunión de todo o grupo para que se debata ese tema entre todos.

2. Convocatoria de reunión do grupo. Cando o delegado queira ter unha reunión co grupo, debe ter en conta:

2.1 As reunións deben facerse fora do horario de clases: poden aproveitarse os recreos, as tardes libres, ou, se fose posible e previa consulta co titor/a, aproveita-la hora de titoría.

2.2 Debe procurar que tódolos compañeiros/as estean enterados da reunión. Por iso:

a) Debe avisar coa suficiente antelación.

b) Debe quedar ben claro o día, a hora, o lugar e o motivo da reunión.

c) Debe utilizar tódalas canles ó seu alcance, por exemplo:
- Avisando publicamente antes do comezo dunha clase.
- Poñendo unha nota no taboleiro da aula.

d) Debe resalta-la importancia de asistir ás reunións como medio de informarse e poder influir na resolución dos problemas do grupo.

Web 100% accesible
Esta web valida XHTML 1.1
IES "A Sardiñeira" 2004