| |
NARCISO
e... OSICRAN.
É probable que sexa difícil atopar a
alguén que non oíra falar algunha vez
do narcisismo; con todo,non sería estraño
que non soubese quen era o personaxe que legou o seu
nome a esta curiosa, aínda que non infrecuente,
actitude.
Pois ben, conta a lenda que Narciso naceu en Grecia
e que os seus pais consultaron a un célebre
adiviño acerca do futuro que agardaba ao novo
membro da familia. O home contestou que o neno alcanzaría
unha longa vida, pero a condición de que non
cumprise coa máxima máis famosa do igualmente
famoso oráculo de Delfos: "Coñécete
a ti mesmo". A verdade é que os pais non
entenderon a resposta, pero como todo este gremio
das predicións tiña no seu natural un
falar confuso, déronse por satisfeitos e aí
quedou a cousa, que a tarifa só cubría
unha pregunta.
Co tempo, Narciso medrou e converteuse nun mozo moi
atractivo. Case todas as rapazas, e algúns
rapaces, suspiraban por el, pero Narciso non facía
caso de ninguén e era insensible ao amor. Ata
houbo unha ninfa que murchou da pena (á que
chamaban Eco, porque cada vez que o vía atrapallábase
tanto que só conseguía repetir o final
das palabras do seu galán, quen, claro está,
pensaba que era parva), e tanto esmoreceu a coitadiña
que non ficou dela senón a voz. Pero ninguén
é inmune ás frechas de Cupido e así
foi que un día, atafegado pola calor, Narciso
inclinouse sobre unha fonte para beber e contemplou
a súa imaxe reflectida na auga: atopouse guapísimo.
Quedou pasmado, alucinado, namorado... E o frechazo
foi tan forte que o matou. Pobre Narciso, caeu na
fonte tentando apagar o desexo que o consumía
e afogou. Mais polo menos legou o seu nome a todas
aquelas persoas que, de tanto que se queren a si mesmas,
non deixan lugar para ninguén máis no
seu corazón.
|
|
 |
|