RSS para
Artigos
Comentarios

Tal como foi explicado en clase, o voso traballo sobre BELEZA E ARTE pode ser presentado en clase, en grupo ou individualmente, ou poderá ser enviado como comentario a este post. Neste caso, deberá ser obrigatoriamente de carácter individual.

Lembrade que ata o de agora son moi poucos os trabllos recibidos da anterior actividade. Sen ese traballo.

ENSAIO MES DE MARZO

O Ensaio deste mes ten como tema:
PODEMOS VIVIR SEN ARTE?
Sabemos que todas as culturas e civilizacións teñen desenvolvido manifestacións artísticas. Temos visto o papel que nesas manifestacións xogan a beleza e as emocións. Do que se trata neste ensaio é non tanto de que fagas unha investigación sobre esas constantes antropolóxicas ao longo da historia senón de que dirixas a túa ollada ao tempo presente, mesmo a ti mesmo ou mesma. Podes ti vivir sen a arte? Que papel xoga a arte na túa vida? Cales son as manifestacións artísticas que cultivas (ben sexa como practicante ou como simple espectador ou espectadora) con certa frecuencia? Que buscas nelas? Que atopas? Que pensas que che proporcionan? Que lugar ocupa a beleza na túa relación coas artes? Que lugar as emocións?, que tipo de emocións?
Ese é o tipo de preguntas que deberás tentar ir respondendo. E a partir da túa autoanálise, logo será o momento en que deberías pasar a afrontar a pregunta máis xenérica: que importancia teñen as artes na nosa vida contemporánea?
cgac.jpg
ganselmo.png

O próximo Faladoiro terá lugar o MERCORES DÍA 29 de marzo (non o xoves, como estaba previsto inicialmente) na BIBLIOTECA das 17 ás 18 h., sobre o tema:
O IMPERIO DA BELEZA E OS ROLES DE XÉNERO

Lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia:
Mercedes Expósito: De la garçonne a la pin-up. Mujeres y hombres en el siglo XX. Páxs. 359 – 395.
Gilles Lipovetsky: De la ligereza. Páxs. 90 – 115.

la-garconne-capa-libro.bmp

Os libros se atopan a disposición de tod@s na biblioteca.

A actividade é aberta a toda a comunidade escolar e convidad@s.

NOVAS UNIDADES

tema-8-unidade-estetica.pdf

unidade5-oserhumano.pdf

FALADOIRO MES DE FEBREIRO

O Faladoiro deste mes terá lugar o xoves día 23 de 17 h ás 18 h, na biblioteca do centro.
O tema será o mesmo do mes anterior
A VERDADE NA ÉPOCA DA POSVERDADE
Os textos para ler e comentar serán tamén os mesmos e deben ser solicitados ao profesor.

ENSAIO MES DE FEBREIRO

O tema sobre o que deberedes desenvolver o ensaio deste mes é:
A VERDADE DA CIENCIA
Partimos do que temos traballado en clase sobre a concepción da verdade científica segundo o enfoque das dúas grandes correntes de filosofía da ciencia (realismo crítico e convencionalismo instrumentalista). Tendo en conta isto, ten sentido atribuír á ciencia o criterio definitivo (ou polo menos principal) para discriminar entre o verdadeiro e o falso?
Propoño que vos enfrontedes a este problema vinculándoo cunha cuestión concreta: o debate arredor do cambio climático.

artico-derrite.jpg sequia_xoptimizadax1.jpg

Existe un consenso ampliamente estendido entre os científicos, apoiado en evidencias empíricas, sobre o proceso de cambio climático e sobre a incidencia da actividade humana na aceleración dese proceso. Ese consenso non impide que se alcen moitas voces, nomeadamente no eido político, cuestionando tanto a existencia do proceso como a necesidade de tomar medidas para frealo. Por exemplo, o actual presidente dos Estados Unidos e o seu goberno forman parte do grupo dos negacionistas do cambio climático e en consecuencia se negan a apoiar os acordos internacionais adoptados ata agora para enfrontarse a el.

chiste-cambio.jpg

Procurade logo información sobre o estado do debate e, en base a esa información e a concepción da verdade na ciencia que teñades adoptado, tratar de dar resposta no voso ensaio a estas cuestións:
- É a ciencia o criterio principal de que dispoñemos os seres humanos para decidir sobre o verdadeiro e o falso?
- Por que debemos aceptar as “verdades” da ciencia con preferencia a calquera outro tipo de pretensión de verdade?
- Debe o consenso da comunidade científica servir de criterio principal para adoptar medidas políticas?
- Existen, quizais, cuestións nas cales os criterios científicos deberían ser determinantes e outras nas que non?
- No caso concreto do cambio climático, credes que ese consenso debería ser aceptado polos poderes políticos para decidir que medidas adoptar (por exemplo, para reducir a produción de gases contaminantes)?
- De que xeito podería xustificarse un escepticismo respecto da certeza das previsións científicas?
- Como podería resolverse ese escepticismo?
- Se non é en base aos criterios científicos, en base a que outros criterios se terían que adoptar as decisións políticas?

Aquí tendes algúns sitios que podedes consultar con posicións non coincidentes entre si:

https://www.skepticalscience.com/translation.php?a=17&l=4
http://elescepticoclimatico.blogspot.com.es/p/puntos-claves.html
https://es.wikipedia.org/wiki/Opini%C3%B3n_cient%C3%ADfica_sobre_el_cambio_clim%C3%A1tico
https://es.wikipedia.org/wiki/Negaci%C3%B3n_del_cambio_clim%C3%A1tico
http://www.greenpeace.org/espana/es/Trabajamos-en/Frenar-el-cambio-climatico/
http://www.libertaddigital.com/ciencia/consenso-150-cientificos-escepticos-niegan-el-calentamiento-antropogenico-1276378505/

O ensaio deberá ser enviado antes da fin deste mes de febreiro.

Ao longo das últimas clases temos anlizado diversas representacións da identidade adolescente na cultura clásica grega: o mito de Narciso e Eco, as figuras de Edipo, Orestes e Electra. Tomamos en conta igualmente a figura de Hamlet, como posible revisión do mito edípico que pon o acento no carácter eminentemente dubidoso do adolescente. Vimos tamén a reinterpretación destas figuras por parte da Psicanálise freudiana e a crítica feminista de algunha desas interpretacións. Finalmente, revisamos algunhas representacións da adolescencia na cultura popular dos nosos días (películas, series de televisión).
A partir de todos estes materiais, deberedes vós propoñer a vosa propia interpretación da identidade adolescente, dun xeito absolutamente persoal.
Tan só como guía (mais non como un vieiro obrigado), propóñovos tomar en consideración algunhas preguntas que vos poderían axudar a redactar o voso breve ensaio:
- Ata que punto as figuras clásicas seguen mantendo o seu valor para pensar a identidade adolescente contemporánea (é dicir, a vosa propia identidade)?
- Estades de acordo coa interpretación psicanalítica? E coa crítica feminista?
- Atopades algunha presenza desas figuras clásicas nas representacións contemporáneas da adolescencia no cine ou na televisión?
- Ti mesmo sénteste representado nalgunha desas figuras?
- Cales cres que son as características dominantes na adolescencia contemporánea? Ves liñas de ruptura ou de continuidade respecto das características do pasado?
- Cal é a tú autoimaxe de adolescente de hoxe?

FALADOIRO MES DE XANEIRO

Ao final do último faladoiro do pasado ano, que tipo lugar pouco antes das vacacións de Nadal, sobre o tema MR. TRUMP E A FILOSOFÍA POLÍTICA, acordamos que o tema para o novo faladoiro sería

A VERDADE NA ÉPOCA DA POSVERDADE

Este novo FALADOIRO FILOSÓFICO terá lugar o
MÉRCORES DÍA 25 de xaneiro, na BIBLIOTECA das 17 ás 18 h.

As lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia son:
Neil Postman: Divertirse hasta morir. El discurso público en la era del “show business”. Páxs. 132- 147.
Manuel Castells: Comunicación y poder. Páxs. 72 – 85.
Wikipedia: “Posverdad” https://es.wikipedia.org/wiki/Posverdad
Mariam M. Bascuñan: “Narrar el mundo”. El País 10 -1-17 (http://elpais.com/elpais/2017/01/09/opinion/1483964006_772995.html)
Timothy Garton Ash: “Una pelea justa por la verdad”. El País 11- 1-17 (http://elpais.com/elpais/2017/01/03/opinion/1483472787_252512.html)

O alumnado que desexe encargarse da presentación de algún dos textos, deberá pedilo ao profesor.
A actividade é aberta a toda a comunidade escolar e convidad@s.

ENSAIO MES DE XANEIRO

O tema para este ensaio é o mesmo que foi aprobado ao final do último faladoiro do pasado ano e que tamén abordaremos no faladoiro inmediato:
A VERDADE NA ÉPOCA DA POSVERDADE
Para afrontalo é conveniente que antes vos informedes sobre os conceptos de “posverdade” e “posfactual”, por exemplo neste artigo da wikipedia:

https://es.wikipedia.org/wiki/Posverdad

Como veredes, hai autores que advirten de que as redes sociais están provocando por así dicir unha desvalorización do concepto de verdade, que xa se tería visto afectado anteriormente por influencia da publicidade.
publicidad_1.jpg
En efecto, todos os medios de información, desde a prensa ata a televisión, están invadidos pola publicidade. Agora ben, todos somos conscientes de que os avisos publicitarios non din a “verdade” porque o seu obxectivo non é informar senón persuadir ao consumidor para que compre un produto. Como consecuencia, no mellor dos casos só nos informará de aquelas cualidades positivas dese produto, silenciando as negativas; no peor, simplemente mentirá. Xustamente por iso existen leis que perseguen a publicidade enganosa. Pero non é engano que un personaxe famoso diga que tal marca é “a mellor” e que por iso a usa, cando sabemos que só o di porque é pagado por facelo? E se todos sabemos que é así, por que permitimos que a publicidade o inunde todo? A maioría das persoas aseguran que a elas non lles afecta a publicidade. Mais se iso fose así, gastaríanse as empresas grandes cantidades de cartos en publicidade para convencernos de que merquemos os seus produtos?
publicidadespubl.jpg
Os críticos desa invasión publicitaria, que na actualidade nos rodea por todas as partes, aseguran que os seus peores efectos é que inducen na xente un cinismo xeneralizado: xa ninguén cre en nada porque todo é publicidade ou propaganda, é dicir, mensaxes orientados a convencernos de determinadas ideas, non a proporcionarnos informacións para permitirnos que nós xulguemos criticamente a partir delas.

Este fenómeno teríase incrementado a partir da irrupción das redes sociais. Nelas circula coa mesma facilidade o verdadeiro e o falso. E as xentes tenden a formar grupos con ideas afíns nas que escoitan o que queren escoitar, mentres rexeitan o que non coincide coas súas ideas. No canto do mundo trocado en “aldea global” ou “ágora (praza pública) universal” onde todo o mundo dialoga reflexiva e criticamente, o mundo das redes sociais parécese ao espazo da taberna, onde o que máis berra é o máis escoitado, e onde o intercambio de argumentos é substituído polo cruce de insultos e descualificacións.
manipulaciondemedios1.jpg
Nestes dous artigos podes atopar dous puntos de vista sobre este tema, que ti mesmo podes ampliar buscando, na web ou noutras fontes, outros, como por exemplo nestes artigos tomados da prensa:

http://elpais.com/elpais/2017/01/09/opinion/1483964006_772995.html

http://elpais.com/elpais/2017/01/03/opinion/1483472787_252512.html

O que se che pide con este ensaio é que desenvolvas o teu punto de vista sobre este tema preguntándote:
- Como podemos, neste contexto, identificar o verdadeiro discriminándoo do falso?
- Estamos obrigados a aceptar que xa non hai criterio para identificar onde está a verdade?
- Que consecuencias pode ter esta situación para o exercicio da democracia?
- Que consecuencias para as nosas vidas en xeral?

O prazo para a entrega deste ensaio conclúe o último día deste mes de xaneiro.

Escolle como tema a desenvolver un destes dous:

A. Incidencia dos factores hormonais nas condutas agresivas.
agresividad.jpg
B. Incidencia dos factores hormonais no fenómeno amoroso e no comportamento sexual.
desamor.jpg
No desenvolvemento do tema escollido deberás precisar:

A relación entre determinadas hormonas e a conduta ou fenómeno estudados.
De que modo unha intervención dun psicólogo podería incidir no cambio das condutas ou comportamentos a partir do coñecemento desa relación: Sería preciso, posible e conveniente o uso de fármacos que modifiquen a produción hormonal? Que outros procedementos de intervención podería aplicar a psicoloxía de acordo coas escolas xa estudadas?

Para o desenvolvemento deste traballo non debes apoiarte en exclusiva no libro de texto senón tamén procurar pola túa conta información complementaria na rede ou en bibliotecas, detallando correctamente as fontes utilizadas.

Prazo para a presentación deste traballo: sábado día 10 de decembro

« Ant. - Seg. »