Hero e Leandro
 
René Magritte, As marabillas da natureza
 
 
   
HERO E LEANDRO eran dous rapaces que vivían nas beiras opostas do estreito que os antigos bautizaron Helesponto e os modernos chamamos Dardanelos -ela en Sestos, na marxe europea, el en Abidos, na costa de Asia Menor-. Coñecéranse durante un festival da deusa Afrodita, a cuxo culto estaba Hero prometida como sacerdotisa, e namoráronse de inmediato. Pero tiveron que manter a súa relación oculta dos seus pais e víanse ás escondidas.
Todas as noites, Hero acendía unha lámpada na torre da súa casa e aquela luz servía como guía a Leandro para cruzar o estreito a nado. Antes de que amencese, o mozo regresaba á súa vila utilizando o mesmo medio: o vigor dos seus brazos e pernas. Grande era o esforzo, pero pagaba a pena, pois "os praceres daquelas noites son tan difíciles de contar como as algas do mar", segundo di o seu protagonista. E o sentimento medraba, alimentado pola ledicia cotiá: "Xa os curvados delfíns saben dos nosos amores e penso que non son un descoñecido para os peces." Nun abrir e pechar de ollos pasaron os doces meses de verán, despediuse tamén o suave outono e chegou o áspero inverno con toda a súa crueza. Espertou a furia do vento, arborouse o mar e os amantes, separados pola inclemencia dos elementos, desesperaban coma náufragos nas súas propias casas: "Transcorre a sétima noite, tempo para min máis longo que un ano, desde que o mar intranquilo ferve con roncas augas. (...) Sentado nalgunha rocha contemplo triste as túas praias e trasládome coa miña alma alí onde non podo chegar co meu corpo", di o atribulado Leandro. Hero, pola súa banda, ás veces impaciéntase ("...cando a forza das ondas cede un pouco na súa bravura, quéixome de que poidas vir pero non queiras... (...) Ulo gran nadador aquel que desprezaba as augas?"), mais de contado arrepíntese e suplica ao seu amado que non faga algunha tolemia ("...procura desdeñar o estreito de tal xeito que non deixes de temelo; o mar afunde as naves, construídas con arte, e ti pensas que os teus brazos son máis poderosos ca os remos?").
Unha noite de ceo encapotado, Leandro non atura máis o suplicio da soidade e aventúrase temerariamente nas ameazantes augas do Helesponto. Ao lonxe albisca un feble puntiño de luz que é toda a súa forza. Mais, na metade da travesía, desátase a tempestade, un refacho apaga a lámpada de Hero, encréspase o mar e o infortunado mozo é sepultado polas ondas. Á mañá seguinte, a rapaza baixa ata a praia co peito oprimido por un mal presentimento. E a premonición tórnase certeza porque alí, na area, está o corpo sen vida do seu namorado. Abrázao, béixao unha e mil veces e, cando por fin se farta de chorar, sube outra vez á súa torre e, desde alí, lánzase ás augas para atopar a mesmo destino que Leandro.
 
 

E se che interesou esta historia
podes ler:
Ovidio, Heroidas, XVIII, XIX, Ed. Alianza
Museo, Hero y Leandro, Ed. Gredos
Quevedo, "Romance de Hero y Leandro"
Mirolad Pavic, La cara interna del viento, Ed. Espasa Calpe
podes escoitar:
C. Monteverdi, O lamento de Leandro
e podes ver:
pintura: William Etty, Hero e Leandro
Evelyn de Morgan, Hero na súa torre

 
Índice
Narciso