O Courel: crónica dunha viaxenerea lago bAameiro - 2º bACHARELATO Brión 29 OUT 2012 |
![]() |
|
Os días 24, 25 e 26 de outubro, o alumnado de bacharelato dos IES de Brión e Negreira fixemos unha saída didáctica ao Courel, organizada desde o departamento de Bioloxía e Xeoloxía. Dirixímonos ao Courel despois de visitar O Cebreiro, onde puidemos ver o Santo Grial e sobre todo unhas fermosas e paisaxísticas vistas, a pesar da néboa. O día 25 fixemos o primeiro roteiro polo Río Pequeno, nunhas seis horas, tempo no que puidemos contemplar os soutos que hai na zona, así como a arquitectura característica: aldeas, muíños, pontes ou sequeiros, agora en desuso pero construídos nunha época na que a castaña tiña unha importancia primordial na explotación agraria; para o final do traxecto e, despois de repoñermos forzas atravesamos un paisaxe kárstico, produto do desgaste da rocha calcaria, na que puidemos ver covas e simas e mesmo estar no interior dunha caverna calcárea, aínda que xa sen teito, afundido co paso do tempo. No roteiro que realizamos o día 26, camiñamos durante 4 horas pola Devesa da Rogueira, unha xoia botánica na que puidemos apreciar a gran biodiversidade que posúe O Courel: acivros, teixos, pradairos, abeleiras e capudres así como as formacións de faias máis importantes de Galicia. Tamén puidemos apreciar a pegada que deixaron os glaciares anos e anos atrás: moreas e circos glaciares, o val glaciar da Seara, ou a lagoa da Lucenza que na actualidade se atopa convertida en turbeira, así como as arestas que marcan a dirección do avance do xeo nalgunhas das moitas lousas que abondan no lugar. De aí a canteira de Folgoso e con ella o importante impacto ambiental que a súa explotación conleva: á contaminación acústica, atmosférica e mesmo ao impacto edáfico e de destrución da paisaxe. Logo de visitar esa canteira, fomos ao Museo Xeolóxico de Quiroga onde nos explicaron a formación do territorio de Galicia, así como a evolución da vida nela, e xa centrándonos máis na unidade xeográfica da serra: a idade dos xeos, as primeiras ocupacións humanas e a minería. Vemos entón que a serra do Courel goza dun notable prestixio pola súa biodiversidade, riqueza botánica e da fauna e tamén pola súa “xeodiversidade” composta por formacións, materiais e restos fósiles sorprendentes de hai millóns de anos. Ben é certo que nos cansamos moito nesta viaxe, e que ao final do día, xa no autobús, estabamos ansiosos por chegar aos bungalows e descansar, pero realmente valeu a pena camiñar tanto e ver como compensación as fermosas paisaxes, as impresionantes vistas do Courel dende os seus cumios e, por suposto, tamén a imaxe coas cores do outono que amosaba a cada paso que dabamos. |

