Camille e Auguste
 
 
CAMILLE E AUGUSTE non foron felices, mais o seu amor foi intenso, pasional, amargo e creativo. Desde moi nena Camille Claudel dera mostras do seu talento para a plástica e tivo a fortuna de contar coa comprensión e o apoio do seu pai, que a enviou a clases de escultura malia o manifesto desacordo da súa esposa. A súa innata capacidade chamou a atención dos seus profesores e aos dezanove anos entrou no taller dunha celebridade da profesión, Auguste Rodin, que tiña vinte e catro máis ca ela. Ambos os dous complementáronse á perfección e parecía que cada un tivera a sorte de atopar a súa alma xemelga, tanto na vida como na arte. Pero non todo era luz e claridade; había tamén algúns nubeiros que, en lugar de disipárense, convertéronse co tempo nunha terrible forza destrutiva. Auguste vivía con outra muller, da que nunca quixo separarse, e de cara ao público Camille non foi xamais outra cousa que a súa alumna. Ademais, a obra dela viuse escurecida pola sona do seu "protector", pois a meirande parte dos críticos atribuían calquera mérito da súa produción á influencia do mestre. É probable que a man dela estivera presente en esculturas que só levan a firma de Rodin, pero daquela incluso os eloxios deixan ver que prexuízos tivo que afrontar: "Realmente é unha obra moi nobre e vigorosa para tratarse dunha muller", anota, nun informe sobre A idade madura, un inspector da Dirección de Belas Artes. Finalmente, tras quince frutíferos e convulsos anos, a relación rompeuse en 1898.
   
Camille Claudel , A idade madura
 
Desde entón, Camille loitou por saír adiante sen axuda estatal nin familiar, bordeando a miseria e alimentando un odio crecente cara a aquel home só comparable ao amor que sentira por el. Pero as cousas aínda non tocaran fondo. En 1913, apenas unha semana despois da morte do seu pai, a súa familia decidiu recluíla nun psiquiátrico en réxime de illamento, sen permitirlle recibir visitas nin correspondencia. Nunca sairía de alí. A súa nai nunca foi vela e, tralo pasamento desta, en 1929, o seu irmán Paul, nomeado poeta e diplomático de carreira, negouse a sacala do hospital, onde morreu en 1943. Antes, en 1932, chegara ás súas mans unha carta de Eugéne Blot, antigo amigo e editor: "Un día que Rodin estaba de visita, vino ficar de súpeto inmóbil diante dese retrato [A suplicante, obra de Camille], contemplalo, aloumiñar docemente o metal e chorar. Si, chorar. Coma un neno. Hai quince anos que morreu. En verdade, nunca amou a ninguén senón a vostede, Camille, pódoo dicir hoxe. Todo o demais -aquelas aventuras lamentábeis, aquela ridícula vida mundana, sendo como era el un home do pobo- era o exutorio dunha natureza excesiva. Oh! Ben sei, Camille, que a abandonou, non trato de xustificalo. Vostede sufriu demasiado por el. Pero non retiro nada do que acabo de escribir. O tempo poñerá cada cosa no seu sitio."
 
 
E se che interesou esta historia
podes ler:
H. Ibsen , Cuando los muertos despertamos, en Teatro completo, Ed. Aguilar
Anne Delbée, Camille Claudel, Ed. Circe
A. Rivière/B. Gaudichon (eds.), Camille Claudel, Correspondencia, Ed. Síntesis
podes ler e ver:
Camille Claudel: 1864-1943 (catálogo de exposición), Fundación Mapfre
Rodin y la revolución de la escultura: de C. Claudel a Giacometti (catálogo de exposición), Fundación La Caixa
Gilles Néret, Auguste Rodin, esculturas y dibujos, Ed. Taschen
e podes ver:
cine: Bruno Nuytten, La pasión de Camille Claudel (1988)
 
Índice
Lou e Rainer