|
. |
O NOSO PROXECTO: AS DIFERENTES VOCES
DE EUROPA Os proxectos escolares Comenius Multilaterais están incluídos dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente. Neles, os centros educativos (como mínimo tres centros procedentes de tres países participantes) traballan sobre un tema de interese común. Este tipo de proxecto ten por obxecto implicar ao maior
número posible de clases contribuíndo así a estreitar a cooperación entre
clases e disciplinas diferentes. Unha das prioridades consiste en fomentar a
participación activa dos alumnos. Ademais os proxectos Comenius deben
traballar pola igualdade de homes e mulleres, promover a aprendizaxe de
linguas estranxeiras, fomentar a participación de organizacións ou alumnado
desfavorecidos por motivos socioeconómicos, xeográficos ou doutra índole e
incentivar nos alumnos o uso das TIC.
A finalidade deste proxecto “As diferentes voces de Europa” é axudar aos
estudantes por medio dun traballo e dunha colaboración multicultural a
comprender que é moi importante coñecerse mostrando respecto cara á cultura
dos demais e á propia, afecto e tolerancia que poden combater o racismo e a
xenofobia e axudar aos alumnos a integrarse mellor nunha Europa en movemento
e a conservar ao mesmo tempo a súa individualidade nacional.
Queremos desenvolver un xeito de ensinar utilizando unha combinación entre a
autoaprendizaxe e o traballo con axuda das novas tecnoloxías, ofrecendo
ademais aos alumnos a posibilidade de desenvolver as súas habilidades e así
de garantirlles ademais máis posibilidades de integración social e laboral.
Este proxecto escolar é unha cooperación multicultural, condición sine qua
non da nosa sociedade actual entre algunhas das diferentes voces de Europa
(Italia, España e Grecia) agrupados nun ideal común educativo. O obxectivo
final deste proxecto é a creación dunha web onde os alumnos dos diferentes
países expoñan os seus traballos. Este proxecto será unha ventá aberta aos
países que o integran, onde se poderán asomar os alumnos, profesores, pais e
institucións. Os adolescentes europeos que integran este proxecto poderán
coñecer outras formas de vida, outros sistemas de ensino, outras formas de
ocio, outras maneiras de organización familiar, etc. o que lles fará mellor
comprender a súa propia e valorar o alleo.
A tolerancia e o respecto veñen dados polo coñecemento dos demais, ese é o
obxectivo máis importante do proxecto. |
|
|