| |
PEDRO
E INÉS
coñecéronse en circunstancias pouco propicias.
El, que tiña vinte anos, era o príncipe
herdeiro da coroa portuguesa e ía casar coa filla
dun duque español. Inés de Castro tiña
entón quince, era natural de Monforte e chegou
a Portugal como dama de compañía da noiva,
que era prima súa. Contan que o amor xurdiu a
primeira vista e desde o mesmo día en que se
viron, Pedro foi incapaz de amar a súa esposa.
A inclinación do príncipe pola dama galega
foi en aumento e, ante o crecente escándalo,
o rei Afonso IV desterrou a Inés de Portugal.
Pero cinco anos despois da voda Pedro enviuvou e logrou
que ela se instalase en Coimbra. Naquela cidade, a parella
viviu feliz durante case unha década e, tras
o nacemento do seu cuarto fillo, os amantes casaron
en segredo. Mais esta unión non foi vista con
bos ollos pola nobreza lusa e en xaneiro de 1355, aproveitando
que Pedro estaba ausente nunha cacería, Inés
foi asasinada na súa propia casa co consentimento
do rei. Pedro, furioso, levantouse en armas contra o
seu pai, pero foi derrotado. Porén, poucos anos
despois Afonso IV morreu e Pedro ascendeu ao trono.
A súa primeira medida foi facer executar aos
asasinos de Inés -por certo, arrincándolles
o corazón-. Pero fixo tamén algo máis:
desenterrou o cadáver da súa amada, vestiuno
con roupas reais, púxolle a coroa e obrigou aos
nobres a que bicaran a man da morta como a da súa
lexítima raíña. Antes de morrer,
ordenou que o seu propio sartego estivese unido polos
pés ao sartego de Inés, pois quería
que ela fose o primeiro que contemplasen os seus ollos
o día da resurrección. Ata hoxe, as súas
tumbas están xuntas no mosteiro portugués
de Alcobaça.
|
|
|