RSS para
Artigos
Comentarios

Lémbrase que os exercicios de setembro en Filosofía 1 e Historia da Filosofía (2º bach) seguirán o modelo que se aplicou para a recuperación final. O de Ética consistirá nunha redacción a partir dunha cuestión aberta.
Por outra banda, o alumnado que queira recoller os cadernos de traballo, tanto de Ética como de Valores Éticos, Cultura Clásica ou Estética, pode pasar a facelo en calquera momento por conserxería. Aqueles cadernos que non sexan recollidos inmediatamente despois dos exames de setembro entenderase que poderán ser reciclados (agás aqueles de Estética que o profesor, de común acordo cos seus autores ou autoras, vai conservar no seu arquivo persoal).

DOUS ENSAIOS SOBRE O AMOR

Con atraso, inclúo aquí dous excelentes ensaios sobre o amor, tal e como adiantei que faría nas últimas clases.

A ÉTICA DO AMOR
les-amants1.jpg
Todos, ou case todos, temos interiorizada unha concepción de amor romántica, de amor idealizado. Esta é transmitida polas películas, libros, e outros medios, que nos envían a mensaxe de que o amor é o sentimento máis forte, que pode con todo, que dura para sempre e que causará a nosa felicidade. Todos debemos aspirar a atopar a nosa “media laranxa”, que encherá completamente as nosas vidas, porque non seremos felices estando sós. A nosa parella debe ser o centro das nosas vidas, debemos entregarnos totalmente a ela. E, por suposto, os celos son unha proba de que nos quere realmente.

Cal é o problema desta concepción idealizada do amor? Hai un límite ou verdadeiramente está todo permitido no amor? Debe o amor perdoar e aguantar todo? De que xeito pode estar relacionada a concepción idealizada do amor coa violencia machista?

Primeiro de todo, penso que non se pode pensar que somos a “metade” de algo, incompletos sen a metade complementaria. Creo que, sobre todo ás nenas, de pequenas se nos di (por medio de películas, libros, etc.) que debemos atopar ao noso “príncipe azul”, que será perfectísimo e nos proporcionará a maior felicidade. No pasado, as mulleres tiñan que ter un marido, e non podían vivir sen telo. Actualmente as cousas cambiaron moito, pero é certo que moitas veces se nos di que debemos atopar mozo, e son moitas as persoas que consideran como “raro” a algúen que queda solteira/o toda a vida e non quere ter fillos.

Na miña opinión, cada un de nós deberíamos considerarnos individuos completos, e non basear a nosa felicidade nunha relación amorosa. É importante que cada persoa saiba que non necesita a ningúen ao seu lado para ser feliz, porque o amor romántico fainos pensar que precisamos unha parella, e, en moitos casos, xera unha dependencia dela. Unha relación amorosa non se pode basear nunha dependencia, porque isto leva a unha persoa a non poder vivir sen a súa parella e, moitas veces, a non ser capaz de deixala, incluso cando quere facelo, porque non pode imaxinarse a súa vida sen ela. Pode ser o caso de moitas mulleres, que, sendo maltratadas polos seus mozos, non son capaces de deixalos.

Dende o meu punto de vista, nunha relación cada persoa debe ter o seu propio espazo, propias amizades, ambos os dous deben ser independentes e nunca deixar a súa vida ou cambiar os seus gustos pola outra persoa. Obviamente, non estou dicindo que non poidan vivir xuntos, só que cada un debe ter tempo para si mesmo e non estar todo o día pegado á parella.

Por outro lado, creo que unha concepción idealizada do amor non é positiva para unha relación amorosa. Seguramente xerará expectativas que non se cumprirán e poderá conducir á fin da relación. A idealización da parella tamén pode traer consecuencias negativas. Non se poden obviar os defectos da parella, senón que creo que hai que coñecelos, e decidir se se aceptan e se quere seguir mantendo unha relación con esa persoa, ou non.

Creo que esta idealización do amor conduce tamén a pensar que “no amor todo vale”, “o amor todo o perdoa” , e que é para sempre. Está entón todo permitido no amor, non hai ningún tipo de límite?

Na miña opinión si hai límites no amor. O problema da concepción romántica do amor é que nos fai pensar que debemos soportar todo no amor, e que en nome de este debemos perdoalo todo. Pero non podemos tolerar todo nunha relación amorosa, e por iso creo que é importante que abandonemos a concepción de que o amor debe perdoar todo. Ningúen ten que verse obrigado a soportar abusos (verbais, físicos, sexuais) en nome do amor.

No caso da violencia machista, son moitas as mulleres que xustifican as accións da súa parella en nome do amor, porque en realidade a quere, e por iso debe perdoalo. O amor non debe perdoar  cando se trata de abusos contra a parella, cando se trata de control, ou de celos. E, seguramente nestes casos, nin se trate de amor.

En resumo, penso que a idealización do amor fai concibilo como algo omnipotente, e pode ser a causa de que moitas mulleres maltratadas non queiran ver os abusos que están sufrindo. O amor é un sentimento que nos pode causar felicidade, pero creo que é importante que todos saibamos que nel hai uns límites, e que non todo está permitido.

Iris

titanic.jpg

Hoxe en día, a concepción que temos do amor é diferente da que se tiña hai un século, e a de hai un século distinta á súa vez da que había hai tres. Polo tanto, semella que, aínda que o amor sexa un sentimento recurrente e intrínseco do ser humano, este varía segundo a época na que vivimos (e máis aínda, tamén segundo a sociedade á que pertenzamos).
Produciuse na década dos 60 do século pasado unha revolución no ámbito das relacións amorosas e sexuais e no concepto das mesmas que as dotou dunha liberdade moito maior á que posuían ata o momento. Buscábase romper coas ideas predominantes ata o momento, que mantiñan ao individuo preso dentro dunhas regras sociais que o abafaban. Queríase chegar a unha sociedade harmoniosa e pacífica, que non restrinxira os dereitos dos individuos e que os deixara expresarse e non criticara os desexos amorosos de cada un. Esta revolución deixou pegada nos anos posteriores e abriu a mente da xente para que se vira o amor dun xeito diferente e moito máis libre.
Na actualidade, aínda que non se acadou unha completa liberdade en temas do amor e do sexo, si que se conseguiu un importante progreso (tamén respecto ás distintas orientacións sexuais, chegando a unha maior aceptación das preferencias sexuais de colectivos como o homosexual, que son tan normais bioloxicamente como o son as de alguén hetero). Segue a haber agresións verbais e físicas inaceptábeis a este grupo de persoas, pero o certo é que se atopan nunha situación de tolerancia que sería impensable hai 100 anos.
Somos parte, entón, dunha sociedade que avanzou no camiño da liberdade, pero cabe reflexionar tamén sobre a necesidade da existencia de límites éticos nas prácticas amorosas. Dende o meu punto de vista, ao igual que en calquera relación humana, xa sexa de amizade, familiar ou laboral, non todo está permitido e deben manterse uns determinados compromisos co fin de ter unha boa convivencia co outro. No caso das relacións amorosas, os factores que me parecen máis remarcables son os da existencia de sinceridade e confianza, de xeito que se acorde a situación de dita relación e ambas as dúas persoas implicadas teñan constancia do que esperan do outro e decidan se aceptan a forma da súa relación. Con isto refírome a que, por exemplo, no caso de querer ter unha relación fóra da parella, debe dicírsello á persoa coa que se está, e se ela está de acordo e non lle causa dor e el ou ela quere facer o mesmo, así sexa. Non creo que, no caso contrario (que non se lle diga ao outro e non se acepte o que a outra persoa tamén quere), sexa unha actitude moralmente aceptable, xa que o engano a outra persoa e a creación de dor é algo antiético.
Outro punto conflitivo no tema das relacións de parella é a violencia de xénero, que se segue a producir a pesares dos continuos intentos de concienciación. Creo que co tempo acabarase conseguindo que na sociedade quede a idea en todas e cada unha das persoas que homes e mulleres somos iguais e que estas non son propiedade de ninguén, que en ningún caso poden ser sometidas a ningún tipo de maltrato (igual que os homes tampouco, pero isto xa é algo que na sociedade non se produce) e que debemos ser tratados todos por igual.
O último que quero expoñer é que a dor que se sufre por amor (no caso que sexa cando se acaba este) é algo normal e inevitable, como nos parece doroso cando remata algo que nos fixo felices e nos ocasionou ben. Creo polo tanto que non se pode pretender que non doia; cada persoa levarao mellor ou peor dependendo da súa forma de ver a vida e levar as súas experiencias, pero non é algo que sexa elixible. Se a dor por amor vén por outra razón, e é causada por un dos individuos da parella, debe tratarse entón con outros criterios, xa que iso non é algo inevitable como a dor da perda de alguén ao que queremos.
Penso, en conclusión, que os límites éticos/morais deben existir en orde a crear unha convivencia mellor entre as persoas dentro dunha relación e que estes valores permiten crear unha maior harmonía e que a relación se desenvolva nun ambiente cómodo e afable.

Adriana

e_cerebro-amor.jpg

ENSAIO FIN DE CURSO

Como ensaio de fin de curso se vos propón escoller entre dous temas, un relacionado coa Filosofía Ético - Moral, o outro coa Filosofía Política. Os ensaios deben ser entregados, como data límite, o 15 de xuño.

A ÉTICA DO AMOR
Segundo comentamos no noso último faladoiro, a concepción do amor e a valoración moral que merecen os diferentes usos amorosos sufriron diversas modificacións ao longo do tempo. Por poñer dous exemplos moi significativos: ata hai ben pouco as relacións homosexuais foron consideradas moralmente inaceptables e legalmente perseguidas (aínda que non sempre fora así en todas as tamén sociedades e culturas do pasado) e igualmente as relacións sexuais fóra do matrimonio, sobre todo no caso das mulleres. Hoxe tanto as unhas como as outras considéranse decisións privadas que en principio non merecen penalización nin legal nin moral, agás desde a perspectiva de determinados grupos relixiosos.
brokeback-mountain-644×362.jpg
A liberación dos usos amorosos, que se espallou a partir da década dos 60 do pasado século, tivo moito que ver coa xeneralización da concepción do amor romántico. Pero esta concepción algo tivo tamén que ver co debilitamento dos vínculos amorosos: a obsesión polo amor – paixón, que dificilmente pode chegar a ser permanente, tradúcese nunha gran inestabilidade nas relacións (rupturas de parellas, divorcios). Aparece unha mistificación do amor, trocado en procura incesante de experiencias físicas novas. Finalmente, como di Eva Illouz, o amor, que é unha das experiencias máis gozosas e irrenunciables do ser humano, acaba sendo causa de dano e dor. Por que os amantes poden chegar a causarse dor? E aquí cumpriría salientar que nesa dor, cando acada a súa manifestación máis extrema, frecuentemente o verdugo adoita ser maioritariamente varón e a vítima muller (lembremos as dramáticas estatísticas da violencia de xénero).
480px-francesco_hayez_008.jpg
Cales son os límites éticos que deben guiar as prácticas amorosas? Calquera cousa está “permitida” entre dúas persoas que se aman? Como evitar que o gozo amoroso se troque no seu contrario, a dor? É o ideal do amor romántico responsable desta inversión? Ou quizais unha deformación dese ideal? Cal sería a causa ou causas desa deformación? Ou deberiamos pensar no abandono dese ideal? Para substituílo por que? A que se debe que persista a violencia machista e a desigualdade da muller na elección amorosa? E tamén: por que persiste a violencia homofóbica? Que deberiamos facer para que o amor sexa só gozo, nunca dor?
lichtenstein_beso_4001.jpg
Estas son as cuestións que debedes afrontar no voso ensaio.

A CRÍTICA PLATÓNICA Á DEMOCRACIA E A REPÚBLICA DOS SABIOS DE SPRINGFIELD

En pleno século XXI, a práctica totalidade dos países desenvolvidos teñen réximes democráticos, isto é, os seus gobernos e representantes parlamentarios son elixidos en eleccións libres cada certo período de tempo, e (cando menos formalmente) respéctanse as liberdades básicas (de pensamento, expresión, reunión, folga, manifestación, asociación, etc.) e os dereitos humanos. Quere isto dicir que todo o mundo acepta que a democracia é o mellor dos réximes posible? Non hai ningunha alternativa política a este modelo?
votacion-eleccions-galegas.jpg
Responder a estas preguntas é o que se vos pide neste traballo. Para iso, en primeiro lugar, lembraremos unha das máis antigas e ben fundamentada crítica da democracia, a que Platón formulou na Atenas do século IV a. C. Trátase de ver en que medida esa crítica, dirixida contra a democracia ateniense, pode ser aínda susceptible de ser aplicada ás democracias contemporáneas ou en que medida estas poden defenderse dunha tal crítica.
pericles-fala-asemblea.png
A crítica platónica á democracia podemos adaptala aos nosos tempos do seguinte xeito:
Supoñamos que somos propietarios dun magnífico cabalo de carreiras e que pretendemos presentalo a unha famosa e ben remunerada carreira. Non se nos ocorre reunir a todos os familiares, amigos e coñecidos e facer que voten entre todos para así decidir cal é o mellor procedemento para o adestramento do cabalo. Pola contra, procuraremos informarnos ben de quen son os adestradores máis prestixiosos, os que teñen conseguido máis triunfos con cabalos de características semellantes ao noso, e só entre eles seleccionaremos a quen encargar que prepare ao noso cabalo.
Supoñamos agora que caemos doentes. Non reunimos ao redor da nosa cama a todos os nosos veciños para que mediante votación decidan a terapia que debemos seguir. Non, senón que, se podemos pagalo, chamamos ao doutor especialista máis prestixioso para poñérmonos nas súas mans.
Así que, cando se trata de gañar nunha competición ou cando se trata de curar a saúde do corpo, non nos fiamos da decisión da maioría senón tan só da opinión dos especialistas, os expertos. Como se explica, logo, que no referente ao goberno das cidades e do Estado, que debería constituír o máis importante para nós porque a súa influencia recae sobre todos os aspectos das nosas vidas, aceptemos que sexa o voto da maioría quen decida? Como podemos adxudicar o mesmo valor ao voto dun ignorante e ao dunha persoa culta, ao dun individuo lacazán e que nunca se preocupou de informarse sobre os asuntos públicos e ao dunha persoa ben informada e intelectualmente preparada? E máis grave aínda: como aceptamos que poida chegar ao goberno do Estado un individuo calquera, sen ningún título ou preparación coñecida fóra da súa capacidade de persuadir a un gran grupo de xente para que lle entregue os seus votos? Se temos en conta, ademais, que normalmente son máis as persoas pouco intelixentes cás moi intelixentes, a decisión da maioría condena aos países democráticos a seren gobernados non polos mellores, senón por hábiles mediocres capaces de engaiolar a unha maioría de ignorantes.
Non sería, logo, máis razoable garantir que todos os cidadáns puidesen demostrar as súas capacidades nun sistema educativo aberto a todos pero fortemente selectivo? Só os mellores –en matemáticas, en economía, en socioloxía, en ciencias políticas: nos principais coñecementos que gardan relación coa xestión dos asuntos públicos- poderían superar as distintas seleccións que se irían aplicando. E só entre quen finalmente superasen esas probas se designaría ao ou aos que debería(n) gobernar. Falariamos daquela do goberno dos mellores, os verdadeiramente preparados para gobernar, os (homes ou mulleres) técnicos ou sabios nas artes do bo goberno.
imagesm0ninylm.jpg
Este enfoque seguramente foi tomado en conta polos guionistas da popular serie de televisión “Os Simpson” para desenvolver un dos seus episodios, que é obxecto dunha análise particular no libro Los Simpson y la filosofía (ver referencias). Nese episodio, Lisa, a irmá “lista” dos Simpson, únese con outras persoas consideradas de gran valía intelectual, para expulsar do goberno da cidade de Springfield aos seus corruptos dirixentes, que con todo foran elixidos en eleccións libres democráticas. Pero a “república dos sabios”, imitación da república ideal platónica, fracasa estrondosamente. Serán os propios cidadáns os que reclamarán o regreso dos corruptos porque non aturan a “tiranía” do saber.
lisa-simpson.jpg
Como interpretades vós este fracaso? Pensades que só se trata dunha esaxeración cómica dunha serie de ficción? Ou quizais debemos darlle a razón a Platón e recoñecer que o vulgo ruín e ignorante prefire gobernantes coma eles, ruíns e ignorantes, e que polo tanto a democracia é contraditoria cun goberno sabio e xusto? Estaría, logo, xustificada a tiranía ou ditadura dos sabios (ou o goberno tecnocrático dos expertos) para obrigar ao vulgo a actuar decentemente segundo normas xustas?

REFERENCIAS:
PLATÓN: A República
Simon BLACBURN (2007): La historia de La República de Platón. Debate.
Aeon J. SKOBLE (2009): “Lisa y el antiintelectualismo estadounidense”. En IRVING, CONARD, SKOBLE (ed.): Los Simpson y la filosofía. Balckie Books.

Estes libros están a disposición de quen queira consultalos na biblioteca.

NOVA UNIDADE

A Nova Unidade sobre a que imos traballar podedes consultala aquí:
unidade7-etica.pdf

FALADOIRO MES DE MAIO

O novo Faladoiro terá lugar o xoves día 19 de maio, das 17 ás 18 h.
O seu tema será A ÉTICA DO AMOR
Estas son as lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia:
“La historia más bella del amor” de varios autores. “Los años locos: ahora hay que complacer” (Páxs. 113 a 127); “La revolución sexual: a gozar sin freno” (Páxs. 128 a 145). “La actualidad: ¿libres para amar?” (Páxs. 146 a 164)
“Por qué duele el amor. Una explicación sociológica” de Eva Illouz. Páxs. 309 a 322.
“Amor: el único riesgo que House no puede correr” de Sara Protasi, en “La filosofía de House. Todos mienten”.

APUNTES DE ESTÉTICA

Como algúns dixestes que preferiades dispór nun PDF os apuntes que preparou Claudia, velaquí os tendes
apuntes-estetica-para-1%c2%ba-de-bach.pdf

SOBRE OS ENSAIOS

A estas alturas do curso algúns aínda me preguntades que cómpre facer para redactar un bo ensaio. Alén das instrucións xerais que vos veño dado en clase, coido que pode ser interesante que tomedes algún ensaio feito por compañeir@s como referencia. Logo de pedir autorización aos autores para podelos publicar, velaquí tendes 3 bos ensaios que espero vos poidan servir de orientación. Por suposto, non se trata de que intentedes imitalos porque xustamente un dos valores esenciais dun ensaio é que responda a un punto de vista persoal. O ensaio non require unha documentación a fondo, non esixe citas doutros autores (aínda que, cando se recorra a elas, deben estar claras as fontes), tampouco unha argumentación exhaustiva e unha conclusión pechada. Nun ensaio poden facerse expresas as dúbidas, as inseguridades e as veces as preguntas poden ter máis peso que as respostas.
Espero, logo, que estes bos ensaios vos poidan servir de orientación.

A TÉCNICA EN RELACIÓN CO SER HUMANO
ENSAIO 1
Dende que se produciu a Revolución Industrial (dende metade do S. XVIII en Inglaterra) e despois, en moita maior medida, no desenvolvemento tecnolóxico do S. XX e XXI, a evolución da técnica foi espectacular. Os nosos coñecementos que ata aquel momento, como moito, foran medrando moi lentamente, aumentaron de forma rápida e vertixinosa. Este gran desenvolvemento no ámbito tecnolóxico causa, segundo algunhas opinións, unha menor utilización da razón (o aplicado nas sociedades de hoxe en día é máis ben unha razón instrumental, na que o que se domina é o coñecemento da técnica e dos procedementos para acadar un fin).
No meu punto de vista, o maior problema non é que a tecnoloxía avance a velocidade de lóstrego, senón que as persoas non estean educadas para non deixar que estes produtos creados por nós nos dominen. Que a ciencia progrese de forma rápida pode permitirnos vivir unha vida máis cómoda e fácil, polo que iso non debería supor ninguna desvantaxe. O que provoca o aspecto negativo desta cuestión é, como dixen antes, a educación. Os coñecementos ensinados nas escolas van dirixidos á aprendizaxe de procedementos: ensínanche como chegar ao fin proposto, non intentan que o alumno reflexione e adquira pensamento crítico. Por que buscamos chegar a eses determinados fins?
Ao non impulsar a reflexión nas escolas dende pequenos, facilítase o modelado de persoas fáciles de manipular, que en moitos casos é o que lles interesa aos grandes poderes e ao sistema económico que se atopa vixente na actualidade. Unha persoa que careza de opinión crítica é moito máis sinxela de controlar no traballo, podes sometela a peores condicións de vida sen que se queixe… o que supón un menor custo para as grandes empresas, que son as que controlan o mundo maioritariamente nestes momentos. Isto semella para min unha das razón polo que o modelo educativo que seguimos nesta época se centra na adquisición de coñecementos e no desenvolvemento do emprego da razón instrumental.
Outra das ideas que preocupa respecto a este tema é o mal uso que ás veces se lles dá aos aparellos electrónicos e ás novas tecnoloxías. Creo que a súa boa utilización está nas nosas mans, xa que cada un utiliza o que el cre bo e necesario; non está obrigado a utilizar determinadas aplicacións destes instrumentos. De todas maneiras, remítome ao anterior: cunha educación diferente podería concienciarse das implicacións que leva o uso destes dispositivos. No referido á extensión dos horarios laborabeis, iso creo que debería estar controlado, xa que cada empregado ten un horario concreto, e aínda que o seu xefe teña a capacidade de contactar con el grazas aos avances modernos, isto non debería supor que teña que estar dispoñible en calquera momento. Se tivera que estar pendente e libre ás 24 horas do día, estaríase indo en contra dos dereitos de todo traballador. Neste ámbito penso que nos últimos tempos si que se está indo neste sentido e reducindo os dereitos da clase traballadora.
En resumo, considero que o uso da numerosa tecnoloxía que a día de hoxe posuímos, pode ser utilizada en beneficio noso sempre que teñamos claro os obxectivos que seguimos ao empregala. No ámbito laboral ao que afectan as novas técnicas e a ciencia, estou a favor de que se creen leis que regulen este aspecto para evitar a perda de dereitos dos traballadores. Se seguimos estas pautas, dende a miña opinión, creo que os novos avances poden sernos útiles e positivos.

ENSAIO 2
Respondendo á primeira das dúas preguntas do ensaio, eu penso que non. A técnica, segundo a define o Dicionario da Real Academia Galega é o conxunto de procesos relacionados coa aplicación dos coñecementos científicos para a obtención de resultados prácticos, e o conxunto dos procedementos empregados na produción de calquera obra para obter determinados resultados.
Eu penso que actualmente, na sociedade na que vivimos, nos é imposible vivir sen a técnica, xa que é unha das nosas bases. Todo o que facemos está baseado nunha técnica que se foi desenvolvendo e mellorando co paso do tempo ata chegar aos nosos días. Esta técnica permítenos ter teléfonos móbiles, cos que nos podemos comunicar con calquera persoa en calquera sitio do mundo; ordenadores, que nun principio se empregaban como calculadoras pero que agora empregamos con diversos fins (ver peliculas, chatear, xogar, videoconferencias, realizar traballos…); ou incluso aparellos médicos que nos permiten diagnosticar enfermidades ou curalas de xeito máis rápido e efectivo.
Esta técnica desenvolveuna o ser humano posiblemente co fin de mellorar a vida das persoas axudándoas e facéndolles a vida máis fácil, aínda que despois se foi dirixindo cada vez máis a extremar o control sobre a poboación que adquiría os produtos. Estamos controlados polos produtores, para os que toda a humanidade é simple consumidora dos seus obxectos. Agora todo o que facemos deixa rastro: a tarxeta coa que se paga di onde mercamos, que mercamos, e mesmo as cámaras nas tendas captan a nosa imaxe de satisfacción ou desagrado ante os obxectos que alí vemos e, polo tanto, que é o que nos gusta e o que non para telo en conta. Tamén os ordenadores saben que nos interesa máis polas buscas que facemos. Pódese dicir que controlan o noso pensamento, porque, cando buscamos algo, o primeiro que aparece é xustamente aquilo que procuramos e non outra cousa que leve esa mesma palabra. E isto sucede con todos os seres humanos que utilizamos estes aparellos. Polo tanto,  o que controla os ordenadores controla a humanidade e o peor será cando o fagan as mesmas máquinas contra todos nós.
Realmente, cando empregamos obxectos procedentes da técnica, non nos preocupamos de se esta domina as nosas vidas porque simplemente pensamos que non o fai, e que, se o fai, é para que todo sexa máis fácil, máis cómodo e mellor. En moitas ocasións esquecemos o porqué desa técnica e deixámonos dominar por ela e incluso a empregamos para outros fins contrarios aos que foi concibida.
Eu penso que finalmente chegamos a un estado no que a técnica nos domina e nós non podemos evitalo.
Como resposta á segunda pregunta eu penso que o mellor que podemos facer é non adquirir esas máquinas, aínda que actualmente levar isto a cabo é moi difícil por non dicir que é imposible. A tecnoloxía invádeo todo. En Galicia incluso os procedementos xudiciais e a declaración da renda a Facenda só se poden facer telematicamente. Cada vez hai máis procedementos que só se poden facer así. E que pasa coa xente que non dispón de aparatos ou de coñecementos para facelo dese modo? Non parece que isto sexa poñer as máquinas ó servizo da humanidade, máis ben parece o contrario; os nosos datos para as máquinas, que o saben todo de nós.
Aínda que pensemos que estamos escollendo libremente e que, como pagamos, somos os que decidimos o que mercamos, na realidade non é así. O noso querer por así chamalo está condicionado por diversos factores que nós non controlamos, como por exemplo a oferta limitada (as marcas poden poñer á venda un determinado grupo de produtos que a elas lles interesan sen ofrecer ningún produto substitutivo, e no caso das máquinas, elas poden poñer uns límites que nos non podemos cambiar).
Finalmente debemos acabar aceptando os límites do noso poder como consumidores que se reduce a poder escoller entre un produto ou outro nos estantes das tendas. Pero non debemos confundir isto coa liberdade, xa que esta non é algo que se poida mercar ou vender. Así e todo, cada vez somos menos libres coa invasión da tecnoloxía nas nosas vidas, que nós aceptamos encantados como algo que fai que vivamos mellor, aínda que nos escraviza sen decatarnos apenas ou que acatamos enfeitizados pola novidade.

ENSAIO 3
A técnica e a tecnoloxía (véxanse móbiles, tablets, ordenadores, etc.) entraron nas nosas vidas a modo de axuda. Máis esta “axuda” acadou por facer de nós seres dependentes das máquinas. De seguro que vostede, ao saír da casa, mentres baixa as escaleiras do seu edificio, se se da conta de que non leva o móbil enriba, volta á casa por él. Isto podémolo explixar dun modo moi sinxelo: sentímonos desprotexidos sen el. Pero, cómo chegamos a isto?
Coa xeneralización do internete e dos “smartphones”, caalqueira de nós podía acceder a todo tipo de contidos (fotos, información, música, películas, mapas…). Ademais, grazas ao whatsapp e demasi redes sociais, podemos manter correspondencia binaria de balde. Poderíase dicir que a nosa capacidade para solventar problemas viuse gravemente en desuso, chegando a atrofiarse nlgúns casos. Para qué nos imos preocuparnos por aprender a cambiar unha roda pinchada do noso vehículo se o podemos mirar no internete dado o caso? Despois, se resulta que pinchamos e non levamos o teléfono enriba, podémonos quedar tirados unha infinidade de horas ate que pase alguén que nos poida axudar. Este é un exemplo, pero se podería aplicar a moitas situacións de diversa índole. Outro que se me ocorre é o dos navegadores. Cando eu era pequecho, adoitábamos viaxar nas fins de semana, visitando case toda Galicia. Eu recordo de ir á cama a noite anterior á saída da excursión e ver a meu pai  estudando os mapas e as diferentes estradas e autovías. Quedaba ata moi tarde ocupado por esta labor. Mais agora, coa axuda do navegador (agora veñen incluídos ata nos móbiles), un pode levantarse un sábado e decidir visitar Verín, sen saber cómo chegar alí. Se o seu smartphone se quedase sen batería polo camiño, estaría nun gran apuro.
A realidade é que dependemos totalmente das máquinas. Ademais, as redes socias teñen un poder aditivo maior ca algunhas drogas. Calquer adolescente que se prece revisa o seu “instagram”, “twitter” e “snapchat” alomenos unha 5 veces ó día. Só así se poden manter informados de todo. Se podería dicir que revisar as túas redes sociais é unha tarefa rutinaria, coma quen lava os dentes antes de ir á cama. Mesmo para entregar os traballos escolares (véxase este ensaio mesmamente).
A única solución que se me ocorre é un tanto drástica: eliminar todo aparello electrónico excepto os de uso doméstico (lavadora, lavalouzas, microondas ou forno). Só sendo eliminados poderemos abrir os ollos. Eu teño morriña de cando saía a xogar cunhas pistolas de gomas caseiras polo monte cos meus amigos sendo pequeno. Cando se nos metían os balóns debaixo dos coches ou quedaban atascados no cano da auga, cando organizábamos concertos para a familia coas frautas doces da escola… Coa chegada da tecnoloxía, agora quedamos na casa xogando a Xbox. E é que estas cousas che atrapan sen darte conta, e non te imaxinas un mundo sen elas. Por iso, eu sosteño que fai falta unha volta ó pasado mediante a eliminaciión destes trebellos. É a única solución posible.

Esta é a nova Unidade:
unidade5-oserhumano.pdf

FALADOIRO MES DE ABRIL

O novo Faladoiro terá lugar o xoves día 21 de abril á hora habitual, de 17 ás 18 horas. O tema será, tal como foi proposto no último Faladoiro
O AMOR E A FILOSOFÍA
As lecturas a partir das cales se desenvolverá o Faladoiro son:
Banquete de Platón. Páxs. 70 a 88 e 88 ao final (segundo a edición da versión galega, de Xerais Peto).
El arte de amar de E. Fromm. Páxs. 52 – 67 e 67-81.
“Amor: el único riesgo que House no puede correr” de Sara Protasi, en La filosofía de House. Todos mienten.
Tres declaracións filósoficas de amor por André Comte-Sponville, Camille Laurens e Ruwen Ogiens (Philosophie Magazine, nº 48, abril 2011).
Os libros están dispoñibles na biblioteca. As declaracións cómpre pedilas ao profesor.

ENSAIO MES DE ABRIL

EN QUE MUNDO VIVIMOS?

Os filósofos non fixeron máis ca interpretar de diversos xeitos o mundo,
pero do que se trata é de transformalo.
Karl Marx:Teses sobre Feuerbach. Tese XI.

Máis de 100 anos despois de que Karl Marx escribira esta frase, o mundo certamente se ten transformado moito. Porén, non parece que fosen os filósofos quen propiciaron esa transformación. Foi máis ben o desenvolvemento tecnolóxico o que ten provocado os acelerados cambios que farían que un home ou unha muller da época de Marx (século XIX), se puidesen trasladarse ao noso tempo, apenas recoñeceran nada do que constitúe a vida cotiá no noso século XXI. Acontece ademais que as aceleradas transformacións sociais semellan estar facendo ben difícil o labor de interpretar e dar sentido ao mundo que o pensador revolucionario alemán atribuía aos filósofos do pasado. O que se vos propón é que adoptedes como tema para o ensaio deste mes continuar vós ese labor: como cualificariades o mundo que vos tocou vivir?
facebook-trending-topics.jpg
Para iso, primeiro farei un reconto sumario de algunhas das interpretacións que acadaron certo éxito na segunda metade do século pasado e no que levamos deste, período no que se ten producido esa especial aceleración dos cambios de que antes falamos. Veredes que a miúdo os filósofos (e non só, tamén hai, por exemplo, sociólogos) acoden a metáforas mediante as cales tratan de atrapar a complexidade da nosa cambiante sociedade. Podedes propoñer vós a vosa propia metáfora ou apoiarvos nas que vos parezan máis plausibles das que aquí se enuncian, ou noutras que coñezades.
– Nos anos 60 os autores da Escola de Francfurt denunciaron a sociedade de consumo e a mercantilización da arte e a cultura, coa escisión entre unha cultura de masas banalizadora e a alta cultura (ou cultura “seria”, non banal) só accesible a unhas elites.
– No ronsel desa análise, o francés Guy Débord afirmou que vivimos nunha sociedade do espectáculo, dominada polas mensaxes publicitarias e o xogo das aparencias que encobre a ditadura do poder capitalista.
– O canadiano Marshal McLuhan puxo o acento sobre os medios de transmisión das informacións para salientar que estamos abandonando a Galaxia Gutenberg, dominada polo libro, para entrarmos nunha cultura da imaxe (fotografía, cine, televisión) que algúns deron en chamar, na súa honra, Galaxia McLuhan.
– O italiano Umberto Eco advirte que, diante do espallamento da cultura de masas da man das tecnoloxías de reprodución de imaxes e sons, se abren dous tipos de reaccións: a dos apocalípticos ou tecnófobos, que consideran que esta cultura vai traer consigo a destrución dos valores máis prezados da sociedade occidental; e a dos integrados ou tecnófilos, que aplauden os novos valores da “cultura popular”.
novas-tecnoloxias-dean.jpg
– Na liña dos “tecnófobos” destacan, entre outros, o estadounidense Neil Postman e o italiano Giovanni Sartori que coinciden en atacar especialmente o dominio da televisión. Para o primeiro, a presenza absoluta da televisión está a quebrar o paradigma epistemolóxico da tradición cultural occidental, baseada na distinción entre o verdadeiro e o falso, que o reino televisivo da publicidade fai xa indiscernibles. Para Sartori, a televisión substitúe ao “homo loquens” (o home que reflexiona e fala) polo “homo videns” (o home seducido polas imaxes), co que a democracia perde o seu fundamento (o cidadán elixe aos gobernantes, non en base aos mellores discursos sobre cales son as leis máis xustas, senón do mesmo xeito que escolle entre produtos comerciais, é dicir, seguindo modas, slogans e caras bonitas).
– A finais dos 70, outro francés, François Lyotard, anunciou a fin da modernidade e o xurdimento da posmodernidade, o que segundo el significa a imposibilidade de propoñer “grandes relatos” con pretensión de verdade, que fora a característica da modernidade ilustrada. O posmoderno confórmase con relatos fragmentarios, as veces non de todo coherentes entre si, que intentan atrapar síntomas ou signos inestables, diante da imposibilidade de afirmar verdades estables.
– Nesa liña, o italiano Gianni Vattimo falará dun pensamento débil fronte ao “pensamento forte” da modernidade ilustrada. Cómpre aceptar un san escepticismo no canto de pretender regresar ás “verdades” da modernidade que inevitablemente desembocan en dogmatismos ideolóxicos e tiranías políticas.
- Nos anos 80 ábrese paso con forza, en parte por influencia do posmodernismo, o cuestionamento do eurocentrismo e o patriarcalismo dos discursos filosóficos dominantes, o que dá paso aos chamados “estudos postcoloniais” e “estudos de xénero”. Mentres os primeiros reclaman tomar en conta os puntos de vista e a perspectiva dos ámbitos culturais silenciados polos discursos filosóficos occidentais (desde as civilizacións orientais ata a cultura dos chamados pobos indíxenas africanos, americanos, australianos etc); os segundos denuncian o silenciamento do lugar da muller neses mesmos discursos. Cuestiónase logo a pretensión de universalismo do proxecto ilustrado da modernidade.
– Xa nos 90, o español Miguel Castells salienta os cambios radicais que introduce a xeneralización de internet anunciando a Sociedade da Información que, segundo el, está chamada a transformar as relacións entre as persoas así como os procesos educativos e o propio exercicio da democracia.
logos-redes-sociais3.jpg
– De novo os filósofos divídense fronte á irrupción das novas tecnoloxías e o imperio da transmisión instantánea de información que trae Internet. O español Javier Echeverría falará de Telépolis, unha nova cidade de cidadáns interconectados (telepolitas) que por vez primeira fan realmente posible unha democracia universal. Do outro bando, o francés Paul Virilio denuncia que o cibermundo, ao estar baseado en sistemas velocísimos de transmisión de información que superan as capacidades humanas de control, conduce inexorablemente a un accidente catastrófico, un “accidente global”, do que o crack bursátil de 1987 só sería un anticipo (hai quen di que a actual crise proba o acertado das previsións de Virilio).
– O polaco afincado en Gran Bretaña Zygmunt Bauman fala de modernidade líquida para destacar que na actual sociedade a descomposición dos valores da vella “modernidade sólida” acada ás identidades grupais e individuais; dito doutro xeito, as vellas identidades de grupo (étnicas, nacionais) fragméntanse e recompóñense constantemente ao tempo que o mesmo acontece coas identidades individuais e persoais. Na modernidade líquida ninguén pode dicir eu son “isto” (teño unha profesión, son veciño dun lugar, formo esta familia, mesmo teño este sexo …) porque as identidades líquidas están sometidas ao mesmo fluxo cambiante da produción e o consumo capitalista, dominado pola produtividade compulsiva e as modas.
– Xa nas primeiras décadas do século XXI, o coreano Byung-Chul Han, profesor nunha universidade alemá, describe as nosas sociedades como sociedade da transparencia e sociedade do cansazo. A primeira porque a difusión masiva das redes sociais tende a destruír a vella separación entre público e privado: todo é público, “transparente” e como consecuencia o individuo está sometido permanentemente á imposición dunha positividade abafante que se traduce no “inferno do igual”; a aparente diversidade das eleccións individuais encobre a homoxeneización redutora do cidadán democrático a simple consumidor. A segunda porque esa redución implica paralelamente á condición única do ser humano como “homo laborans”, escravo dunha produtividade incesante (desaparición, logo, da separación entre ocio e traballo: cando nos “divertimos” vendo unha serie na televisión ou consultando o facebook estamos en realidade producindo, traballando).
– Moi diferente é o diagnóstico do francés Michel Serrés quen, coa figura de Polgariña, asegura que cómpre aceptar que está a aparecer un novo suxeito que non pode ser interpretado coas vellas categorías, Co nome de “polgariña” designa as novas xeracións que manexan os móbiles movendo os dedos polgares (non como as vellas que o fan cos outros dedos, aplicando aos novos teclados as habilidades adquiridas coas vellas máquinas de escribir) e que, segundo el, estarían chamadas a producir unha revolución cognitiva, isto é, unha nova forma de producir coñecemento que xa non se basearía na reflexión privada individual senón na construción de ideas compartidas. Esta concepción coincidiría coas teses do conectivismo, defendidas por autores estadounidenses como George Siemens ou Stephen Downes, que anuncian unha nova era de construción de coñecementos en rede.
imagensociedaddelainformacion1.jpg
Poderiamos continuar… Como podedes ver, aínda observando certas semellanzas, o que predomina é a gran diversidade e en ocasións mesmo oposición das teorías coas que estes pensadores pretenden explicar o noso mundo. E ti, cal é a explicación que propós?

« Ant. - Seg. »