O IES Santiago Basanta Silva está situado na vila de Vilalba, capital da comarca da Terra Chá, integrada oficialmente por seis concellos: Abadín, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. Poden servir de límites a Serra da Carba e o Cordal de Neda ao norte, a Serra de Meira ao leste, o Cordal de Ousá ao sur, e a Serra da Loba e o Cordal de Montouto ao oeste.
Vilalba dista 35 km da cidade de Lugo, en dirección norte. Limita polo norte cos concellos de Abadín, Muras e Xermade; ao sur, con Cospeito, Begonte e Guitiriz, polo leste, con Abadín, A Pastoriza e Cospeito; e polo oeste, con Xermade e Guitiriz. A súa extensión total é de 379 quilómetros cadrados, repartidos en vinte e nove parroquias, ademais do casco urbano da vila. Topograficamente, o concello é unha extensa chaira, agás na súa zona norte, en que se sitúan as serras da Carba e do Xistral; nesta última álzase o monte Monseiván, cunha altitude máxima de 929 metros sobre o nivel do mar.
O Centro caracterízase por acoller a un alumnado procedente de núcleos da zona rural (54%), e simiurbano (46%). Ten, polo tanto, servizos de comedor e transporte escolar.