|
|
|
Remedios
Varo, Bordando o manto terrestre, III
|
|
|
PAOLO
E FRANCESCA
viviron en Italia, nunha época en que as cidades
eran estados independentes e a meirande parte delas
se atopaban divididas en dos bandos inimigos: os güelfos
e os xibelinos, partidarios respectivamente do Papa
e do emperador, daquela rivais na loita polo dominio
da gran bota mediterránea. Francesca era filla
do señor de Rávena e no ano 1275 casara
con Giovanni Malatesta, primoxénito e herdeiro
da familia que gobernaba Rímini. Mais o enlace
non se fixera por amor senón porque así
conviña aos intereses do pai de Francesca, que
esperaba obter substanciosos beneficios políticos
e comerciais desa unión.
Porén, malia que os comezos do seu matrimonio
foran pouco alentadores e desprovistos de calquera paixón
ou de dozura, o amor, ese cativo tenro e desapiadado,
acabou chamando á porta de Francesca baixo a
figura de Paolo... o irmán menor de Giovanni.
Cantas prohibicións se interpuñan entre
eles! A lei humana e a divina alzábanse coma
murallas insuperables entre o cuñado e a cuñada,
mais nin muros nin corazóns foron quen de resistir
aquela forza superior que arroiou todo ao seu paso.
Os dous mozos amáronse con loucura; pero os seus
foron beixos e agarimos gozados con amargura, roubados
nas sombras da culpabilidade que a súa ledicia
iluminaba como unha candeíña temerosa
que o primeiro sopro podería apagar. E o refacho
fatal non tardou en extinguila, porque ambos os dous
morreron, nunha mesma hora, atravesados pola espada
do marido e do irmán.
Anos despois, o gran viaxeiro das terras do alén,
o florentino Dante Alighieri, atopou as súas
ánimas penando no inferno, mais incluso alí
eternamente xuntas, como pombas coas alas abertas
ás que o desexo chama ao doce niño.
O poeta rógalle a Francesca que sexa ela mesma
quen conte a súa tráxica historia e a
desventurada rapaza compráceo, agradecida pola
súa compaixón, malia que iso supoña
renovar a vella dor. Así, dos seus propios beizos
sabemos que o amor xurdiu en silencio, cheo de medos
e sen ousar manifestarse, ata que un día, mentres
lían xuntos un libro, "... este, que nunca
máis se afastou de min, / na boca me beixou todo
tremente."
Por certo, os derradeiros anos da súa vida pasounos
Dante en Rávena, como hóspede dun sobriño
de Francesca.
|
|