|
|
|
ROMEO
E XULIETA
case non precisan presentación. Quen non oíu
falar dos amantes de Verona ou do odio irreconciliable
que enfrontaba aos Montesco e os Capuleto? Non obstante,
recordemos a historia, por se acaso.
Romeo Montesco é un guapo adolescente, valente
e algo namoradeiro: "-...compara o seu rostro con
outros que che mostrarei e convenceraste de que o teu
cisne é un corvo. (...) -Outra máis fermosa!
O sol, que todo o ve, non viu nada igual dende a orixe
do mundo", di o noso rapaz, que tiña o don
de falar florido, en ofendida resposta a un amigo. Pero
non pensedes que o obxecto da súa admiración
era Xulieta; daquela tratábase dunha tal Rosalina
que o traía desfeito en suspiros. Para achegarse
a ela, cóase nun baile ao que non estaba invitado
e alí... oh, sorpresas que nos depara a vida!:
"Unha nívea pomba entre corvos semella esa
dama entre as demais (...) Amei algunha vez? Ollos,
negádeo. Nunca ata agora vira a verdadeira fermosura".
Acertastes: esta si que é Xulieta e, desde ese
momento, Romeo xa non se lembra de Rosalina nin ten
ollos para ningunha outra. O seu amor é correspondido,
pois Xulieta tamén se namora perdidamente del:
"Xa te fuches, amor, dono, esposo, amigo? Teño
que saber de ti cada hora do día, pois cada minuto
semella moitos días." De maneira que todo
se encamiñaría cara a un final feliz...
se estivesen sós no mundo. Pero as súas
familias son inimigas e, por se iso fose pouco, os Capuleto
xa teñen prometida a súa filla ao conde
Paris, un parente do príncipe de Verona. A parella
casa en segredo, coa esperanza de que os pais de Xulieta
acepten esa voda como un feito consumado e sobreveña
a paz. Por desgraza, non é así. Romeo
atópase na rúa con Tebaldo, un primo de
Xulieta que o reta a combater; o mozo intenta rexeitar
o desafío, pero, ante a teima do outro, vese
obrigado a loitar e mátao, polo que é
condenado ao desterro. Ao mesmo tempo, os pais de Xulieta
fórzana a aceptar o matrimonio que lle teñen
concertado. A situación tórnase desesperada
e os amantes apelan a un plan tan audaz como perigoso
para fuxiren xuntos. Mais todo fracasa e a morte convértese
na recompensa final dun amor que a vida non puido amparar:
"Onde están os inimigos? Capuleto e Montesco,
mirade o castigo do voso odio: o ceo mata as vosas alegrías
con amor". Pero todo isto hai séculos que
don William Shakespeare o conta moito mellor.
|
|