I.E.S.

   GREGORIO FERNÁNDEZ

 

Principal
Arriba
Presentación
Estudos
Departamentos
Actividades
Biblioteca
Titorías
Taboleiro
Secretaría

 

 Ideas Positivas do IES GREGORIO FERNÁNDEZ

Cuadro de texto: Novembro
   2005


Ladridos de can

O caso era que tiña que pasar. O rapaz quedara de ver a súa amiga aquela tarde e non lle quedaba máis remedio que botarlle valor e seguir adiante se non quería quedar mal coa rapaza.

Xa outras veces lle acontecera de quedar paralizado alí mesmo, onde o camiño era tan estreito que había que pasar pegado á cancela da finca do can negro. E que mal xenio tiña o condenado do cadelo! Os seus ladridos, agrandados polo eco que se formaba contra o valado da outra beira, soaban coma o un estrondo infernal que metía medo.

E o demo do can botaba as fauces por fóra do enreixado, roendo os arames da porta coma se os quixera tronzar mentres, por entre os caninos, deixaba escorregar unha baballa noxenta que facía máis temible aínda a  eventualidade da trabada.

Quen era o valente de pasar polo camiño? O rapaz detívose uns pasos antes da porta. Quería ir ver á moza, pero os ladridos eran coma labazadas que lle impedían dar un paso.

E alí estaba el, paralizado, tragando cuspe e sen dar movido un só músculo. Se o diaño do can marchara ao fondo da finca, se a el se lle ocorrera traerlle un óso para despistalo... por certo, como sería capaz a rapaza de pasar por alí cada día, camiño da súa casa? Non tería medo ela? Sería que el non era máis ca un cagainas?

No medio das súas cavilacións, deu en achegárselle un vello todo tranquilo:

-          Que fas, rapaz? É que lle tes medo ao can?

-          Teño, si señor; se lle da por saltar a cancela, igual fainos anacos.

-          Igual si; o caso é que aí está a cancela e parece ben segura, non sí?

-          É verdade pero eses ladridos métenlle a un o medo no corpo.

O vello detívose a carón da cancela. O can semellaba adoecido. O rapaz estaba pálido coma un morto. Por fin, o home sacou unha chave do bolso, abriu a porta, colleu ao can polo colar e tirou del, lonxe da cancela.

-          Vai, anda, vai tranquilo que eu termo do can. Pero para outra vez, non agardes que alguén bote man dos teus medos; carga con eles e tira para adiante. Os temores non son máis ca eso: ladridos de can; molestan, pero non morden.

O rapaz seguiu camiño adiande. Os ladridos resoaban por toda a corredoira. O rapaz agora non sabía se o bater do seu corazón era polo medo dos ladridos ou pola emoción de ir ver á moza.

 

Ladridos no camiño

Pensaches algunha vez cales son os ladridos que non che están deixando camiñar por onde ti queres? Ás veces, semellan ladridos de can; asustan moito, pero non son perigosos; outras veces, máis que dar medo, desaniman, botan a un para atrás; e, moitas, moitas, veces, teñen un aspecto agradable, tan agradable que nen nos damos conta de que son ladridos; semellan cantos de serea que nos deixan enfeitizados sen poder darmos un paso máis; é como se en vez de pararnos por medo ao can, nos dera por quedarnos a xogar co cachorriño:

“Vaime sair mal”, “non son bo nesa materia”, “vanse rir de min”, “non teño gana”, “xa o farei mañá”, “góstame máis xogar co ordenador”, “é mellor escoitar música”, etc.

Todos istes son exemplos de ladridos que nos saen ao camiño e nos deixan paralizados se non temos claro onde queremos chegar. Por iso cómpre, primeiro, fixarse un obxectivo, unha meta de chegada que nos faga ilusión. En segundo lugar, estar disposto a aguantar os “ladridos” por fortes que sexan ou por afagadores que se nos presenten e, en derradeiro lugar, ter sempre en conta que, como dixo o vello: non son máis ca ladridos; molestan, pero non morden.

 

A marcha do curso

O primeiro trimestre está ao caer. Aínda é tempo de apretar un pouco o acelerador dos estudios para ver de non quedar atrás. Xa coñeces as ferramentas do “estudiante ao día”: organización, horario, constancia e orde. (As do estudiante atrasado son: desorganización, desorde, acumulación de materia nos últimos días e inconstancia).

 

Xa fixemos o magosto (boa ocasión para coller forzas e apretar máis de firme o acelerador). Agora hai que prepararse para a próxima convocatoria do Premio de Narración IES GREGORIO FERNÁNDEZ que, este ano, preséntase na súa terceira edición! Os premios son ben apetitosos pero o placer de deixar medrar a propia creatividade é moito máis importante que ningún premio. E non hai que olvidarse da próxima convocatoria do Concurso de Ideas Empresariais, do que cada ano xurden unhas moi boas ideas e que algún día esperamos ver feitas realidade.

 

Os compañeiros de 1º e 2º de ESO van participar no programa “CLASES SEN FUME” que organiza a Consellería de Sanidade. Esperemos que poñan a súa creatividade a todo gas e dean acadado algún bo premio.

 

Tamén os compañeiros de 2º da ESO van participar no concurso de redacción organizado por Coca-Cola. De seguro que nesta promoción vaise formar algún escritor famoso.

A principio de curso pasouse unha enquisa polas clases da ESO para ver de coñecer as opinións dos alumnos sobre algunhas cuestións de interese.

Os resultados aínda non están recollidos de todo pero hai algúns datos que cómpre salientar:

Ø       Unha gran parte dos estudiantes de ESO ten totalmente claro que vai continuar estudios, pero unha boa porción estima que vai ter que aplicarse para aprobar este curso.

Ø       O entendemento entre compañeiros parece acadar un bo nivel.

Ø       Os problemas dos que existen mais queixas son os relacionados con bromas que non agradan, excesivos deberes, compañeiros que non deixan traballar, funcionamento deficiente da calefacción e exames moi seguidos.

Ø      Algunhas suxerencias que se fan: empregar máis os ordenadores, que haxa ordenadores nas aulas.

Ø      O que máis se valora do instituto: a non masificación e a biblioteca.

Recomendación:

O próximo número de ORIENTA-T sairá xa en Xaneiro; os exames da 1ª avaliación xa estarán feitos e o curso irá a toda máquina. É importante que non descuides os resultados desta primeira avaliación. Quen espera a coller o próximo tren arríscase a perdelo. NON QUEDES EN TERRA!

 

Frase de ouro

O saber é a única propiedade que non se pode perder.

                                                        Bias de Priene (S. VI a. De C.)