Marcela e Elisa
 
Maruxa Mallo, Mansaxe do mar
 
 
MARCELA E ELISA adiantáronse á súa época e, por certo, en máis de cen anos. Coñecéranse a finais do século XIX, durante a súa etapa de estudantes na Escola Normal de Mestras da Coruña, e fixéronse compañeiras inseparables. Mais tanto chegaron a intimar que a familia de Marcela decidiu enviala a Madrid, nun intento de pór fin as murmuracións que empezaba a suscitar unha amizade considerada excesivamente estreita. Porén, esa prevención non acadou maior logro que interromper temporalmente a súa relación, pois, tempo máis tarde, volvéronse atopar, exercendo xa ambas as dúas o maxisterio en parroquias veciñas, pertencentes aos concellos de Coristanco e Vimianzo. Tralo reencontro, acordaron vivir xuntas, cousa que, en principio, non chamou a atención de ninguén. Mais Elisa deu un paso máis alá: masculinizou o seu aspecto, trocou o seu nome polo de Mario e inventou para si mesma un pasado transcorrido en Londres que incluía un pai ateo. Vestida, pois, de home, dirixiuse á parroquia de San Xurxo da Coruña e solicitou, baixo a aparencia de Mario, ser bautizado a fin de normalizar a súa situación coa igrexa e dese xeito poder contraer matrimonio. A argucia funcionou á perfección e Elisa-Mario mais a súa amada Marcela desposáronse o 8 de xuño de 1901 nunha cerimonia con crego, testemuñas e padriños.
Con todo, o engano non puido manterse senón por breve tempo. Xurdiron as sospeitas e Elisa foi forzada a someterse a un recoñecemento médico. O escándalo non tardou en saltar ás páxinas dos xornais e a vida da parella volveuse un verdadeiro viacrucis: despedimento do emprego, burlas, chocalladas, insultos, agresións - que á prensa da época lle parecían ocorrencias moi graciosas. Finalmente, requiridas por unha orde xudicial de busca e captura, tiveron que fuxir. Sábese que pasaron por Tui e chegaron ata Porto, mais a pista pérdese ás beiras do Douro. Hai indicios de que embarcaron rumbo a América, probablemente con destino a Bos Aires.
 
 
E se che interesou esta historia
podes visitar:

Galipedia: Primeiro matrimonio homosexual en España
 
Índice
Jan e Elisabeth