| |
HADRIANO
E ANTÍNOO tiñan
unha orixe moi diferente. Hadriano naceu en Hispania
-na cidade de Itálica, preto de Sevilla- e foi
proclamado emperador do imperio romano no 117 d.C.;
Antínoo era natural de Bitinia -daquela, unha
rexión grega de Asia Menor- e alí o coñeceu
Hadriano durante unha das súas numerosas viaxes
polas provincias de oriente. O emperador quedou fascinado
pola beleza do rapaz, mais tamén pola súa
sensibilidade e a soñadora melancolía
do seu carácter. Incorporouno de contado ao seu
servizo e preocupouse de que recibise a mellor educación
posible. Desde entón, convertéronse en
compañeiros e amigos inseparables. Pero aquel
mozo fermoso e un pouco tristeiro non estaba destinado
a gozar dunha longa vida. Os astrólogos do séquito
de Hadriano anunciaron ao emperador que a súa
hora fatal estaba próxima; só podería
esquivala se alguén morrese voluntariamente no
seu lugar. Pouco despois, durante un paseo en barca
que realizaban polo Nilo, Antínoo, que coñecía
a predición, ergueuse de súpeto, lanzouse
ás augas e pereceu afogado.
Hadriano nunca atopou consolo tras o suicidio do seu
amante. Honrou a súa memoria fundando unha cidade
- Antínoe - no lugar onde o río devolveu
o seu cadáver. E non só iso: cuñou
moedas coa súa imaxe, puxo o seu nome a unha
constelación, fundou xogos e festas que lle estaban
dedicados e incluso o elevou á categoría
de divindade, asociándoo aos cultos de Apolo,
Dioniso, Hermes e Osiris, e adxudicándolle tamén
templos e sacerdotes propios. Fixéronse centos
de estatuas do novo hóspede do Olimpo - moitas
das cales aínda se conservan - e din que o emperador
sempre viaxaba polo menos con unha.
No 138 d.C. morreu Hadriano, só oito anos despois
que o seu amado. Non obstante, o culto de Antínoo,
ao que chamaban "o deus amábel", mantívose
vivo ata o século V, e só se extinguiu
coa definitiva imposición do cristianismo. Como
din algúns, a este rapaz que apenas puido pisar
o limiar da súa mocidade, tocoulle en sorte converterse
na última creación ideal da arte antiga
e no derradeiro deus do mundo clásico.
|
|
|
|
|
Gregorio
Prieto, Lúa de mel en Taormina
|
|
|