Os imáns teñen a propiedade de atraer a outros imáns e tamén ao ferro e a outros metais. Caracterízanse por ter dous polos, chamados N (norte) e S (sur). Os polos opostos de imáns diferentes atráense e os do mesmo tipo rexéitanse. Mesmo a Terra compórtase como un imán xigante, o seu polo N coincide co Sur xeográfico e o seu polo sur co Norte xeográfico.
Aínda que o comportamento dos imáns poida parecer semellante ao das cargas eléctricas en repouso (positivas ou negativas) obsérvase experimentalmente que non acontece nada se achegamos un imán a un corpo electricamente cargado. Non se observa efecto ningún, de onde deducimos que ás cargas eléctricas en repouso non lles afectan para nada os imáns.
Foi Oersted quen demostrou experimentalmente que as correntes eléctricas (cargas eléctricas en movemento) producen efectos magnéticos observables sobre os imáns. Dedúcese que as correntes eléctricas e os imáns teñen un comportamento semellante. As correntes eléctricas son a causa do comportamento magnético. Pero se as correntes eléctricas producen efectos magnéticos ... os imáns producirán correntes eléctricas? Podemos comprobar experimentalmente que si. Se movemos un imán perto dunha espira conductora ou movemos unha espira conductora perto dun imán aparece unha corrente eléctrica na espira que se pode detectar facilmente mediante un amperímetro.
Aplicacións: timbre, teléfono, motor eléctrico, aparatos eléctricos, dinamos, etc..
Anterior: CORRENTE ELÉCTRICA ; Seguinte: MODELO ATÓMICO