| |
|
| |
| |
A arquitectura é unha das necesidades máis antigas do ser humano. Dende a cultura do Neanderthal ata os nosos días o home veuse obrigado a protexerse dos outros depredadores e das inclemencias meteorolóxicas. Esta necesidade estimulou a súa imaxinación na procura de espazos que o protexeran do medio e á vez que lle fixeran a vida máis cómoda e confortable. Desde as primeiras grutas ou covas que lle serviron como refuxio, foise desenvolvendo ao longo dos milenios unha técnica construtiva cada vez máis depurada e versátil que lle permitiu ao home acadar un nivel de seguridade e benestar que contribuíu notablemente ao desenvolvemento da humanidade. A arquitectura, como técnica construtiva, estivo ao longo da súa historia determinada polas condicións ambientais e culturais dos homes que a levaban a cabo. Así, as culturas nómades desenvolveron un tipo de vivenda axustada ás súas necesidades de mobilidade, mentres que as sociedades sedentarias iniciaron un modelo construtivo totalmente diferente, máis perdurable e con materiais máis estables, que darían lugar aos primeiros núcleos de poboación, ou ás primeiras “urbes”. A arquitectura tampouco foi allea a unha das coordenadas culturais máis importantes e universais do home: a relixiosidade. Monumentos funerarios no paleolítico, pirámides de Exipto, templos aos deuses da cultura greco-romana ou da cultura inca, e catedrais, mesquitas ou sinagogas nas culturas monoteístas máis próximas a nós son só algúns dos exemplos desta relación.
|
|
| |
Pero por debaixo das circunstancias culturais, ambientais ou históricas que condicionaron e condicionan a arquitectura, hai un denominador común ao longo da súa historia: a función. Louis H. Sullivan (1856-1924), na súa obra The autobiography of and idea (1923), afirma que en toda experiencia arquitectónica a forma vén determinada pola función á que se destina a construción. Pero non existe un só funcionalismo. Así, a función existencial da arquitectura baséase na necesidade do home de ocupar un hábitat adaptado ás súas necesidades e tamén ás súas limitacións como animal. A funcionalidade técnica, pola súa parte, é a perfecta adecuación da forma á función. A funcionalidade utilitaria é a que vén dada polo uso ao que se destina a construción. Todo arquitecto se debe ao uso do edificio e, se non é útil para aquilo para o que foi deseñado, a construción pode considerarse fracasada.
Pero, as funcións da arquitectura non acaban nestas tres necesidades, tamén ten unha función estética. Harmonizar e humanizar o espazo é a tarefa desta función. Unha construción debe procurar unha certa harmonía visual que a faga atractiva, acolledora, cálida, confortable para o corpo e para o espírito, equilibrada ou orixinal para que o home se sinta invitado a vivila e a gozala.
|
|
Para o arquitecto galego César Portela a arquitectura debe ser respectuosa co contorno e máis afectuosa cos homes, debe crear espazos diversos, onde o dentro e o fóra, o estar e o pasear, o ocio e o traballo, a privacidade e a comunidade, non sexan conceptos excluíntes.
Este debería ser o marco de referencia de toda arquitectura, pero desgraciadamente nos últimos anos en Galiza vense dando un fenómeno arquitectónico alleo a toda consideración estética. Un fenómeno para o que se acuñou o nome de feísmo, palabra que denota calquera cousa menos beleza. Asistimos nestes últimos tempos a unha arquitectura onde o parámetro preferente á hora de construír é case exclusivamente o económico; onde o promotor busca o máximo beneficio e o comprador o mínimo custo. Evidentemente, neste contexto hai pouco lugar para a estética. Sería, porén, moi simplista atribuír o feísmo unicamente á contención do custo dunha vivenda. O factor cultural tamén é moi relevante. A este respecto, César Portela recordounos na clausura da Semana Galega de Filosofía deste ano 2005 que “a arquitectura é a expresión material de como pensa, sinte e se manifesta unha sociedade nunha época e nun lugar determinados. E como se manifesta, sinte e pensa, en xeral, a sociedade galega actual queda claramente expresado cando contemplamos a produción arquitectónica que, nas últimas décadas, ten destruído unha gran parte do territorio e das cidades, sen a menor consideración”.
|
|
| |
En Galiza existe ademais unha idea moi xeneralizada e nefasta para a estética arquitectónica: cada un no seu fai o que lle dá a gana. Se a isto engadimos que un gran número de construcións viñéronse realizando ata fai pouco sen proxecto nin licenza algunha, xa temos o terreo abonado para o caos arquitectónico que sufrimos.
No ano 2002 o Parlamento Galego aprobou a nova Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural co fin de tentar poñer fin a este feísmo. Porén, mentres a falta de sensibilidade e respecto polo contorno xunto coa desidia ou falta de interese das administracións polo cumprimento da lei sigan presentes na nosa sociedade, é difícil ver un cambio significativo na nosa paisaxe urbana e rural que faga deste país un lugar máis habitable e fermoso.
Vila de Cruces, a nosa vila, desgraciadamente non é unha excepción a ese feísmo, antes ao contrario, podémola considerar un paradigma do mesmo. Desorde nas alturas, vivendas sen rematar, uso de materiais non axeitados, formas anódinas ou descoido do contorno son, entre outras, algunhas da causas deste caos arquitectónico que invita a marchar antes que a vivir nesta vila. |
| |
Deseguido mostrámosche un documento gráfico que exemplifica estas afirmacións, pero que tamén mostra que outra arquitectura é posible. Se queres velo, preme na imaxe. Non esquezas que para ver a presentación en pantalla completa tes que picar no icono de presentación que está na marxe inferior dereita.
|
|
| |
Texto e fotografías: Carina Pol, Alejandro Fiuza, Iñaki Mosquera e Marta Castelo, 1º Bach.
Traballo dirixido polo prof. Manuel Mira |
| |
|
|
|
|
|
|
|