|
|
|
|
7. Prescrición e dispensación de medicamentos veterinarios >> 50 minutos |
|
Prescrición: A fin de protexer a saúde humana e a sanidade animal, é obrigada a prescrición en receita estendida por veterinario legalmente capacitado e, por conseguinte, esixible a súa presentación para a dispensación de:
Medicamentos veterinarios que estean sometidos a esta esixencia.
Cando non exista un medicamento veterinario autorizado para unha doenza, pódese administrar a un animal ou a un pequeño número de animais dunha explotación concreta e sempre previa prescrición veterinaria e aplicación polo veterinario mesmo ou baixo a súa vixilancia e responsabilidade, un medicamento de uso humano.
A receita veterinaria é o documento polo que os facultativos veterinarios legalmente capacitados prescriben a medicación para a súa dispensación polos centros autorizados.
A receita para a prescrición dos medicamentos veterinarios, agás os estupefacientes, psicótropos e os pensos medicamentosos, deben ter unha parte orixinal, para o centro dispensador, e dúas copias, unha para o propietario ou responsable dos animais e outra que queda en poder do veterinario que fai a prescrición.
Para que as receitas teñan plena validez deben conter os seguintes datos:
Sobre o prescritor (veterinario), un selo coa seguinte información:
Código de identificación (número de colexiado).
Nome e dous apelidos.
Dirección completa.
Provincia do Colexio ao que pertence.

Lendas: No reverso de todas as receitas de prescrición normal deben figurar as dúas seguintes lendas: "Válido só para un medicamento" e "Caduca aos dez días".
O facultativo prescritor debe facer constar os seguintes datos:
Nome e dirección do propietario/a ou responsable dos animais.
Denominación do medicamento perfectamente lexible, especificando a forma farmacéutica, a presentación, se existen varias, e o número de exemplares que deben dispensarse.
Tempo de espera
fixado,
aínda que sexa nulo, para os animais produtores de alimentos con destino ao
consumo humano.
Sinatura e rúbrica do prescritor.
Data da prescrición.
lnstrucións para o propietario ou responsable dos animais sobre o uso e administración do medicamento (estas instrucións poden figurar na receita ou nun documento aparte).

Vista da receita veterinaria. Os tres corpos (orixinal, primeira e segunda copia), son iguais no anverso
O reverso de cada un dos corpos da receita é distinto:
O reverso do orixinal (para o farmacéutico/a dispensador) inclúe unha dilixencia para o caso de que o farmacéutico/a substitúa o medicamento prescrito. Debe facerse constar a substitución e se lle dá validez coa sinatura do farmacéutico e a sinatura do responsable do animal.
O reverso da primeira copia (para o responsable do animal) inclúe a mesma dilixencia de substitución e outra dilixencia para o caso de que o animal cambie de responsable (por exemplo, por venda). Nese caso débese informar ao comprador do tratamento que está a recibir o animal, asinando vendedor e comprador.
O reverso da segunda copia (para o veterinario) só inclúe instrucións de uso.
Cando se trata de ordes veterinarias para a elaboración dunha fórmula maxistral ou dun preparado ou fórmula oficinal, faise nunha receita oficial normalizada na que, ademais da información indicada nos puntos anteriores, debe figurar:
A composición cuantitativa e cualitativa.
O proceso morboso (enfermidade) que se pretende tratar e a especie animal á que se destina.
A cantidade a elaborar.
Se o que se prescribe é un penso medicamentoso existe outro tipo de receita específica na que basicamente se inclúen os mesmos datos que nunha receita para medicamentos, pero ademais inclúense outros datos relativos ao penso:
Afección que se vai a tratar.
Prazo de conservación do penso.
Cantidade de penso a preparar (en Kg.).
Nome ou razón social do proveedor do penso medicamentoso.
Recomendacións e proporción do penso na ración diaria, frecuencia e duración do tratamento.
As lendas "Caduca aos 10 días" e "Válido para un so tratamento".

Anverso do orixinal, primeira e segunda copia da receita para penso medicamentoso
Tamén o reverso da receita para pensos é distinto, coa salvedade de que o orixinal (para o fabricante ou distribuidor) non ten nada no reverso posto que un penso medicamentoso non pode ser substituído.
O reverso da primeira copia inclúe a dilixencia por venda do animal, coa sinatura do vendedor e o comprador.
O reverso da segunda copia (para o veterinario/a), inclúe as instrucións de uso.
NOTA: Aínda
que nas imaxes da receita para pensos medicamentosos pon unha validez de trinta
días, unha corrección de erros establece que a súa validez é de dez días. A
mesma corrección de erros indica que no reverso da segunda copia debe poñer a
lenda "A medicación prescrita non superará o tratamento de máis dun mes"
.
Dispensación: Os medicamentos veterinarios só poden dispensarse en:
Oficinas de farmacia legalmente autorizadas.
Entidades ou agrupacións gandeiras legalmente autorizadas.
Establecementos comerciais detallistas legalmente autorizados.
No caso de fórmulas maxistrais ou preparados ou fórmulas oficinais só as oficinas de farmacia están autorizadas para a súa elaboración e sempre que estea indicada claramente o destino das mesmas (explotación gandeira ou animais concretos).
1.- Oficinas de farmacia: Respecto á dispensación de medicamentos veterinarios, fórmulas maxistrais e preparados ou fórmulas oficinais, teñen as seguintes obrigas:
Dar cumprimento a canto fai referencia á dispensación das mesmas como centros exclusivos autorizados para a súa elaboración.
Reseñar no Libro de Rexistro de
Tratamentos Veterinarios
os medicamentos de uso humano,
cando sexan obxecto dunha prescrición veterinaria.
2.- Entidades ou agrupacións gandeiras: Deben cumprir os seguintes requisitos:
Dispor de locais acondicionados de xeito que non afecten negativamente á almacenaxe dos produtos e dotados de medios refrixeradores axeitados, con dispositivos de control que garanten o funcionamento dos mesmos.
Levar a cabo un programa zoosanitario que, incluíndo o estricto cumprimento das normas sobre sanidade animal que lle sexan de aplicación e o cumprimento dos tempos de espera, sexa aprobado pola correspondente Comunidade Autónoma.
Contar con Servizos Farmacéuticos e Veterinarios responsables do cumprimento das obrigas que lle encomenda a lei:
Dos técnicos farmacéuticos:
Garantir o cumprimento das disposicións de orde sanitaria sobre dispensación de medicamentos veterinarios.
Coidar que a almacenaxe dos
medicamentos se efectúa nas debidas condicións e garantizar a súa lexitimidade
de orixe.
Verificar as condicións sanitarias de transporte, de entrada e saída de
medicamentos.
Supervisar o cumprimento da lexislación especial sobre estupefacientes e psicótropos e esixir a adopción das medidas axeitadas sobre o seu control.
Colaborar nos programas zoosanitarios que requiran dos seus servicios profesionais.
Dos técnicos veterinarios:
Garantir o cumprimento dos programas zoosanitarios.
Prescrición dos medicamentos.
Supervisión dos tratamentos e a responsabilidade do cumprimento dos tempos de espera.
Subministrar medicamentos veterinarios exclusivamente aos seus membros.
Estar identificados coa lenda "Produtos zoosanitarios".
Non almacenar máis ca medicamentos veterinarios e outros productos sanitarios de uso veterinario autorizados e aditivos de alimentación animal que figuran nas listas positivas oficiais, sempre nos envases orixinais intactos e, no caso de aditivos, axeitadamente identificados.
Garantir a observancia das condicións xerais ou particulares de conservación dos medicamentos e especialmente o mantemento da cadea de frío en toda a rede de distribución.
Dispensar medicamentos veterinarios sometidos a prescrición veterinaria só contra a presentación da correspondente receita.
Conservar a documentación detallada que deberá conter como mínimo os seguintes datos para cada transacción de entrada ou saída:
Data.
Identificación precisa do medicamento veterinario.
Número de lote de fabricación.
Cantidade recibida ou subministrada.
Nome e dirección do proveedor ou do destinatario.
Cando se trata de produtos sometidos a prescrición, nome e dirección do veterinario que recetou o medicamento e referencia á receita arquivada.
Levar a cabo, canda menos unha vez ao ano, unha inspección detallada na que se contrasta a lista de produtos entrantes e saíntes coas existencias nese momento, elaborando un informe en caso de irregularidades.
A presencia e actuación profesional do farmacéutico responsable do servizo ou servizos farmacéuticos debe garantir o cumprimento das funcións encomendadas.
3.- Establecementos comerciais detallistas: Deben cumprir os seguintes requisitos:
Dispor de locais acondicionados de xeito que non afecten negativamente á almacenaxe dos produtos e dotados de medios refrixeradores axeitados, con dispositivos de control que garanten o funcionamento dos mesmos.
Contar cun servizo farmacéutico.
No que fai referencia ao subministro de premezclas medicamentosas, pode efectuarse directamente ou a través dos canais comerciais autorizados para a distribución ou dispensación de medicamentos veterinarios de prescrición e só con destino ás industrias elaboradoras de pensos medicamentosos e, no seu caso, ás explotacións gandeiras expresamente autorizadas. En calquera caso deben someterse aos requisitos de almacenaxe, conservación e control documental que se esixen aos demais medicamentos veterinarios.
Produtos de distribución e venda por outros canais: Os medicamentos destinados aos animais de compaña, de terrario, paxaros domiciliarios, peixes de acuario e pequenos roedores que non esixan prescrición veterinaria poden distribuírse e venderse en establecementos distintos aos previstos máis arriba sempre que cumpran coas condicións de almacenaxe, conservación e control documental para medicamentos sen receita.
Botiquíns de urxencia: Cando por razóns de distancia e urxencia e se nun municipio non existe oficina de farmacia nin un centro de subministro de medicamentos veterinarios autorizado pódese establecer un botiquín de urxencia que só pode conter aqueles medicamentos que fixe a Administración e no que non poden incluírse estupefacientes nin psicótropos.