UNIDADE FILOSOFÍA E ARTE
28 March, 2016 por admin
Velaquí tendes o esquema de traballo para a Unidade que se desenvolverá durante as semanas inmediatamente posteriores ás vacacións de Semana Santa:
unidade-didactica.pdf
28 March, 2016 por admin
Velaquí tendes o esquema de traballo para a Unidade que se desenvolverá durante as semanas inmediatamente posteriores ás vacacións de Semana Santa:
unidade-didactica.pdf
12 February, 2016 por admin
A temática do Faladoiro (que tamén será a do próximo Ensaio, segundo máis adiante anunciarei) será esta:
SOCIEDADE DA INFORMACIÓN OU SOCIEDADE DO CANSANCIO
Nos últimos faladoiros puxemos o acento sobre todo en ideas e autores que teñen advertido sobre os perigos asociados co desenvolvemento tecnolóxico. Moitos deses autores son cualificados de “tecnófobos”, é dicir, persoas que responden con medo fóbico aos novos avances da ciencia e da técnica. Hai por suposto tamén “tecnófilos”, é dicir, outros autores que consideran bo e positivo per se toda novidade producida polo chamado progreso científico. Para o próximo faladoiro decidimos contrapoñer dous enfoques que, sen que necesariamente debamos consideralos representativos dunha tecnofilia fronte a unha tecnofobia, si opoñen unha visión positiva dos potenciais das aplicacións científico - técnicas, en especial no eido da informática (Manuel Castells coa súa teoría da Sociedade da Información), contra outra negativa (Byung-Chul Han e a súa concepción da Sociedade do cansancio).
Os textos sobre os que debateremos atópanse na biblioteca e son:
Manuel Castells: Comunicación y poder. Páxs. 443-455, 470-473, 530-533.
Manuel Castells: Redes de indignación y de esperanza. Páxs. 239-253.
Byung-Chul Hal: La sociedad del cansancio. Páxs. 25-32, 33-39, 71-79.
19 January, 2016 por admin
Aqui podedes descargar o pdf da nova unidade:
14 January, 2016 por admin
Tal como xa advertín nas respectivas clases, tendes ata o vindeiro venres día 22 para enviar a este blog os vosos dilemas (alumnado de 4º ESO) e disertacións (alumnado 1º e 2º bach).
No enlace seguinte tendes as bases e instrucións das dúas modalidades, así como tamén das outras modalidades nas que podedes tamén participar, pero que xa non teñen un carácter obrigatorio dentro das actividades de aula.
Unha fotocopia cos dilemas que temos visto ata o de agora será colocada no taboeiro das aulas de 4º S e T.
http://olimpiadafilosoficagalicia.weebly.com/modalidades.html
14 January, 2016 por admin
O novo faladoiro terá lugar o vindeiro xoves día 21, das 18 ás 19 h, unha vez concluído o exame previsto para ese mesmo día, e que comezará ás 16,30 h.
O tema do Faladoiro será o mesmo do ensaio deste mes:
ESTÁ A TÉCNICA FABRICANDO UN MUNDO NON HUMANO?
Os textos de lectura recomendada son:
Herbert Marcuse: El hombre unidimensional. Páxs. 171-175.
Paul Virilio: La bomba informática. Cap. 14.
J. L. González Quirós: El porvenir de la razón en la era digital. Páxs. 125-132.
Theodore Schik: “Las grietas del destino: la amenaza de las tecnologías emergentes y los anillos del poder de Tolkien”. En Basshan e Bronson: El Señor de los Anillos y la Filosofía.
Todos estes textos, agás o de Paul Virilio, están dispoñibles na biblioteca do centro. As fotocopias do texto de Virilio poden solicitarse ao profesor.
13 January, 2016 por admin
ESTÁ A TÉCNICA FABRICANDO UN MUNDO NON HUMANO?
A pregunta que abre a proposta de ensaio para este mes nace do ensaio e faladoiro do mes de decembro. Cómpre logo que retomemos a cuestión onde a deixamos entón: a posibilidade de que a educación orientada a formar individuos puramente racionais, obrigados a bloquear a expresión das emocións, contribúa a producir homes-computadora, por así dicir.
![]()
Esta hipótese preocupante sitúase nun contexto social dominado pola técnica ou, o que é o mesmo, por unha aplicación limitada da razón, o que filósofos da Escola de Francfurt, como Juergen Habermas, chamaron “razón instrumental”. A razón instrumental é unha racionalidade técnica, é dicir, dirixida a dominar procedementos para obter determinados fins. Algo que xa sinalara no seu tempo Aristóteles, cando distinguía entre a “tekné” e a “praxe”: as dúas diríxense á acción pero, mentres que a primeira só se ocupa dos medios para acadar fins previamente determinados (a técnica dos zapateiros serve para facer zapatos, a dos escultores esculturas, a dos mariñeiros -”artes” pesqueiras- pescar, etc.), a segunda estuda os fins aos que debemos dirixir as nosas accións, o que segundo Aristóteles en última instancia será a felicidade ou vida boa dos cidadáns.
![]()
Juergen Habermas, filósofo da Escola de Francfurt / Aristóteles
É obvio o problema que se deriva de centrar toda a atención na dimensión técnica ou instrumental, esquecendo a razón práctico-ética: que ao final ninguén se preocupa de para que serve esa poderosa técnica que domina as nosas vidas.
Pero acaso a técnica non é en si mesma unha obra humana? Non debemos logo pensar que naceu co obxectivo de satisfacer fins prácticos concibidos para satisfacer necesidades humanas? Desde logo, así foi nos inicios. O dominio da técnica permitiu ao ser humano escapar da presión inmediata da simple loita pola sobrevivencia animal, creando un entorno artificial (roupas, vivendas, máquinas) sen o cal nunca teriamos acadado o confort vital que caracteriza ás sociedades contemporáneas. O problema é que, ao centrarmos a atención na solución dos problemas técnicos, podemos acabar esquecendo preguntar o “para que” desa técnica.

Vexámolo cun exemplo tomado da vida cotiá. É indiscutible a utilidade dos teléfonos móbiles, dos ordenadores portátiles e das tablets, que nos permiten atender e enviar mensaxes desde calquera parte. Pero é tamén certo que, ao posibilitar que todos os usuarios e usuarias destes aparellos estean permanentemente conectados, esa utilidade está ampliando a dispoñibilidade laboral, pois en calquera intre o empresario pode solicitar unha prestración do seu empregado.

Cando un mozo ou unha moza se conecta a internet para abrir o seu facebook ou descargar un vídeo de youtube, crendo estar realizando unha actividade que só a el ou ela o / a gratifica, en realidade está consumindo un produto e engordando a conta bancaria dunha empresa. O mesmo que cando miramos un programa na televisión: cremos que son gratuítos (cando vemos as canles en aberto) pero en realidade estamos “traballando” para a produtora do programa que nos “vende” como consumidores ás empresas publicitarias. Desaparece así, por unha parte, a separación entre tempo de ocio e tempo de traballo (mesmo cando estamos de vacacións seguimos “producindo”: os turistas son consumidores de programas de viaxes prefabricadas) e, por outra, desaparece tamén a distancia entre produtos culturais e simple mercadoría. É o que diversos autores teñen denunciado como a “cultura do espectáculo”, na que tanto vale unha sinfonía de Beethoven como a final dunha competición deportiva, o cadro das Meninas ou a última foto tomada co seu móbil por Rihanna, trocada en trending topic nas redes sociais.

Nós (os consumidores) cremos estar escollendo libremente consumir os que “queremos” sen decatármonos de que o noso “querer” xa está previamente condicionado pola limitada oferta que o artefacto nos impón. E o maior límite é o de acabar aceptando que a nosa autonomía como persoa (a nosa liberdade) se reduce a consumir un produto no escaparate das grandes superficies do mercado universal. Por iso erroneamente cremos ser máis libres cantas máis marcas podemos escoller. Así, xa poucos pensan que a autonomía e a liberdade é algo moi diferente de mercar unha marca de refresco ou outra. Contra esa confusión, a maioría dos filósofos empéñanse en lembrarnos que o que nos fai autenticamente libres non é algo que se poida vender ou mercar. Pensades que os filósofos se enganan?

Resumindo, xa para concluír. Nun mundo dominado pola técnica e pola razón instrumental, o ser humano corre o perigo de acabar como simple instrumento dos produtos por el creados. Non utilizamos os móbiles ou os ordenadores para satisfacer os nosos fins, senón que somos nós os que acabamos sometidos aos fins que esas máquinas nos impoñen.
É aínda posible un uso emancipador (liberador) da técnica? Como deberiamos actuar para garantizar que as máquinas se poñan ao servizo dos intereses da maioría da humanidade e non a maioría da humanidade ao servizo duns fins, tecnicamente prefixados á marxe dunha previa reflexión racional? Estas son as preguntas que deberiades tentar contestar no voso ensaio.

Os ensaios deberán ser enviados antes do 1 do mes de febreiro.
16 December, 2015 por admin
O ensaio deste mes deberá estar entregado como prazo límite o primeiro día de retorno de vacacións, día 7 de xaneiro de 2016.
O tema do ensaio é unha variante do que foi tema do faladoiro e xa que logo os textos propostos para a preparación deste tamén vos poden servir para preparalo. Cómpre que teñades presente, en todo caso, que o obxectivo non é facer un estudo académico sobre o tema senón desenvolver un punto de vista persoal, apoiado en argumentos.
RAZÓN E EMOCIÓNS
Ao final d’A República Platón (s. IV a.C.) propón expulsar da súa cidade ideal aos poetas porque considera que os seus poemas se dirixen ás emocións e dese xeito interfiren nos obxectivos da educación cidadán, que aspira a formar homes esencialmente racionais.


Unha idea que na Ilustración recuperará Rousseau (s. XVIII) na súa polémica sobre a función do teatro con D’Alembert: se este defendía a utilidade do teatro para formar cidadáns virtuosos, Rousseau cría que só alimentaba os vicios e os peores costumes. O argumento de Rousseau podería ser recuperado hoxe, por certo, para avaliar a función do cine, a televisión e os videoxogos, e seguramente con maiores razóns das que xustificaban a crítica do teatro no seu tempo. Pensaba Rousseau que, ou ben unha obra de teatro se dirixía a compracer as emocións máis elementais do público (amores e desamores, loitas de poder, egoísmos e disputas) ou ben fracasaría…

É dicir: calquera obra que se propoña “educar” será vista polo público como aburrida, falta de interese, e inevitablemente fracasará. Só as obras non “educativas” teñen éxito e estas non só non educan senón que “deseducan”. Non se pode aplicar este mesmo dilema ao que acontece hoxe coa maioría das películas, series de televisión e videoxogos?
Establécese logo unha oposición entre o emocional (ámbito das “paixóns” e os instintos, dos desexos sempre difíciles de dominar,) e o racional (ámbito do xuízo, mediante o cal é posible elevarse sobre esas baixas inclinacións para así acceder á verdade do espírito). Con moitas variacións, podemos dicir que esa oposición segue a estar presente tanto en moitas correntes filosóficas modernas e contemporáneas como nas prácticas educativas dominantes. Cando un se deixa dominar polas emocións, pénsase, non é quen de xulgar “obxectivamente”. Unha afirmación que, naturalmente, non é de todo errónea. Pero de constatar isto dáse o paso, como fixera Platón, a negar ou desprezar toda función emotiva nas eleccións racionais. Mais non é o mesmo dicir que ao ser “arrastrado” polas emocións (cando se está colérico ou deprimido ou namorado) un pode incorrer en xuízos erróneos, ou mesmo actuar impulsivamente (isto é, sen reflexión e xuízo previos), a establecer que para ben xulgar cómpre neutralizar toda emoción. É o paso que moitos pedagogos veñen denunciando nos modelos educativos dominantes: enfocados exclusivamente a educar a razón (a razón calculadora sobre todo, a “razón xeométrica” que no s. XVII defendía Descartes e criticaba Pascal como insuficiente) e reprimir as emocións.

Pois ben, os actuais estudos neurocientíficos teñen descuberto que en realidade esa escisión entre o emocional e o racional nunca se dá porque o noso cerebro está construído de tal modo que en toda elección racional intervén tamén unha carga emocional. O erro estaría logo en impoñer procesos de aprendizaxe que se dirixen a formar a un ser humano puramente racional que en realidade non existe. A teoría da “intelixencia emocional” advirte de que esa imposición educativa, que non pode anular unha dimensión emocional imposible de eliminar, si pode bloquear as emocións positivas que deberían acompañar sempre a toda aprendizaxe. A consecuencia é que os procesos educativos son vividos maioritariamente como procesos emocionalmente negativos, desagradables, dando lugar ao odio á escola, o que non tería por que ser necesariamente así. Ao contrario, desenvolvendo as estratexias que propoñen os defensores da intelixencia emocional, non só podería conseguirse que as tarefas de aprendizaxe non fosen acompañadas de emocións negativas, senón que ao ser vividas dunha maneira positiva tamén resultarían máis exitosas.


Utilizando unha imaxe contemporánea, poderiamos dicir que a educación fundada na escisión entre razón e emocións toma ao ser humano como se fose un simple computador dotado dunha intelixencia calculadora e instrumental. O grave é que ao facelo así non cabe excluír que esta educación non estea contribuíndo a formar individuos emocionalmente enfermos. Se teñen razón os neurocientíficos, nunca poderán facer de nós simples computadores, mais si poderían estar “fabricando” individuos neuróticos, con grandes dificultades para desenvolver unha vida afectiva plena e feliz.
É este un diagnóstico esaxerado? Tiñan razón Platón e Rousseau en advertirnos contra os espectáculos emocionalmente compracentes e manipuladores? É posible outro tipo de produtos culturais que ao tempo que nos conmoven emocionalmente nos axuden a pensar racionalmente mellor? É desexable e posible unha educación que se dirixa a formar tanto racional como emocionalmente?

Tócate a ti reflexionar e dar a túa opinión. E lembra que todas as opinións deben estar sempre debidamente argumentadas.
9 December, 2015 por admin
O FALADOIRO previsto para o xoves día 17 de decembro pasa ao MARTES DÍA 15 DE DECEMBRO, das 18,10 ás 19,10 HORAS, debido a que, á hora e día inicialmente previstos, hai avaliación de ciclo superior da ESO e Bacharelato.
Todo o demais (contido e textos recomendados permanece igual).
26 November, 2015 por admin
O XOVES DÍA 17 de decembro na BIBLIOTECA das 17 ás 18 h., terá lugar o novo CLUBE DE LECTURA E
FALADOIRO FILOSÓFICO sobre o tema:
RACIONALIDADE OU EMOCIÓNS? COMPLEMENTARIEDADE OU CONTRADICIÓN?
Lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia:
W. Jaeger: Paideia, páxs. 764-772.
Blas Pascal: Pensamientos, 3, 21, 23-26, 72.
Erich Fromm: Tener o ser. Páxs. 33-36, 53-59, 109-118.
Daniel Goleman: Inteligencia emocional. Parte I, Cap. 2.
Os textos deben solicitarse ao profesor Miguel Vázquez Freire.
A actividade está concibida especialmente para o alumnado de Filosofía de 1º e 2º Bach, mais toda a comunidade educativa do Instituto está convidada a participar se así o desexa.
2 November, 2015 por admin