Contidos:

As PAAU

 

Normativa e textos legais das PAAU referente á LOXSE   

Alumnos de Bacharelato LOXSE 

A proba de aptitude para o acceso á universidade para os alumnos que sigan as ensinanzas de bacharelato valorará con carácter obxectivo, xunto das cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica dos alumnos e os coñecementos adquiridos nas ensinanzas desta etapa.
A proba de acceso á universidade, que se realizará en chamamento único por convocatoria, calquera que sexa a modalidade cursada, versará sobre os contidos das materias do segundo curso do bacharelato.
 

As PAAU constan de dúas partes:

Primeira parte da proba

A primeira parte da proba, de carácter xeral, versa sobre as materias comúns do segundo curso do bacharelato. O seu obxectivo consiste en aprecia-la formación xeral do alumno e estará concibida para avaliar destrezas académicas básicas, como a comprensión de conceptos, o manexo da lingua, as capacidades para analizar, relacionar e sintetizar, expresar ideas e así mesmo o coñecemento dunha lingua estranxeira.
Esta primeira parte da proba constará de catro exercicios dunha hora e media de duración:

a)    Composición dun texto de carácter histórico ou filosófico:

Composición dun texto sobre un tema ou cuestión de carácter histórico ou filosófico a partir de diversas fontes documentais incluídas na proposta de exame. A composición deberá integra-los coñecementos do alumno e a información facilitada. Nesta proposta ofertaránselle ó alumnado dúas probas de entre as que elixirá unha. A devandita elección farase polo alumnado no formulario de solicitude de vía ou vías pola/s que o alumno se presenta ás PAAU, no momento de matricularse nestas probas.
O alumnado que teña superado o 2º curso do bacharelato no curso 2002-2003 ou anteriores, deberá examinarse obrigatoriamente da composición dun texto sobre un tema ou cuestión de carácter histórico.

b)    Análise dun texto en idioma estranxeiro da lingua común non especializada:

A partir do texto proposto, o estudiante realizará un comentario persoal e responderá a cuestións relacionadas co texto, que serán formuladas e respondidas por escrito no mesmo idioma, sen axuda de dicionario nin de ningún outro material didáctico. Nesta proposta ofertaránselle ó alumnado dúas probas de entre as que elixirá unha.

c)    Análise e comprensión dun texto de lingua castelá:

A proposta, que consistirá en dúas probas das que o alumno elixirá unha, constará de tres partes, nas que se medirá a capacidade de análise e síntese do contido do texto mediante a elaboración dun resumo e/ou esquema; o comentario crítico sobre o contido do texto e as respostas a un cuestionario de lingua castelá e literaturarelacionadas co texto. 

d)    Análise e comprensión dun texto de lingua galega

A proposta, que consistirá en dúas probas das que o alumno elixirá unha, constará de tres partes, nas que se medirá a capacidade de análise e síntese do contido do texto mediante a elaboración dun resumo e/ou esquema; o comentario crítico sobre o contido do texto e as respostas a un cuestionario de lingua galega e literatura relacionadas co texto. Os alumnos que teñan exención en lingua galega non terán que facer este exercicio.

Segunda parte da proba

A segunda parte da proba, de carácter específico, versa sobre tres materias propias de modalidade do segundo curso do bacharelato: entre elas necesariamente se incluirán as dúas materias vinculadas a cada vía de acceso; a terceira elixirase libremente polo/a estudante entre as propias de modalidade cursadas no segundo curso.
Esta segunda parte da proba apreciará a formación especializada do alumno e estará concibida para avaliar destrezas básicas da especialidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da lingua específica e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.
Respecto a estas materias, o alumno necesariamente deberá examinarse das seguintes disciplinas vinculadas ás vías de acceso que se sinalan:

- Vía Científico - Técnica: Matemáticas e Física.
- Vía Ciencias da Saúde: Bioloxía e Química.
- Vía Humanidades: Latín e Historia da Arte.
- Vía Ciencias Sociais: Matemáticas Aplicadas ás CC. Sociais e Xeografía.
- Vía Artes: Debuxo Artístico e Historia da Arte.

En cada unha destas materias ofertaránselle ó alumno dúas opcións de entre as que elixirá unha ou un único exame con diversas posibilidades de resposta. Estes exames poderán incluír comentarios, cuestións ou repertorios de problemas ou preguntas.
A duración das probas destas materias será de hora e media para cada unha delas.
Para a superación da proba, os/as estudantes poderán presentarse por unha ou dúas das vías de acceso previstas:

  • Acceso por unha vía:
    Constará de tres exercicios dunha hora e media de duración, sobre unha proposta para escoller entre dúas que se lle entregarán ó alumnado. Os exercicios versarán sobre tres materias propias de modalidade do segundo curso, entre as que deben figurar as dúas vinculadas á vía pola que se accede.
     
     
  • Acceso por dúas vías:
    Constará de catro exercicios dunha hora e media de duración cada un deles, sobre unha proposta para escoller entre dúas que se lle entregarán ó alumnado. Neste caso os alumnos deberán examinarse das catro materias vinculadas ás vías de acceso elixidas.

Cualificación dos exercicios

Cada un dos exercicios que compoñen a proba de acceso cualificarase entre cero e dez puntos.
A cualificación da primeira parte da proba será a media aritmética dos catro exercicios que o compoñen.
A cualificación da segunda parte da proba farase do seguinte xeito:
Alumnos que se presenten por unha vía de acceso (3 exercicios): obterase sumando o 40 por 100 das cualificacións obtidas en cada unha das materias vinculadas á vía e o 20 por 100 da cualificación obtida na materia de libre elección:
Materia vinculada á vía * 0,4 + Materia vinculada á vía * 0,4 + Materia de libre elección * 0,2
Alumnos que se presenten por dúas vías de acceso (4 exercicios): os alumnos terán dúas cualificacións, unha por cada vía de acceso que se obterá sumando o 40 por 100 das cualificacións obtidas en cada unha das materias vinculadas á vía e o 20 por 100 da cualificación máis alta das obtidas nas materias correspondentes á outra vía:
Materia vinculada á vía * 0,4 + Materia vinculada á vía * 0,4 + Materia da outra vía con mellor nota * 0,2
No caso dos alumnos que se presenten polas vías de Humanidades e Artes, que se examinarán de tres materias (Latín, Historia da Arte e Debuxo Artístico), a cualificación da segunda parte da proba obterase sumando o 40 por 100 das cualificacións obtidas en cada unha das materias vinculadas á vía e o 20 por 100 da cualificación obtida na materia correspondente á outra vía.
Materia vinculada á vía * 0,4 + Materia vinculada á vía * 0,4 + Materia da outra vía * 0,2
Cualificación global das PAAU
A cualificación global da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas partes. Para ser declarado apto por unha vía de acceso deberase obter, alomenos, catro puntos na cualificación global desa vía.

Cando se acceda por dúas vías, para a segunda parte da proba haberá dúas cualificacións, unha para cada unha das vías, calculadas polo mesmo procedemento establecido no apartado anterior.

Cualificación DEFINITIVA

A cualificación definitiva para o acceso á universidade calcularase ponderando un 40 por 100 a cualificación da proba e un 60 por 100 a nota media do expediente académico do alumno/a no bacharelato. Para considerar superada a proba de acceso á universidade por unha vía, deberase acadar unha puntuación de cinco ou superior na cualificación definitiva.

CRITERIOS ESPECÍFICOS DE AVALIACIÓN

Os criterios específicos de avaliación establecidos polos Directores dos Grupos de Traballo de cada materia do bacharelato faranse públicos unha vez realizados os exames e servirán de base para a corrección dos exercicios e resolución das revisións dos exames que soliciten os alumnos. Nos modelos que se entreguen ós alumnos farase constar a puntuación máxima que se outorgará a cada pregunta.

REVISIÓN DAS CUALIFICACIÓNS

Unha vez publicadas as cualificacións das probas, os alumnos/as disconformes coas cualificacións outorgadas terán dous procedementos diferenciados para solicitar a revisión dos exercicios:

  • a)   Dobre corrección: os alumnos poderán solicitar ante o presidente do Tribunal Único, no prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte á publicación das cualificacións, unha segunda corrección dos exercicios nos que consideren que se produciu unha aplicación incorrecta dos criterios específicos de avaliación. A cualificación resultará da media aritmética de ámbalas correccións, agás nos casos de erros de suma, nos que a cualificación será a que resulte correcta e non a media aritmética. No suposto de que existise unha diferenza de tres ou máis puntos entrámbalas cualificacións, un tribunal distinto efectuará unha terceira corrección, outorgando a cualificación que resolverá a revisión solicitada.
    Sobre a cualificación outorgada polo tribunal, resolución que xunto ás actas de cualificación se fará pública na CiUG e nos LERD e que terá efectos de notificación oficial ós interesados, os alumnos que solicitasen a dobre corrección poderán presentar reclamación mediante escrito razoado ante a Comisión Organizadora, no prazo de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación da resolución do tribunal á que se refire o apartado anterior. A resolución adoptada pola comisión organizadora porá fin á vía administrativa. Os alumnos deberán utilizar exclusivamente para a presentación destas reclamacións os impresos específicos contidos nos sobres de matrícula.
  •  

  • b)   Reclamación: os alumnos poderán solicitar ante a Comisión Organizadora, no prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte á publicación das cualificacións, reclamación sobre a cualificación outorgada trala primeira corrección. A Comisión comprobará se a corrección se axusta ou non ós criterios xerais e específicos de avaliación. Os alumnos deberán utilizar exclusivamente para a presentación desta reclamación o impreso específico contido nos sobres de matrícula. A resolución adoptada pola comisión organizadora que xunto das actas de cualificación se fará pública na CiUG e nos LERD e que terá efectos de notificación oficial ós interesados, porá fin á vía administrativa, quedando excluída a posibilidade de solicita-la segunda corrección á que se refire o apartado anterior.

NÚMERO DE CONVOCATORIAS

Cada alumno disporá de catro convocatorias como máximo para supera-las probas. Non se considera consumida a convocatoria na que o alumno non se teña presentado a ningún exercicio.

REPETICIÓN DAS PAAU PARA MELLORA-LA CUALIFICACIÓN

Coa finalidade de mellora-la súa cualificación, os alumnos que teñan superadas as probas de aptitude para o acceso á universidade poderán volver a realizalas tantas veces como desexen en calquera outra convocatoria. Cando se faga uso desta posibilidade, a proba realizarase por unha soa das distintas vías de acceso previstas.
As novas probas deberanse realizar na mesma universidade, agás que se xustifique debidamente un cambio de residencia.
Neste suposto os alumnos poderán, non obstante, formalizar a súa matrícula na universidade no ano en curso. No caso de non mellorasen a súa cualificación, manterase a cualificación superior acadada con anterioridade.

CÁLCULO DA CUALIFICACIÓN DO BACHARELATO L.O.X.S.E.

O cálculo da nota media do expediente dos alumnos que teñan cursado o 2º curso do bacharelato previsto na Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, débese facer conforme co disposto na Orde do 10 de decembro de 1992 (B.O.E. do 12 de xaneiro de 1993) e na Resolución do 21 de decembro de 1995 (B.O.E. do 11 de xaneiro de 1996).
Nas devanditas Ordes establécese que: “A nota media do expediente farase computando, exclusivamente, as cualificacións obtidas nas materias comúns, específicas e optativas dos dous cursos da modalidade de bacharelato cursada ou, no seu caso, dos cursos declarados equivalentes nos cadros recollidos nos Anexos I, II e VI do Real Decreto 986/1991, do 14 de xuño”. Polo tanto, para os alumnos que estean a cursar o 2º curso de Bacharelato LOXSE e procedan do anterior sistema educativo, o curso equivalente ó 1º curso do Bacharelato LOXSE será o 3º curso do B.U.P.
Para a obtención desta nota media consignarase un só decimal, decimal que se determinará mediante o seguinte redondeo: cando as centésimas da cualificación sexan iguais ou superiores a cinco redondearase por exceso; e cando as centésimas da cualificación sexan iguais ou inferiores a catro redondearase por defecto.
Para o cálculo da nota media do expediente non se incluirá a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión católica, de conformidade co disposto no artigo 16.3º do Real decreto 1700/1991, do 29 de novembro (B.O.E. do 2 de decembro).