ENSAIO MES DE NOVEMBRO
2 November, 2015 por admin
O tema sobre o que debedes desenvolver o voso ensaio deste mes é o mesmo do que nos ocuparemos no Faladoiro deste xoves mais cun enfoque non de todo coincidente. O que se vós pide é que reflexionedes sobre a cuestión da chamada intelixencia artificial, analizando en que medida o concepto de “intelixencia” que se aplica aquí coincide ou non co que usamos cando falamos de “intelixencia humana” ou mesmo de “intelixencia artificial”. E finalmente deberedes pensar nas implicacións de todo tipo (sociais, técnicas, edtéticas, éticas, mesmo políticas) que o desenvolvemente desa intelixencia artificial pode chegar a ter.
Para axudarvos no voso traballo, de seguido vos propoño algunhas cuestións relacionadas con este tema. Non se trata de que vos sintades obrigados a tratalas todas senón que abonda con que seleccionedes aquelas que máis vos interesen. E xa sabedes que se precisades facer algunha consulta, téndemes a vosa disposición.
SOBRE A INTELIXENCIA ARTIFICIAL E A HIPÓTESE DE QUE AS MÁQUINAS POIDAN SUBSTITUÍR AOS SERES HUMANOS COMO FASE SUPERIOR EVOLUTIVA
A definición clásica de “ser humano” foi formulada por Aristóteles hai case 24 séculos: “Animal racional” (zoon logikon en grego). Con esta definición, o filósofo grego recoñecía a continuidade da vida humana con respecto á vida animal (somos animais) mais ao tempo sinalaba a propiedade distintiva dos humanos respecto dos restantes animais: só nós somos racionais, é dicir, somos capaces de pensar seguindo pautas intelixentes e de transmitir aos outros humanos eses pensamentos (a palabra grega “logos”, da que deriva “logikon”, significa tanto “razón” como “palabra” ou “discurso”).

Agora ben, de acordo cos coñecementos que a ciencia nos ten proporcionado na actualidade, podemos seguir dicindo que só nosoutros, os seres humanos, somos racionais, é dicir, intelixentes? O certo é que hoxe falamos tanto de “intelixencia animal” como de “intelixencia artificial”, é dicir, non só temos probas de que outros animais desenvolven condutas que poden ser cualificadas como “intelixentes”, senón que ademais os humanos temos construído máquinas que son capaces de operacións que cualificamos como “intelixentes”. Demostrar que isto é así, obríganos a definir “intelixencia”.
Falamos de actos intelixentes cando estes amosan a capacidade para resolver problemas (sexan estes novos ou vellos) aplicando novas solucións. Cando dicimos que os animais non pensan intelixentemente, malia chegar a realizar construcións de gran complexidade (como, por exemplo, as colmeas das abellas ou ou formigueiros das formigas), salientamos que as súas condutas son froito exclusivamente dunha inclinación instintiva, e non dunha decisión consciente e libre. Así, comparamos as complexas construcións destes animais coas construcións humanas, e constatamos que as solucións das abellas e formigas de hoxe non difiren nada (ou moi pouco) das aplicadas polas abellas e formigas de calquera outro tempo pasado, mentres que é notorio que as construcións humanas foron transformándose co paso do tempo, adaptándose a novas condicións e necesidades, e introducindo variacións como resultado dos desexos ou finalidades conscientes dos seus autores.
Pois ben, certos experimentos, nomeadamente con primates coma os chimpancés, teñen probado que algúns animais son quen de desenvolver solucións improvisadas a problemas imprevistos, utilizando ferramentas elementais. Isto sería sinal dunha intelixencia animal. En consecuencia, a distancia entre o “animal humano” e os restantes animais sería tan só de grao, sen que poidamos descartar que determinados cambios nos procesos evolutivos, ou mesmo intervencións educativas a cargo de seres humanos (como as que foron imaxinadas, por exemplo, polos creadores da película O planeta dos simios), poidan derivar no futuro nunha inversión da xerarquía entre seres humanos e algunha outra especie animal.

Se baseamos as nosas hipóteses na observación das accións é porque o pensamento propiamente dito só pode ser comprobado por quen pensa e, xa que logo, non é susceptible de proba obxectiva: eu só podo dar conta do meu propio pensamento, pero como coñecer o pensar de outro?, e en consecuencia: como podo asegurar que un outro calquera, como por exemplo un animal, carece de pensar? Dicimos que comunicamos os nosos pensamento mediante a linguaxe e, dado que os animais carecen de linguaxe, deducimos que os animais non pensan. Mais, naturalmente, esta é unha mala dedución porque implica unha identidade entre pensamento e linguaxe que está lonxe de poder ser probada. Un mudo carece de linguaxe para se comunicar pero a ninguén se lle ocorre dicir que non pensa. Quedámonos logo con que hai unha intelixencia animal que, hoxe por hoxe, comparada coa intelixencia humana, amosa unhas capacidades máis limitadas sen que poidamos asegurar que no futuro esta distancia non se poida ver modificada en animais cada vez máis intelixentes.
Se agora pasamos ao ámbito da intelixencia artificial, en principio tamén se ten dito que as máquinas chamadas “intelixentes” (os robots) non o serían porque se limitan a seguir os programas prefixados que os humanos que os crearon lles impuxeron, e de ningún xeito poden saírense deles. Así, sempre se dixo que unha máquina, por “intelixente” que fose o seu deseño, nunca podería vencer a un humano nun simple concurso de aplicación de coñecementos, ou nun xogo coma o xadrez, nos que as respostas non poden ser automáticas, senón que requiren decisións improvisadas. Pois ben, en 1997 o ordenador Deep Blue de IBM derrotou ao campión do mundo de xadrez Gary Kasparov e en 2011 o ordenador Watson, tamén de IBM, venceu a concursantes humanos no concurso televisivo Jeopardy!

De feito, o pai dos ordenadores, o matemático británico A. M. Turing, xa en 1950 presentara o coñecido como test de Turing, en forma dunha serie de preguntas que debería permitir discernir, a partir das respostas, se quen respondía era ou non intelixente. A hipótese de Turing era que en realidade existe unha analoxía entre os ordenadores (pensade que daquela estaban aínda nun estado extremadamente primitivo, lonxe da complexidade e eficiencia dos actuais) e o cerebro humano, de xeito que a distancia entre uns e o outro era tan só de grao. Se algunha vez a tecnoloxía fose capaz de desenvolver conexións computacionais comparables aos millóns de enlaces neuronais do cerebro, esa distancia acabaría desaparecendo.
O propio Turing, de feito, chegou a propoñer a idea de que ese paso se acabaría dando cando os ordenadores fabricasen as novas xeracións de ordenadores. É dicir, cando a tecnoloxía computacional superase os límites das capacidades humanas, o que é xa unha forma de dicir que as capacidades dos ordenadores (ou computadores) é en moitos aspectos moi superior á dos humanos: a memoria dos ordenadores é moito máis potente, estable e fiable ca memoria humana; tamén é maior a capacidade para realizar moitas tarefas simultaneamente con igual eficacia ou a capacidade para efectuar cálculos matemáticos de enorme complexidade en escaso tempo…

A literatura de ciencia ficción tense inspirado nestas ideas desde hai tempo. Así, no relato Marque F de Frankestein (incluído no libro Contos da Taberna do Cervo Branco), o novelista británico Arthur C. Clarke (autor de 2001 Odisea do espazo) imaxina que, ao estaren todos os ordenadores do mundo progresivamente enlazados entre si, chegará un intre no que se trocarán nun único e xigantesco cerebro con vida propia. En Soñan os androides con ovellas eléctricas?, o estadounidense Philip K. Dick imaxina un futuro no que se fabrican robots con forma humana en todo indistinguibles dun ser humano, porque dispoñen mesmo de emocións; para impedir que estes robots (ou androides, ou “replicantes”, nome popularizado pola película Blade Runner, inspirada na devandita novela) cheguen a impoñerse aos humanos, son fabricados cun dispositivo de autodestrución programado. Posiblemente a visión máis preocupante é a que ofrece a saga Matrix, filmes que conciben un mundo futuro onde as máquinas teñen escravizados aos seres humanos como simples xeradores de enerxía, inducindo nos seus cerebros unha vida virtual.

No século XVII Descartes concibía que o ser humano era un composto de dúas substancias diferentes: corpo e alma. Mentres que o corpo está sometido ao determinismo das leis físicas e polo tanto carece de liberdade, a alma si dispón dunha vontade libre. Os animais, ao careceren de alma, son corpos sen liberdade. Di o filósofo francés: se fósemos quen de construír un autómata mono cunha aparencia que ninguén puidese distinguir dun mono físico, este non sería máis libre que aquel. Non se podería dicir o mesmo dun autómata home. Pero os ordenadores que xogan ao xadrez e derrotan aos grandes mestres son quen de tomar decisións que implican un alto grao de aleatoriedade. Por non falar dos androides imaxinados pola ciencia ficción. En que consiste logo a especificidade humana? Certos filósofos responden dicindo: os seres humanos son conscientes, isto é, pensan que pensan. Un robot non, limítase a efectuar operacións pero carece da conciencia de que as fai. Mais como podemos estar seguros de que é así?

A vós corresponde dar o voso propio punto de vista.


Praza Pública
