|
HISTORIA
CARTA DUN ALUMNO
Tan só uns días antes todo
semellaba estar a medias pero, o día que o instituto abriu as súas
portas, fo i realmente unha estrea.Respirábase optimismo. Cada quen
atopou o seu sitio; as aulas inmaculadas agardaban polo seu alumnado,
os vestíbulos comezaron a encherse de dialogantes grupúsculos durante
os descansos, a cafetería cobrou vida, en fin... que comezaba a súa
andaina un novo centro de ensino, un como tantos outros. (Clic sobre a foto para ver o album)
Un como tantos outros? Non! Nacía o I.B.
Carril, a vangarda do Ensino Medio; moi pronto envexa da comarca, mesmo
de moitos centros de toda a xeografía galega.Dende o primeiro momento
traballouse arreo para acadar óptimos resultados en todas as facetas
parale-las á vida puramente estudantil.
E así foi que se puxo o xermolo para que este
fose un centro especial, algo nunca vivido anteriormente polos alumnos
procedentes de centros “con mais solera”.
Eu mesmo, alumno de C.O.U. que chegaba coa única intención de rematar
os meus estudos medios, non me puiden resistir ó chamamento de Miguel
Ángel para ir formando uns grupos de música que representaran ó centro
en actividades futuras. Pediume, así mesmo, que formase un equipo de
balonmán co que participar en campionatos intercentros, e o mesmo fixo
con outros alumnos e mesmo con persoas alleas ó centro, que embarcaron
en cadansúa aventura cultural ou deportiva.
Sei que resulta obvio dicir que todo isto é
obra das inquedanzas de Miguel Ángel González Estévez, o primeiro
director, pero aínda así penso que non debe quedar sen mención. Tamén é
igual de certo que outras persoas se implicaron aportando o seu gran de
area, dende profesores colaboradores ata empresarios patrocinadores de
equipamentos imprescindibles para a práctica de todas as actividades.
Aquel primeiro ano de vida do I.B. Carril
significou unha auténtica revolución nas nosas vidas, nas vidas das
persoas que nos implicamos naquela nova maneira de vivir o ensino, a na
de todos os que participaron dunha experiencia única.Foise capaz de
encher de contidos un instituto aínda baleiro de recursos materiais.
Entre todos, puidemos.
E aquel inverno nevou... Unha mañá de mediados de xaneiro, o patio
amenceu vestido dun branco inmaculado e foi unha xornada simplemente
inesquecible; moitos, mesmo nunca viran a neve.
Penso que podería resumir toda a miña vida de estudante naquel primeiro
ano do instituto de Carril.
© X. Ameneiro (Alumno do
curso 86-87)
|