|
|
|
|
TRISTÁN
E ISOLDA son
os protagonistas dunha fermosa historia de amor celta,
posta por escrito na Francia do século XII,
pero bastante máis vella nas súas orixes.
El, o cabaleiro Tristán, é natural de
Leonís, na actual Escocia, mais, trala morte
dos seus pais, medra ao carón do seu tío,
o rei Marco de Cornualles. Pero o país de Marco
non é libre; está obrigado a pagar un
oneroso tributo, en riquezas e en escravos, aos irlandeses.
Cando Tristán acada a mocidade, enfróntase
en combate singular contra o xigantesco Morholt, irmán
da raíña de Irlanda e guerreiro que
nunca fora derrotado. Contra todo prognóstico,
o inexperto Tristán sae vencedor e Cornualles
queda libre do xugo estranxeiro. Mais o seu campión
está ferido de morte: a espada de Morholt tiña
o gume empezoñado e os médicos da corte
non son quen de curalo. Finalmente, déixano
nunha barca á deriva, sen remos nin vela, para
que sexa a sorte quen decida. E a fortuna lévao
ata as costas de Irlanda, onde o recolle Isolda a
Loura, que é versada nos "bálsamos
e bebedizos que reaniman incluso aos agonizantes",
e sálvalle a vida. Pero Isolda é a sobriña
de Morholt e Tristán escapa de alí antes
de que alguén o recoñeza. Xa de novo
en Cornualles, certo día unha andoriña
entra por unha xanela aberta e deixa caer "un
longo cabelo de muller, máis delgado ca un
fío de seda e máis resplandecente ca
un raio de sol". O rei Marco declara que só
casará coa muller á cal pertenza ese
cabelo. Identificala parece imposible, pero Tristán
non ten dúbida de quen é a súa
dona e parte cara a Irlanda, coa misión de
solicitar en matrimonio a Isolda a Loura en nome do
seu tío. As vodas concértanse e con
elas queda establecida a paz entre os dous reinos
inimigos. Pero durante a viaxe de regreso, os dous
rapaces beben por erro un filtro máxico destinado
a que Isolda e Marco se amen para sempre. Xurde entón
entre eles un amor que non conduce á felicidade
senón a unha permanente insatisfacción
que só rematará coa morte dos amantes.
Unha e outro quixeran manterse fieis ao rei, pero
a paixón é máis forte ca eles
e arriscan a vida en cada un dos seus encontros clandestinos.
Rodeados de intrigantes que desexan a súa perdición,
sofren e gozan dun amor que non coñece a tranquilidade
e vense sometidos a constantes e perigosas probas,
das que saen airosos axudados pola súa aguda
intelixencia. Finalmente, Tristán marcha ao
desterro e morre en Bretaña angustiado pola
ausencia, que é máis daniña ca
o veleno. Isolda non tardará en seguilo. Pero
as súas almas atormentadas continúan
a vivir nesta historia de amor e de aventuras que,
tanto onte coma hoxe, non deixa de engaiolar a quen
a le.
|
|