PROGRAMACIÓN
Obxetivos
Procedimentos
Avaliación
CONTIDOS
Presentación
Filosofia Grega
Medieval e Renacentista
Filosofía Moderna
Filosofía Contemporanea
SECCIÓN 3
Apuntes
Textos
Cuestionarios
Xogos
Enlaces
SELECTIVIDAD
Estructura da Proba
Exames
|
|
Coa filosofía II (historia da filosofía) culmina o ciclo de
educación filosófica no bacharelato. Esta materia debe estar en estreita relación coa filosofía de
primeiro curso de bacharelato, xa que supón un afondamento intelectual e unha
visión histórica dos grandes problemas que se analizaron neste curso arredor do
coñecemento, a realidade, o ser humano e a sociedade.
A función que debe desempeña-la historia da filosofia no
currículo de bacharelato é dobre: por unha parte, debe proporcionar unha información
básica, que permita ós alumnos localizar filósofos e sistemas; e, por outra parte, debe
atender a completa-la formación filosófica mediante o estudio e a análise dalgúns dos
filósofos máis representativos de cada época.
A función informativa, sen embargo, non debe confundirse cunha
mera historiografía de tódalas correntes e tendencias filosóficas que
houbo en Occidente desde Grecia ata os nosos días, nin menos aínda como unha simple
doxografía, na que aparezan os distintos autores como creadores de opinións
filosóficas, sen maior valor que o da sucesión cronolóxica e a contraposición de pareceres.
Convén, non obstante, presentarlles a alumnos e alumnas unhas visións de conxunto de
cada época e un esquema das principais tendencias e filósofos que as
representaron. Esta función informativa non debe esixir desenvolvementos historiográficos
exhaustivos, pero sen ela, como é obvio, resulta difícil afondar naqueles filósofos
que permitan completa-la formación filosófica do alumno. Tamén é necesario resalta-la
función reconstructiva desta materia, que destaca a relevancia dos problemas teóricos
formulados e das respostas ofrecidas polos filósofos no pasado para a nosa
comprensión deses mesmos temas no presente.
A historia da filosofía que se imparte en segundo curso de
bacharelato non pode ser tampouco unha historia de toda a cultura occidental en
tódalas súas manifestacións; sen embargo, débese manter unha análise do contexto que permita
capta-lo sentido diacrónico e dialóxico das ideas. Polo tanto, evitaranse varios perigos na articulación do
currículo: o historicismo filosófico exhaustivo, o historicismo culturalista, a mera
doxografía e, por último, a excesiva erudición hermenéutica no comentario dos textos.
A historia da filosofía concíbese como unha materia común a tódalas
modalidades do bacharelato.
|