11
 

A visión típica da figura feminina nos contos tradicionais é a dunha muller fermosa, dunha bondade extrema, fráxil, doce, que despois dunha vida cruel sempre acaba atopando a felicidade co seu príncipe azul.

No caso de Brancaneves ela é unha rapaza doce, indefensa, que vive maltratada e envexada pola súa madrasta, xa que é máis bela que esta.
Tal situación provoca que a madrasta ordene que a maten. Ela logra salvarse, no bosque é protexida polos sete ananiños, ata a chegada do seu príncipe azul.

Se nos referimos á Cincenta tamén atopamos a unha rapaza traballadora, sometida á vontade da súa madrastra e medias irmás. A súa única compañía son os animais, cos que mostra o seu carácter dócil. Todo este sufrimento vese recompensado coa aparición da súa fada madriña, que lle axuda a asistir ó baile real, o que propiciará que se cumpra o seu soño: ser princesa.

Por último, a historia da Bela Durminte comeza sendo esta un bebé: unha fada enfurecida, unha vez máis pola envexa, enfeitiza a nena cun sono profundo ata que o príncipe rompa o maleficio cun bico de amor.

A meta das mulleres de hai uns anos, máis ben poucos, era atopar un marido, crear unha familia e facerse cargo dos seus fogares. As súas ambicións non ían máis alá diso, non buscaban superarse a si mesmas, conformábanse co que lles ofrecían os seus maridos.

Os casos de mulleres que seguían estudando máis alá do obrigatorio eran moi poucos e ademais non estaban ben vistos. Que unha muller puidese aspirar a ter o traballo dun home era unha opción inexistente, xa que non había igualdade de ningún tipo.

En relación cos contos, a figura que máis se achega á descrición que acabamos de facer é a da Bela Durminte, xa que Brancaneves e a Cincenta conseguen superar as distintas complicacións coas que se atopan ó longo da súa vida, posto que son maltratadas polas súas madrastas, o que fai que se sintan desgraciadas, pero non abandonan a súa loita pola vida.
Ilustración de David Viqueira

Na actualidade aínda quedan restos desta mentalidade retrógrada, pero en menor medida.
As rapazas seguimos buscando formar o noso fogar e atopar o home perfecto. O que si cambiou dunha maneira moi positiva é o número de mulleres que teñen uns estudos superiores e que conseguen un traballo que antes estaba relegado exclusivamente a homes; podemos ver mulleres á fronte de empresas, policías e tamén médicas, algo que antes era impensable.

Onde están as mulleres dos contos? Brancaneves, Cincenta e a Bela Durminte desapareceron completamente, deixando paso a mulleres decididas, emprendedoras, seguras de si mesmas e, sobre todo, moi loitadoras, sen medo a nada.

Non podemos permitir que a nosa mentalidade volva ser a de antes; de vez en cando temos que botar a vista atrás e non volver caer nos erros do pasado (quen esquece o pasado está condenado).

Así que, baseándonos nesta afirmación, pedímosvos que todas xuntas loitemos pola IGUALDADE.

Rocío Peiteado, Vanessa Taboada, Sonia Méndez, Sandra Varela e Patricia Cea, 1º Bach.

 
     
 
Pero, como dixo Vicente Risco, nesta vida todo é segundo se mire. Así que, se queres coñecer outra perspectiva sobre a muller dos contos tradicionais, pincha aquí.