| |
LOU
E RAINER eran
de lingua e cultura xermanas, aínda que ambos
os dous naceran fora de Alemaña (ela en San
Petersburgo, el na Praga que aínda formaba
parte do imperio austrohúngaro). Coñecéronse
nun teatro de Múnic, en 1897, cando el era
un rapaz tímido de vinte e un anos que estaba
dando os seus primeiros pasos como escritor, mentres
que Lou Andreas Salomé -muller intelixente,
de carácter libre e independente e tres lustros
maior ca el- tiña tras de si unha rica e intensa
vida intelectual e afectiva, que comprendera, na década
anterior, unha estraña e sonada relación
a tres, de atracción e rexeitamento ao mesmo
tempo, con Friedrich Nietzsche e o seu común
amigo Paul Rée.
Aquel encontro no teatro non foi casual senón
buscado por Rainer, que xa antes enviara a Lou varios
poemas anónimos, e a química entre os
dous xurdiu rapidamente. Daquela, el aínda
se chamaba René. Foi Lou quen lle cambiou o
seu nome de pía polo de Rainer e, sobre todo,
quen deu un vigoroso e definitivo impulso á
carreira literaria de quen acabaría converténdose
nun dos piares da poesía alemá moderna:
Rainer María Rilke. A parella amouse con apaixonada
urxencia, coma se quixera apurar cada instante dun
tempo que intuía fugaz e limitado. E o presentimento
non era equivocado, pois no abrente do novo século
separáronse e cada cal emprendeu o seu propio
camiño. Porén, non deixaron nunca de
interesarse mutuamente pola súa sorte, ou,
se cadra, de amarse doutro xeito. "Fuches para
min a máis maternal das mulleres. / Fuches
un amigo como o son os homes. / Ao ollarte eras unha
femia / e as máis das veces eras un cativo.
/ Fuches o máis tenro que xamais atopei / e
o máis duro contra o que loitei. / Fuches a
altura que me bendiciu / e o abismo que me devorou",
escribíalle Rainer, mentres que ela, pola súa
banda, anotaba, máis de quince anos despois
do afastamento: "O meu querido e vello Rainer,
(...) teño a impresión de que, nalgunha
parte, estamos xuntos os dous, apertados o un contra
o outro, coma dous nenos que falan en voz baixa e
se din algo doloroso ou tranquilizador." Lou
continuou sendo a conselleira, confidente e musa de
Rainer ata a morte deste en 1926. Ela morreu once
anos despois, poucos días antes de que os nazis
asaltaran a súa casa para queimar a biblioteca.
|
|